galiciasuroeste.info

4 ao 11 de agosto de 2008

galiciasuroeste     Portada    Programa    Historia      Servicios      web bandas      Xadrez

Entrevista a Miguel Español     Entrevista a Miguel villa      Inauguración Festas       Agrupación Musical da Guarda       Marcha Cicloturista    Marionetas e Maxia     V Encontro Bandas     Carreiras Pedestres        Pregón

Concerto Agrupación Musical do Rosal    XXI Premio Poesía Feliciano Rolán      Romería do Monte     Desfile'2007

V Festival de Voces Brancas       Baixada          Pesca       Fogos de Lucería          Reportaxe especial

PREGÓN DE FESTAS

por Joaquín Miguel Villa Alvarez

06/08/2007 

Guardeses e guardesas, xentes da comarca, hóspedes e visitantes da nosa vila, boas tardes a todos.

Este ano 2007 a Comisión das Festas do Monte Santa Trega tivo a ben encomendarme a lectura do pregón da nosa festa maior. Toda unha responsabilidade coa que, certamente, como guardés que son, me honran profundamente. E como guardés amante da historia quería aproveitar esta oportunidade para facer unha pública homenaxe aos creadores da festa, unha celebración que este ano cumpre a súa edición nº 94.

Corría o ano 1912 cando un grupo de guardeses –encabezado polos retornados da emigración a Puerto Rico daquela época– decidiu crear unha asociación chamada Sociedad Pro-Monte Santa Tecla. O seu fin era a restauración, protección e embelecemento do elemento máis característico da localidade: o monte Santa Trega. Pero a súa obra ía ter moito máis alcance do que inicialmente previran os seus fundadores:

-         Restauraron a ermida da santa e os seus edificios anexos, e construíron un novo e artístico vía crucis.

-         Abriron a estrada de subida ao monte, co trazado que ten hoxe en día, e fixeron os principais atallos e sendeiros, asumindo despois o seu custoso mantemento.

-         Urbanizaron o cumio do monte levantando prazoletas, miradoiros, escalinatas e terrazas, conformando así a persoalísima fisonomía que hoxe ten o Trega.

-         Acometeron a repoboación completa do monte, involucrando nesa tarefa aos nenos da localidade para fomentar nas futuras xeracións de guardeses o amor e respecto ás árbores. Para este traballo crearon un viveiro e unha casa forestal.

-         Como obra máxima, sacaron á luz un dos principais xacementos arqueolóxicos de Galicia, patrocinando numerosas escavacións así como diversas publicacións arqueolóxicas que divulgaron por todo o mundo o novo achado, converténdoo nun dos máis famosos de España. Dende aquel intre, A Guarda quedou asociada xa para sempre á súa impresionante citania castrexa do monte Santa Trega.

-         Coas pezas atopadas nas escavacións, crearon un museo arqueolóxico, un dos primeiros existentes en Galicia.

-         A Pro-Monte foi tamén a responsable da primeira campaña turística da Guarda, convertendo a esta pequena vila nunha das máis populares e coñecidas da época. Unha fama da que aínda gozamos hoxe en día.

-         Crearon a primeira biblioteca pública da Guarda, chamada «Biblioteca Circulante».

-         E durante uns anos xestionaron a instalación dun hospital na localidade, o actual Centro Cultural.

-         Finalmente, no ano 1913, a Sociedade Pro-Monte celebrou a primeira festa conmemorativa da súa fundación que, moi cedo, adquiriu personalidade propia como romaría popular e se converteu nunha das nosas tradicións máis famosas: a festa do monte. Hoxe en día pódese afirmar que esta festa é o momento central do ano na vida social dos guardeses, tanto para os que vivimos aquí como –moi especialmente– para os que están fóra. E é que xa dende un principio, a festa do monte foi un verdadeiro momento de encontro para os ausentes da terra: as xentes do mar, os emigrantes a América, os emigrantes a Castilla, os telleireros. Esa foi a gran virtude desta festa: todos sentíana como súa, era a festa de todos, converténdose así nun indiscutible elemento de cohesión na nosa bisbarra. Basta tan só con observar, hoxe en día, os calendarios vacacionais das empresas da Guarda e concellos limítrofes.

Certamente, pódese dicir que, na historia da Guarda, hai un antes e un despois da Pro-Monte. A clave do seu éxito radicaba, ao meu modesto entender, en que aquela excepcional xeración de guardeses tiña unha idea do que debía ser A Guarda, e sobre esa idea cimentaban o orgullo de sentirse guardeses. En realidade, ensináronnos que ser guardés no é só un accidente de nacemento senón unha vocación. Ese era o espírito da Pro-Monte, un espírito de servizo público que as diferentes comisións de festas –con moita ilusión e traballo– conservaron ata os nosos días, como así o recoñece a actual comisión na saúda do libro da festa, facendo súa esa vocación.

Así pois, un ano máis dispoñámonos a saborear a nosa entrañable e tan querida festa do monte, a festa de todos. Feliz semana grande.

Moitas grazas.