Elicio Magallanes, 57 anos
na hostalaría e 37 no restaurante Anduriña
O porto da Guarda quédase sen un
dos seus restaurantes emblemáticos: o Anduriña. Co seu propietario,
Elicio Magallanes, que chega a idade da xubilación, ‘xubílase’ tamén
este establecemento desde cuxa terraza foron moitos os comensais que
disfrutaron dunhas especiais panorámicas do porto.
Pero,
como son os comezos de Elicio Magallanes no mundo da restauración?
Son os dun rapaz que marcha dunha
aldea de Galicia para unha cidade como Sevilla, ao que lle chocaba o
particular acento que alí se emprega. En Seville comecei nun bar, onde
traballar era máis que despachar. porque, por exemplo, os cafés facíanse
nun cacillos individuais, cada un con seu propio filtro, e cunha
cuchariña botábase unha cantidade xusta de café para facelo. Foi unha
época que recordo con cariño, porque aínda que traballabamos moitas
horas, tamén aprobeitabamos para estudar un pouco, ante as dificultades
que tiñamos na aldea. Alí pasei catro anos.
E despois, viuse para a Guarda
Non. Antes fun a Madrid,
á Escuela de Comunicaciones de Cuatro Vientos, aínda que foi unha etapa
curta, pois había que decidir se quedabas ou non no Exército do Aire.
Por concurso duns amigos, pasei pola hostalaría de Madrid, onde
permanecín uns quince anos. Primeiro nun bar. Co paso do tempo, e
segundo vas prosperando, xorden outras iusións, e rematas en
restaurantes importantes. Pero logo de 15 anos de ausencia, tiña moita
añoranza da terra, dos meus, algo case enfermizo. E un día, uns amigos
fálanme deste local (do que ata uns días foi o Anduriña), e decidín que
ía regresar nun momento, ademais, que eu digo doce, porque xa tiña o
piso adquirido en Madrid, pagado e uns aforros importantes para aqueles
tempos.
Cando estás lonxe,
idealizas moito a túa terra, e teño que recoñecer que me custou
adaptarme porque, por esa idealización que fas, levas despois, entre
comiñas, “unha bofetada global”, porque nin a torre era tan alta, nin
aquela árbore tan pequena, nin o camiño tan bonito. Detalles que no teu
maxín, nesa ausencia da terra, idealizastes.
Estamos falando de que anos?
Pois polo 71 debeu ser. O
propietario co que cheguei a un acordo de traspaso, falloume, e non me
facilita o restaurante. E fíxenme co bar Puerto Rico, por pouco tempo,
porque a min o bar non me gustaba, eu aspiraba a ter o meu propio
restaurante, e vendino. E estaba decidido a regresar a Madrid, onde un
amigo puña ao meu dispor un restaurante e outros, tamén me ofreceran
traballo. Penseino e, xa que estaba na miña terra, quería disfrutar de
Galicia. Atopei traballo no Hotel Samil, ata que xurdiu, de novo, a
posibilidade de traspasarme este local (o Anduriña) que xa tiña outros
propietarios. Tiven que buscar un avalista porque eu non dispoña da
cantidade que me pedían daquela e que aínda que poderiamos pensar que
fora moi caro aquel traspaso, finalmente resultaría satisfactorio porque
foi a miña vida durante 37 anos, que son os que levo aquí.
E con máis de cincuenta anos de
profesión, ten algo que ver un restaurante de hoxe con aqueles dos seus
comezos?
Posiblemente cambiou
moito en certas facetas, incluso, creo eu, nalgunhas para peor. Estou
pensando por exemplo, naqueles restaurante de Madrid nos que traballei,
cun tipo de servizo tan elegante, tan completo, tan profesional, que os
que hoxe temos aquella vella escola, sufrimos bastante vendo que o
servizo non é aquel que nos tiñamos idealizado.
Por outra banda, hoxe hai
outras esixencias por parte do cliente. A cociña tamén evolucionou
moito, aínda que naqueles restaurante de Madrid xa se podía falar dunha
gran hostalaría, gran gastronomía e grandes xefes de cociña.
Percíbese agora que o cliente é
menos fiel e busca outros establecementos para comparar precios, mesmo
calidades, ou nesto non hai tanta diferencia con respecto a hai medio
século?
Agora a xente vai para
adiante e para atrás, observa, recorre todas as cartas.
Non é unha presunción, é unha
realidade: o Anduriña seguiu vivindo, nunha porcentaxe moi alta, dos
clientes que eu chamo ‘de sempre’: viñeron os pais, os fillos que son
maiores, logo os netos. De todos modos, non hai hai dúbida, e sobre todo
nesta época que estamos a vivir, nesta crise, que a xente busca e
compara prezos.
Vostede formou parte de
distintintas institucións locais, provinciais, a nivel galego. Que lle
suxire as siglas ACIGU?
Foi unha anécdota nun
momento triste que pasaba este pobo. A xente reuníase na Praza do Reló,
todo o mundo dicía cousas, pero ninguén propuña nada. E como había algún
problema que nos afectaba, eu propuxen que a única solución era montar
unha asociación local de empresarios, e aquilo foi como quen prendeu
unha mecha. Houbo unha convocatoria xeral e no Salón de Plenos do
concello reuníronse empresarios e autónomos formándose unha xestora que
daría os pasos para crear o que sería ACIGU, asociación da que fun
presidente, e que ten feito, un papel eu creo que importante na Guarda.
E
se falo da Festa da Lagosta?
Cando no ano 1979, Adolfo
Parente, corresponsal de Faro de Vigo, sendo eu vicepresidente da
Federación Provincial de Hostelería, fíxome unha entrevista na que,
respecto ao tema local, eu propoña que para dinamizar a Guarda, entre
outras cousas, haberñia que crear unha semana gastronómica que se
inciaría co estandarte dun dos produtos que nos distinguía; cunha festa
dedicada á lagosta, dado que había unha importante flota dedicada á súa
captura e posuíamos as vellas cetáreas de toda vida. Cando xurdiu ACIGU,
entre as primeiras ideas foi propoñer a celebración dunha festa dedicada
á lagosta. Lembro que os compañeiros da Xunta Directiva, quizais porque
non eran do sector da restauración, non vían esta alternativa moi
viable; e foi complicado aprobar esta iniciativa, que se conseguiu
porque (e debe figurar así nas actas de entón), dixen, se non me
apoiades, vai ser igual vouna facer eu só. E aprobouse, e con tan bo
criterio que se quixo implicar ao concello que, nese primeiro ano pagaba
a lagosta e tamén a cobraba, quitándonos un peso de enriba. E pouco a
pouco o concello foise involucrando máis nesta festa ata rematar sendo,
na actualidade, o seu promotor. Teño que dicir que, con aquela idea
inicial de querer conseguir unha semana gastronómica, conseguín facer un
segundo día coa Festa da Rosca de Xemas, outro produto típico da Guarda.
Que lle aportou a restauración a
Elicio Magallanes
Deume todo o que teño,
pois durante 57 anos non traballei noutra cousa; todo saíu da hostalaría.
Por outro lado, e tendo en conta que tiña un público concreto, por aquí
pasou tamén xente importante que, cuns máis con outros menos, fais
amizade. Ademais polo feito de ter participado en sociedades
gastronómicas, colectivos relacionados coa restauración, etc., a
restauración deume grandes momentos, e amizades; e amigos, e grandes
compromisos, aínda que posiblemente tamén debeu de haber momentos máis
complicados.
E nestes 57 anos de vida activa,
con que se queda Elicio Magallanes?
(Rí irónicamente) Quédome
coa xubilación... A xente fala moito, e esta profesión suxírelle
unha vida moi esclava. Quizais, e porque eu crecín neste ambiente desde
os 14 anos, non notei tanto esa falla. Pero claro, logo veñen os fillos,
os netos xa, é entón cando empezas a notar, efectivamente, esa falla de
tempo que ten a nosa cultura. De que existen os sábados e tamén os
domingos, nos que a xente se reúne e confraterniza; pero para nós, e
durante unha vida completa, son eses, sábados, fomingos e festivos, os
días de maior compromiso, de máis traballo, e seguramente de menos
posibilidades de estar coa familia, cousa que, quizais, andando os
anos... (emociónase Elicio ao ser consciente que non puido dedicar o
tempo que quixera á familia) é o que agora máis noto que me faltou...
Teño que recoñecer que tiven pouco tempo para a familia...
Deixámolo aí, Elicio. Cando
vostede decide que é tempo de concluír esta etapa da súa vida e que vai
pechar o lugar que formou parte de seu durante 37 anos, que lle ronda
pola cabeza?
Certo que lle dediquei
moitas horas, moitos días, moitos anos a esta profesión. Pero tamén é
certo que tiña interese por outras cousas, por ler, por viaxar. Sempre
me tiven como unha persoa que, cando marchaba do traballo ‘cortaba’ moi
ben e non estaba teimando ‘qué pasará alí’. Entón non creo que vaia ter
nostalxia nese sentido de... home, haberá quizais momentos, non o sei,
pero creo que o vou levar bastante ben, e dedicarei o tempo á familia,
ás miñas afeccións, a cousas que quixen facer e non puiden, aínda que
quizais para algunhas xa será un pouco tarde...
Volvería vostede, nunha segunda
oportunidade, á restauración, ou buscaría outro medio de vida?
Hai moitos medios de vida
que son atractivos. No cómputo xeral da miña vida profesional, non fun
un desdichado; fun feliz na hostalaría. Proporciona moitas cousas
agradables, moitas relacións, como dicía antes... Non, non; non renuncio
á forma que elexín para desenvolverme profesionalmente, e salvo aquelas
circunstancias que dixen antes, porque sempre existe unha contrapartida
non desexada, pero que está aí, fun feliz no desenvolvemento desta
profesión.
E para rematar, aínda que xa
dalgunha forma o adiantou antes, por onde andan os días vindeiros de
Elicio Magallanes?
Como dixen antes, esto
deume para o que son e para o que teño, e teño unha finca na que
dedicarme a podar uns arbolitos, un camelios, uns laranxos, un
limoeiros. Dedicarei ese tempo precioso á familia e a letura. E por
suposto, tamén a facer algunha viaxe coa miña muller. Creo que vou
seguir estando ocupado; penso que me vou entreter e que vou ser feliz
coa idade que teño. Hai moitas cousas que se poden facer e espero que a
añoranza de todo esto non sexa capaz de crearme algún tipo de problema.
Pois moitísimas grazas, Elicio, e
agora a disfrutar do merecido descanso.
Novembro, 2010