A INSUA

por antón Ferreira

Volver a galiciasuroeste.info Localización Chegan os frades A Fortaleza  Lendas e miragres

Lendas, miragres e outras curiosidades

            Cóntase lendas e miragres acontecidos na illa. Como a desaparición dos sargos do mar da Insua debido ós improperios proferidos por un comandante da armada galega. Se di que na illa non hai ratos nin animais “ponzoñentos”segundo escribe Frai Pedro de Jesús “Tense por gran prodixio outra marabilla e é a de non criarse nela bicho ponzoñento. Se algún chega coas inundacións non dura moito tempo. O non haber quí ratas é unha miragre continuada que aínda hoxe causa admiración”.

            Outra lenda sinala a existencia dun pasadizo secreto que comunica a illa coa praia de Moledo (Portugal), pero ninguén, aínda, descubriu onde se atopa a entrada ou a saída deste misterioro corredor.

            Cóntase que un tal Francisco Gonçalves, pescador e barqueiro na Insua, fixera voto a Nosa Señora de entregar unha lamprea, como esmola ós relixiosos, por cada doce que pescase. Aconteceu que logo de pescar doce, a seguinte non a deu como tiña prometido, quedándose coas trece. Dícese que, nos trece días seguintes, mentres os outros pescaderos fixeran unha gran colleita, el non pescou ningunha lamprea como castigo por incumprir a promesa.

            Neste mesmo sentido, nárrase outra promesa incumplida. A de dous homes que prometeran entregar ó convento a primera lamprea que pescasen. Pero levados pola cobiza, mudaron de parecer ó comprobar que esa primeira lamprea era dun maior tamaño que as demais, de modo que decidiron entregar unha das outras lampreas. Pero tan pronto decidiron cambiar, a primeira lamprea, que era a de maior tamaño, caeu ó río e veo saír a praia, onde a tomaron os relixiosos.

Entre outros miragres de sona está aquel relacionado coa falla de auga. Os frades subsistían das esmolas dos pescadores do río Miño, sen embargo, a falla de auga doce facía insostible aquela situación. Conta Frai Pedro de Xesús María Xosé (“Origem e Progresso do Real Convento de Santa Maria da Insua de Caminha”), que “estaba Frai Diego Arias inmensamente satisfeito da fermosura do lugar, pero tiña grande tristura pola falla de auga. Escoitou a Nai de Deus as súas fervorosas oracións e sobrevíndolle un prácido sono, aparecéuselle a Virxe María en forma de belísima doncela, indicándolle o lugar onde cavando atoparía a fonte que tanto desexaba. Fíxoo así, conseguindo encontrar boa auga” na hoxe chamada por moitos “Fonte Milagrosa”.

Outra miragre fala das pedras que antes de caer sobre os frades, detíñanse no aire ata que aqueles se apartaban da súa traxectoria, ou aquel outro miragre que se refire á invasión da Insua por corsarios ingleses o 13 de outubro de 1602: entón Frai Jerónimo de San Juan colleu o Cáliz Sagrado e escondeuno nunha das mangas do seu hábito; logo, axudado por outros frades, baixou do seu pedestal a imaxe de Nosa Señora. Fray Jerónimo, que pola súa idade non podía camiñar tan a présa como as circunstancias o requerían, acompañado dos demais frades, retirouse por detrás dunha das rochas desaparecendo miragrosamente da vista dos corsarios que arrasaron a pequena illa e, non atopando a niguén, abandonárona volvendo a ser visibles Frai Jerónimo e os seus irmás frades.

E aínda se narra aquela que, segundo as crónicas, no Convento e, sobre todo, na igrexa, non se oía o mar por moi bravo que estivese, de modo que os frades non se inquietaban, dedicándose ós asuntos espirituais polos que se retiraran á illa.

Igual que algunhas igrexas e santuarios galegos conservan imaxes atopadas no mar, tamén, neste entorno da Insua sucedéronse feitos semellantes. Mariñeiros portugueses e galegos que se atopaban faenando nestas latitudes, descubriron aboiando no mar un arcaz de madeira, disputando uns e outros a súa pertencia, xa que ambos querían izalo a bordo das súas respectivas embarcacións. Dise que o arcás se inclinaba hacia a parte portuguesa, convindo os mariñeiros galegos en renunciar a el. Cando abriron o arcás, no seu interior comprobaron que había un Cristo no Horto, en madeira policromada, con manto real de púrpura,  coroado de espiñas e as mans atadas, e dous cálices de prata ademais dunha custodia. O Cristo no Horto sería logo o Patrón da Confraría do Bom Jesus dos Mareantes.

.

Invocacións

            A Nosa Señora da Insua (a Estrela do Mar, dos pescadores) se invoca en situacións graves. Os mariñeiros, nas tormentas, e todos cando a saúde falla. Pero tamén para encontrar obxectos perdidos, curar situacións de esterilidade e traer a chuvia en periodos de seca, só por citar algunhas situacións que reclama o crente e fiel devoto.

(Nota as fotos son da colección de postais editadas polo Museo de Caminha)

.

..

Ligazóns coa praia de Moledo

                                        Ligazón entre Moledo e Caminha, na primavera de 2001 (Foto L.Almeida. www.caminha2000.com)

.

            A data máis antiga de que se ten documentación menciona o ano 1575 como o primeiro no que a Insua se uniu coa praia de Moledo mediante un brazo de area que permitiu o paso a pé desde terra firme. Posteriormente se documentaron outras unións: 1582, 1629, 1708 (neste ano relata o manuscrito de B. do Porto: "...pasaban a pé homes e mulleres de Moledo e algúns relixiosos e soldados, e como estas noticias corren por toda a tierra, viñeron noutros días numerosas xentes a cabalo e en carros. Algunhas señoras, por romería ou devoción, descalzábanse e pasaban, chegándole a auga aos nocelos". Oito días despois o areal desfíxose e novamente a Ínsua desligouse da costa), 1895, 1899, 1947 (data da que se conserva unha fotografía na que se pode ver os caminhenses, e carros tirados por bois adornados con frores, cruzar á illa. Durante os días, en que permaneceu a ligazón, foron moitos os que se achegaron á Insua celebrándose, incluso, unha misa na capela do convento), e a última vez foi na primavera de 2001, pasando milleiros de persoas, á Insua.

            Tamén se documenta, como máis arriba se dixo, algunha unión coa costa española, segundo dá conta Frai Pedro de Jesús quen di que o P. Juan Póvoa deixou escritos desta unión, e advertía ós frades que “tivesen cuidado coas cabras de Camposancos que soían vir a comer a herba dos muros e as viñas que na horta do convento había”.

 

O expolio

Foto: Carlos Magalhaes-ANABAM

Posta de sol desde o interior da Insua

O abandono en que quedou sumida a illa motivou actos vandálicos e de latrocinio. Toda a talla barroca da capela e os magníficos azulexos do século XVII, desapareceron. De non ser por xentes preocupadas, como é o ocaso do funcionario da Cámara Municipal de Caminha, Raúl do Carmo Reis de Sousa, que salvagardou imaxes, pinturas e alfaias, hoxe non restaría nada das pertencias do convento.

Hai algúns anos contaba un pescador afeccionado da Guarda, ser testemuña de como un pescador portugués, logo de coller madeira, posiblemente dun retablo, fixo unha fogueira con ela.

            No ano 2000, a Cámara Municipal de Caminha organizou no Museo Municipal desta vila portuguesa, unha exposición co título “Insua no caminho dos mareantes”, na que se poideron contemplar moitos dos obxectos recuperados do convento fundado por Frai Diego Arias, en 1392.

Os últimos inquilinos da illa

    A guardesa Carmen Portela e o seu marido, Viriato Alves dos Santos, foron os últimos habitantes da Insua. El era o fareiro, e antes fórao seu pai.

    Durante 28 anos a illa foi "súa": o matrimonio, e os seus nove fillos, compartiron este espacio de maio a outubro, segundo escribe Marta Fernández Pedrera, que os entrevistou. En outono e inverno, era Viriato quen se achegaba coas garrafas de gas para alimenta-lo faro, ata que se instalou unha praca solar que puxo fin a unha tradición familiar.

.

Bibliografía consultada ou relacionada polos autores que escribiron sobre a Insua:

Fray Diego Arias: “Cronica da Santa e Real Provincia da Inmaculada Conceição de Portugal” (1392)

Frai Pedro de Jesús María José “Origem e Progresso do Real Convento de Santa Maria da Insua de Caminha”

Frai Pedro de Jesús María José: “Crónica da Real Provincia da Inmaculada Conceiçao de Portugal”. Vol II. Santa María da Insua de Caminha.1760

Manuel Busquet Aguilar: “A Insua”. En Revista de Cultura Regionalista e de Turismo. Ano X, agosto de 1968. Viana do Castelo.

Carlos Pereira Callixto: "Apontamentos para a Historia da Insua", en O Caminhense, 1976 a 1986

Bastos Moreira: “Forte da Insua”, en Xornal do Exército. Ano XIX, nº 231. Lisboa, 1979

Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez: “La fortaleza da Insua en la desembocadura del río Miño”. Faro de vigoo, 5 de maio de 1985

Carlos Pereira Calixto: “Apuntamentos para a historia de Insua”. O Caminhense, varios números.

Joaquim Borges de Macedo. Porto, 10 novembro 1986.

Luis Felipe Aviz de Brito: "A desembocadura do río Minho nos tempos antigos". Editorial Caminia. Caminha, 1989.

Joao Azevedo “Forte da Ínsua um monumento a proteger”. En O Caminhense 28-06-96

O Caminhense: varios números.

Antón Ferreira Lorenzo e Luis Dorado Senra: "Guía del Monte de Santa Trega y su Museo". Anabam. A Guarda. 1998

Marta Fernández Pedrera: "Un fuerte entre A Guarda y Caminha". Voz de Galicia, 9 de maio de 1999

Teresa G. Barcia: “Frailes y militares en aguas del Atlántico”. Faro de Vigo 17-X-1999.

Isabel Ruivo: “Dos milagres que a Senhora fez...” en Insua no caminho dos mareantes. Cámara Municipal de Caminha. 2000.

Catarina Dias: “A Insua”. En Insua no caminho dos mareantes. Cámara Municipal de Caminha. 2000.

Abel Domingues: "Património da Confraria dos Mareantes". En Insua no caminho dos mareantes. Cámara Municipal de Caminha. 2000.

José A. Uris Guisantes: "A Insua". Libro-programa das Festas do Monte. A Guarda. 2000

A. B. Gouveia: "A Insua o Alfoz de Caminha". 2 febreiro 2001

Reportaxe de Antón Ferreira