A INSUA

por antón Ferreira

Volver a galiciasuroeste.info Localización Chegan os frades A Fortaleza  Lendas e miragres

Localización

    Hai máis de catorce mil anos, durante a Glaciación de Wurm, o esteiro do Miño non se parecía en nada a como o coñecemos hoxe nesa imaxe que podemos contemplar desde a cima do monte Santa Trega ou de San Antón, en Caminha (Portugal).

    Daquela, espesas capas de xeo cubrían o continente europeo e a península Ibérica non se libraba dos glaciares.

    O curso do río Miño era máis fondo e a costa se situaba ata más alá dos seus límtes actuais, pois o mar tiña descendido con respecto á actualidade, segundo algúns autores, ata corenta metros por debaixo do actual nivel.

    As dunas do piñeiral do Camarido non existían e o que hoxe é a Insua non era máis que a continuidade do monte Santa Trega formando o seu un picouto máis ó sur.

    Cos desxeos, hai once ou doce mil anos, sucederá todo o contrario: o nivel das augas se eleva, incluso por riba do nivel actual asolagando aquel picouto do sur; formarase un novo brazo do río Miño, entre o Monte e o Terroso, que convertirá o Santa Trega nunha illa e que desembocará polas actuais praias de Fedorento e Area Grande (A Guarda).

    Posteriormente, as augas do océano irán descendendo e desaparecerá o brazo norte do río Miño. A acumulación dos sedientos van restando profundidade ó río, pero a desembocadura seguirá sendo aínda moi amplia, tal e como se reflicte nunha carta portuguesa de 1501 (elaborada por Pedro Reinel, hoxe desaparecida), aínda que, paseniñamente, se irá colmatando dando lugar ás formacións dunares do Camarido, en Portugal, ou do piñeiral de Camposancos, na Guarda. Pero aínda, en 1654, no Mapa do Reyno de Portugal, o piñeiral de Camarido estaba dividido en dous, formando outra illa de area entre a Insua e terra firme.

    .

                                                                                             A desembocadura do río Miño desde o Monte Santa Trega

     A Insua é un topónimo que, segundo A.B. Gouveia, é a forma curta do latín ínsula, co significado de illa. 

  Trátase dun conxunto rochoso de apenas dúas hectáreas de superficie que se atopa na desembocadura do Miño, entre A Guarda e Caminha, á que pertence, separada de Moledo apenas por 300 metros. Tamén é coñecida como a Insua Nova, sendo a Insua Vella o conxunto rochoso que aflora na maré baixa ó norte da Insua.

                                                                                                                                        A Insua desde a praia de Moledo

Segundo algúns estudiosos, Posidonio escribiu que na foz do Miño existía una illa con dous peiraos e Estrabón menciona que nesta illa, entón chamada Illa Peláxica (segundo identificación do profesor e historiador portugués J. Leite de Vasconcelos que estudiou o poema de Rufo Fausto Avieno Oræ Maritimæ), se daba culto a Saturno. O lugar cristianizouse coa denominación de Santa María da Insua, para os portugueses, e Santa María de Carmes, para os galegos. 

                                                                                                                                                                    Atardecer na Insua

Antes de ser ocupada, dícese que era empregada polos baleeiros para descuartiza-las baleas no areal. De feito D. Afonso IV concedeu, en 1340, a Afonso Domingues todas as baleas do reino, desde a foz do río Miño ata o Guadiana.

Mais, aínda se fala que antes de se funda-lo convento, existía na illa unha ermida baixo a advocación da Nosa Señora da Salva ou Señora da Boa Viaxem, nome que lle daban os pescadores e mareantes portugueses acudindo, cada 8 de setembro, moitos peregrinos e romeiros á Insua.