A INSUA

por antón Ferreira

Volver a galiciasuroeste.info Localización Chegan os frades A Fortaleza  Lendas e miragres

                                                                                                                                                        Plano de Gonçalo Brandão (1757)

        O señorío de Caminha e o convento pasaron a ser propiedade da Coroa, a mediados do século XVII pola conspiración do marqués de Vila Real contra o rei D. João IV, sendo executados o nobre e o seu fillo, que era segundo duque de Caminha.

Coa intención de protexe-la entrada da barra, punto estratéxico, dada a guerra contra España, pero tamén como medida de protección do convento fronte ós ataques corsarios, o rei João IV mandou construír a fortaleza empregándose as mesmas pedras do rochedo sobre o que se levantou o convento.

   A fortaleza ten forma de estrela de cinco puntas con cadanseu baluarte defensivo, iniciándose as obras en 1649 e rematando en 1652. Ó norte, na á deste lado, atópase unha campá que ten gravados dous salmos nunha especie de cinta que discurre pola campá, e na porta principal atópanse as armas dos Limas, por estar a construcción baixo as ordes do Gobernador das Armas da Provincia do Minho, D. Diogo de Lima. No patio inferior da construcción principal existe un pequeno claustro con dobre columna.

O primeiro gobernador da fortaleza da Insua foi Domingos Mendes Aranha. Dase, entón unha difícil coexistencia entre os frades e a guarnición militar.

A ámbolos dous lados da porta principal que dá acceso ó interior da fortaleza, figura gravada na pedra a seguinte inscrición “A piedade do muy alto e poderoso monarca, el Rey D. João IV, ministrado pela intervenção e a assistencia de D. Diego de Luna Nogueira, General e Bisconde de Vila Nova de Cerveira, Gobernador de Armas, e exército da provincia Entro-Douro e Minho dedicarão esta fortifição a Serenissima Rainha dos Anjos Nª. Sª. De Insua para asylo e defensão dos religiosos da primeira regra serafica que assistan nos continuos jubilos desta Senhora, debaixo de cujo patrocinio se assegura a defensa desta costa. Fez-se a obra na era de 1650”.

Foto: Agustín Ferreira-ANABAM

Un dos dous canóns da Insua

 En 1690 dótase de dous canóns de bronce, montados sobre unha base de ferro, segundo recorda a lenda gravada en ambos “Armas reais de D. João IV Rey de Portugal. Sendo Tenente General Ruy Correia Lucas Martins Es. 1649”. En 1670, amplíase o convento, construíndose un andar elevado (ata entón só dispoña da planta baixa), con cinco celas.         

En 1676, volven a realizarse obras de ampliación do convento, e en 1707, constrúense a sala capitular, novas celas e o retablo do altar. Dez anos máis tarde, gracias a intervención de D. João V, reedifícase a igrexa, e se lle incorpora un teito abovedado de pedra e o coro alto.

            A fortaleza coñecerá novas obras de reparación, en 1793 e 1795, ano este no que os frades abandoan a Insua, aínda que voltarán a ela anos despois.

            En 1807, durante o reinado de Carlos IV, desembarcaron forzas españolas producíndose a 1ª ocupación da Insua, e, coincidindo coa invasión francesa, voltaría a ser ocupada en 1808.

                                                                                                                                                               Foto Arquivo Dixital Aéreo

            Agás estas invasións puntuais, a Insua foi sempre portuguesa, incluso cando quedou unida á costa galega por unha lingua de area que permitía o paso a pé ata o seu interior.

            Cando, en 1834, por un Decreto do goberno, extínguense as ordes relixiosas en Portugal e dominios portugueses, exclaustrasen os frades e nacionalízanse os seus bens, o convento pasa a integrarse no patrimonio nacional portugués, e a guarnición militar continuará aínda ocupando a fortaleza.

            En 1910, a fortaleza da Insua é declarada Monumento Nacional, e pasa ó Ministerio de Finanzas (1940) e, en 1987, dependerá xa do Instituto Portugués do Patrimonio Cultural.