Miguel Español Otero
Presidente das Festas do Monte´2007
No ano 2001 Miguel Español asumiu a presidencia da Comisión de Festas do
Monte cun equipo heteróxeneo, que traballou arreo para facer posible, a
guardeses e visitantes, unha Semana Grande que sempre é desexada. Hoxe
Miguel Español continúa ao fronte da Semana Grande da Guarda, cun equipo
máis homoxéneo, pero tan eficaz como o foi daquela. E é, precisamente,
este gran equipo o que salienta o
presidente das Festas nesta entrevista.
Miguel, logo de
sete anos, e como anunciabas o pasado ano, despídeste da presidencia das
Festas do Monte.
Efectivamente, supón
unha despedida, pero non quere dicir que a Asociación Pedra Furada non
continúe realizando a Festa do Monte, senón que eu, como presidente, é o
último ano posto que as outras responsabilidades asumidas me impiden
desenvolver como eu quixese, e como me gustaría facelo, a organización
das Festas do Monte. Polo tanto, hai un equipo de xente experimentada e
capaz como para poder facerse cargo delas.
E este ano, quizais, é especialmente
máis complicado, ou cando menos de moito máis traballo para ti ao ter
que compaxinar a presidencia da Comisión coa responsabilidade municipal
de seres primeiro tenente alcalde e, sobre todo, responsabilizarte de
áreas como Vías e Obras, Persoal, Protección
Civil, Obradoiro de Emprego...
Eu creo que a clave está en ter un equipo na
organización das festas como o que temos, senón me sería totalmente
imposible, como moi ben dis, levar a cabo as responsabilidades de
goberno coas tarefas da Comisión de Festas do Monte. O que pasa é que o
equipo co que contamos, é un equipo moi capaz, como dicía antes, amplo,
e ademais é un equipo compenetrado que coñece todos os entresixos da
festa e a súa contribución é moi difícil de valorar, de modo que sen
eles esto non sería posible, ou eu tería que deixar eivas nunhas
responsabilidades ou noutras.
Xa o adiantabas hai un ano. O propuxeras ao alcalde,
daquela Alonso Riego, e agora goberna o Partido Socialista, formación da
que ti formas parte. Dicías que a Semana Grande da Guarda, a súa
organización, debía trasladarse ao concello. ¿Segues a pensar o mesmo?
Si, sigo pensando o mesmo con matices, que
xa o dicía entón. A Semana das Festas do Monte debe de ser
responsabilidade do concello da Guarda, porque son as festas do noso
pobo, sen dúbida ningunha; representan a todos os guardeses e son un
referente. A súa organización debe seguir nunha comisión civil, posto
que senón teríamos que destinar unha cantidade importante de recursos
humanos do concello ás festas e eso iría en detrimento do propio
concello da Guarda. O importante é que o concello estea detrás, que sexa
o aval da organización das festas.
As festas conlevan toda unha montaxe que xira ao redor
delas, como son as atraccións, postos de venda de obxectos variados e
que contribúen a dar cor, movemento e a crear ambiente. ¿Cal será no
futuro o escenario destas festas cando as zonas que hoxe se ocupan coas
actividades paralelas a calquera festa non teñan un lugar para
instalarse?
O dixen sempre, e o reitero unha vez más.
Cambiar a ubicación das Festas do Monte representa, que dúbida cabe,
unha dificultade importante, xa non só polo espazo que precisan, pois
non olvidemos que se pecha ao tráfico case o casco da Guarda porque se
celebran en todo o que é o casco guardés. Dáme a impresión que seguirá
sendo así durante algúns anos, sobre todo pola repercusión que a festa
ten sobre determinados negocios que están esperando á Festa do Monte
como auga de maio, porque lles representa un movemento económico
importantísimo para aqueles establecimentos que non están situados nas
mellores zonas do noso pobo e que durante esta semana se vén resarcidos
da seca do resto do ano. Haberá que buscar un entorno, pero iso non
impedirá que a Festa se siga desenvolvendo en todo o que é o centro da
Guarda.
Ao longo destes sete anos de presidencia, ¿houbo máis
satisfaccións ou pesaron máis as insatisfaccións?
Non, non, non. Eu se o poño nunha balanza é
claramente positivo; pero moi positivo. As satisfaccións son moitísimo
maiores. As Festas do Monte posibilitáronnos coñecer mellor A Guarda;
coñecer o sector comercial local, coñecer os distintos barrios da Guarda
mantendo un contacto permanente coa cidadanía que para nós, e para min
en particular, foi unha experiencia moi positiva.
Excepcións hainas, e hai momentos desagradables, pero bueno, todo o que
se embarca nunha empresa como esta sabe o que lle espera, que ten eses
momentos puntuais, a vida mesma é así; pero pasas páxina, ou procuras
pasala, e esquéceste do tema. Globalmente é un
balance moi positivo.
¿Qué destacarías da xestión da Comisión de Festas nestes
sete anos de presidencia?
Se te queres referir á organización da
propia Festa, eu quédome co equipo que logramos organizar. Para min foi
satisfactorio coller as festas no ano 2001 e verme plenamente arroupado
por unha cantidade de xente impresionante. Agora mesmo somos un equipo
numeroso, sendo unha das grandes satisfaccións persoais miñas. E
destaco, tamén, o comportamento da cidadanía guardesa: en ningún momento
notamos desamparo, nin lonxanía hacia nós, senón
todo o contrario, que ano tras ano os guardeses identifícanse máis coa
Comisión de Festas e coa propia festa.
¿E se tiveses que enmendar erros: cal non volverías
cometer?
Que dúbida cabe que
sempre hai que correxir cousas. A festa precisa un novo pulo, porque hai
etapas que se queiman. Necesitaría, seguramente, algún tipo de evento
que destacase nas festas e, neste sentido, nós fomos bastante
conservadores. Habería que estudar algunha fórmula que invitase ao
comercio a involucrarse un pouquiño máis para conseguir ese gran evento
que ao longo destes anos non poidemos desenvolver porque a Festa conta
cuns ingresos limitados.
Desde a túa calidade da guardés, de presidente das
Festas e de político local, ¿qué significan as Festas do Monte para A
Guarda?
Calquera guardés o ten perfectamente claro,
pero non é fácil de manifestar. É algo moi íntimo. Xa non só como
escaparate, que o é, como é un activo importantísimo para o turismo
local. Sen a Festa do Monte non se entendería o pobo da Guarda.
Deixada a presidencia, ¿cómo te vés vivindo as Festas do
Monte de 2008?
Véxome traballando tanto coma este ano, o
que pasa que noutra parcela, con outras responsabilidades
asumidas, como é a de primeiro tenente alcalde do concello da Guarda e
nas delegacións sobre as que teño responsabilidades. E sen dúbida
contribuirei coa miña marcha a que outra persoa se poida encargar con
máis dedicación que eu á Festa do Monte.
Agosto, 2007