PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

OCIO

CITAS

DEMOGRAFÍA

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

CON

VOZ

PROPIA

PÁXINAS

 REPORTAXES

FESTAS DO MONTE

RECREO ARTÍSTICO GUARDÉS

CONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

IMAXES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

AXENDA

CAIXÓN DE SASTRES

ENLACES

 EMPREGO

Predición de MAREAS

*

 

 

galiciasuroeste                                                         Entrevistas

Gómez Alfaro

logra o premio "Cidade de Ourense" co poemario "Mar aberto"

O profesor ourensán afincado na Guarda o día que presentou "Confíteor" no Centro cultural da Guarda

.

            O poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro, profesor no colexio dos PP. Somascos, da Guarda, vén de gañar o XXII premio de poesía “Cidade de Ourense” co poemario “Mar aberto”, que será publicado pola editorial Espiral Maior. É a segunda vez que Gómez Alfaro acada este premio, considerado entre os de maior prestixio dos que se convocan en Galicia. No ano 2004, lograra tamén o galardón con “O clamor da eclipse”.

            “Mar aberto” está dedicado “aos mariñeiros de todos os mares” e leva, como cita, un verso do poemario “De catro a catro”, de Manuel Antonio, “Roubáronnos o sol”.

 

¿Por que un libro sobre o mar?

            Eu son un namorado do mar. Cando era estudante universitario esperaba exercer a miña profesión nunha zona costeira, e o feito de estar na Guarda fixo que, ao longo do tempo, escribise varios poemas dedicados ao mar. Sempre tiven a teima de escribir un libro dedicado exclusivamente ao mar; sabía que era algo difícil, pero propúxenme escribilo.

 

¿Cómo se vai xestando o poemario? ¿É precisa a cercanía do mar, como musa?

            Por suposto que esta vivencia de estar en contacto físico co mar, esta proximidade, axuda moito. O poemario vaise xestando ao longo do tempo, de moito tempo, porque non é froito de meses, é froito do traballo de anos.

 

Non tiven a oportunidade de ler o libro, á espera da súa publicación. Pero polas referencias que me chegan, trátase dun poemario elexíaco. ¿Que o une e que os separa da súa anterior producción poética?

            Por suposto é un libro intimista, é un libro elexíaco. O que o une é, precisamente, o intimismo, o elexíaco, e o que o separa é a temática: é o mar. O mar, que se ben fora tratado en poemas illadamente, agora ocupa o centro, digamos, do poemario.

.

¿Cal é a estrutura do libro?

            Son 43 poemas. É un número, para min, case que cabalístico, porque o utilizo moitas veces; é dicir, que moitos dos meus libros axústanse a este número de poemas. Son 43 poemas, arredor de 600 versos, onde predomina o verso endecasílabo, as veces mesturado con heptasílabos, agrupados todos eles en estrofas de catorce versos, que eu non quero calificar de sonetos. Soneto, propiamente ortodoxo, é dicir, canónico, só hai un, o primeiro; os demais son poemas de catorce versos onde predominan, como dicía, os endecasílabos, heptasílabos, brancos ou asonantados..., pero que eu non podería calificar nunca de sonetos.

 

Vostede que xa é un poeta galardoado repetidamente, ¿recorda aquel primeiro poema co que foi gañador nun concurso?

            Pois nestes momentos... (ri) cáseque non me lembro. Supoño que no certame onde fun por primeira vez gañador, probablemente, foi no Seminario, cando eu era estudante.

 

E con respecto a aquela primeira vez, ¿como vive o momento que lle comunican un galardón? ¿Recíbeo coa mesma emoción?

            Eu non teño tantos premios, pero ben... Cando se trata dun premio da categoría do “Cidade de Ourense”, no que se presentaron 32 poemarios, xente cunha calidade extraordinaria, resultar elexido por unanimidade como se publicou na prensa, gañador, pois é realmente unha honra e un orgullo.

 

Hai quen escribe para lograr premios ou un recoñecemento. A vostede ¿que lle impulsa escribir?

            É algo que teño no máis fondo da alma e que me obriga a expresarme desta maneira. Probablemente, se soubese esculpir, esculpiría e trasladaría os meus sentimentos, as miñas emocións á escultura ou a pintura; pero non sei, desgraciadamente, entón o único que sei é xuntar palabras, xogar coas palabras, e é o que intento.

.

Alonso Montero e o profesor Ramón Nicolás teñen aludido a un certo esquecimento do poeta Gómez Alfaro nos ámbitos dos grandes poetas galego, ¿vese vostede dándolle clase aos seus alumnos e falando dun poeta chamado Xosé Carlos Gómez Alfaro?

            Eu o único que ansío, o único que desexo é seguir traballando. Non me interesa se son un descoñecido, se saio ou non nos libros. As veces tamén é bo decirlle aos alumnos que un profesor da Guarda (eu nunca lles digo Gómez Alfaro), resulta que escribiu, e as veces léolles un poema... A poesía pode ser unha motivación cara á literatura e cara a un xénero esquecido.

 

Leva, se pensamos neste que será publicado por Espiral Maior, dez libros de poemas escritos. ¿Nunca pensou en cambiar de xénero?

            Non; síntome moi ben na poesía e creo que é o xénero onde mellor podo expresarme. Se acaso teño pensado en escribir un libro en prosa, pero prosa poética; é dicir, seguiría sendo poesía ou intentaría que fose poesía, pero non quero renunciar ao xénero. Estou instalado na poesía e creo que debo intentar conseguir o que aínda non conseguín, pero sempre a través do verso ou a través da prosa poética.

 

E Xosé Carlos ¿que le habitualmente?

            ¡Uf! Todo o que podo ler. Son un lector empedernido e todo o que podo ler, leo, desde os xornais, tres ou catro tódolos días, ata os libros que se están a publicar de poesía en Galicia, pero tamén na literatura española.

(Escoitar a voz do poeta recitando "Meu capitán")

Marzo, 2006