PREGÓN DAS FESTAS DO MONTE 2009
Ola
a todos.
Estou aquí porque aos responsables de
escoller o Pregoeiro das Festas do Monte do 2009 deulles por invitarme a
min.
Despois da primeira sorpresa e do
natural contento que un sinte por seres escollido a un acto no seu pobo,
surxíume unha dubida e preguntei:
- ¿E que teño que facer?
- Pois ler un pregón para marcar o
inicio das festas- Díxome Uris, que era o representante da Asociación
Pedra Furada que me invitaba.
-E ¿que é un pregón?- pregunteille de
novo.
-Pois é un traballo que fas para
dicirlle cousas do pobo as guardesas e os guardeses.
-¡Arrecarallo! – pensei- ¿e que lles vou
a dicir do pobo, eu, que fan tantos anos que non estou aquí, a elles que
viven nel?
Pero despois de un rato de meditación,
cheguei a conclusión que do único que podemos falar os vellos é dos
tempos afastados que vivemos aquí, e que a maioría dos guardeses de
hoxe, xoves ou de mediana idade, non coñeceron.
É verdade que moitas das miñas lembranza
xa foron contadas nun libro que publiquei fai poucos anos e que se chama
ANTES E AGORA (non pensen que quero facer propagando do mesmo, aínda que
esa propaganda sería en beneficio da Asociación ANABAM), pero para os
moitos que non o leron podería agora facer un resumo, ou contar cousas
daqueles tempos, ou dicirlles coma era A Guarda fai sesenta anos (cousa
que moitos de vos nin vos imaxinades). So os de miña idade sabemos diso.
A Guarda fai sesenta anos era un pouco
como agora, algo máis pequena, pero era moi distinta: hoxe tedes moitas
cousas que non tíñamos antes. E xa non falo da televisión, e dos avances
tecnolóxicos da industria, das ciencias, da medicina e da cultura que
hoxe existen. Outras cousas que hoxe tedes, antes os guardeses querían
telas pero non podían. Por exemplo: hoxe tedes un porto, un peirao.
Fai sesenta anos había menos de un
cuarto do de hoxe, estaba partido, e aínda que se trataba de reparar
tódolos anos, os temporais do inverno volvían a partilo unha e outra
vez, e os barcos pequenos, as "jamelas", tiñan que ser subidas a terra a
man, coa colaboración de todos; e os barcos mais grandes tiñan que
partir para Vigo ou máis ó norte cando os temporais estaban de camiño.
A Guarda era un pobo bastante illado,
nunha esquina xeográfica, pechado polo mar e polo río Miño, e con poucas
comunicacións con Tui ou, polo outro lado, con Baiona e Vigo; unha
estrada a cada lado para ir os povos máis pertos, máis eran lugares que
estaban moitos quilómetros lonxe. Os coches de Liña de Saracho, o único
medio de transporte, eran poucos e lentos, e só había 4 taxis: o de
Andrelino, o de Xuon, o de Felipe e o de Ramón. Agora non sabedes onde
poñer os moitos coches (a miles) que ocupan todo o pobo. Tamén é verdade
que, naqueles tempos, ver o taxi de Andrelino circulando en vivo era
como ter una peza de museo circulante, vivindo nunha realidade, cousa
non habitual noutros lugares.
Pero ¿isto era un problema? Supoño que
os maiores xa estaban adaptados a aquela realidade. E para os rapaces,
non había problema. Xa estabamos feitos a elo e tíñamos a ventaxa de que
con unha pelota podíamos xogar partidos de fútbol no medio da rúa en cal
quer parte do pobo, so con poñer dous libro ou dúas pedras de porterías.
Nunca había tráfico que interrompese o xogo. E raro era que nalgún
partido tivésemos que parar uns segundos porque viña un coche ou un
camión. E tíñamos un frontón fronte o Convento de S. Bento.
O illamento do pobo facía que houbese
persoas que nunca habían saído do mesmo. Non coñecían outro mundo que A
Guarda. Isto hoxe na época do internet, das facilidades de desprazamento
pola mellora das estradas, dos viaxes do IMSERSO, e da época onde rara é
a familia que non ten un vehículo na casa, é algo incrible. E daquela
moitos xóvenes mariñeiros que traballaban no mar, só coñecían os portos:
Baiona, Vigo, Arousa, Santa Uxía de Ribeira, e pouco máis.
Tamén malo era o que tiña que coñecer
países afastados, América sobre todo, porque isto significaba emigración
e moitos anos lonxe da familia, hasta que poidese conseguir reunir un
diñeiriño para a volta.
Pero tíñamos cousas: as Festas do Monte
tódolos anos estaban alí, na mente dos máis mozos que, durante o tempo
que ía dunha festa a do ano seguinte, sempre era lembrada e desexada.
¡Moito máis que agora! Que agora os mozos teñen moitos
divertimentos, e naquel tempo pouco había fora das festas do verán. Eran
os tempos de trouleada, bailes e mociñas.
Os rapaces tamén tíñamos "as rapaciñas
da Guarda", que foron quen de estar nas cancións galegas:
As rapaciñas da Guarda
sonche de moito palique
elas botan o amocelo
e quen queira picar que pique
(e aquí vou dicir que teño lido esta
canción nun libro no que poñían "elas botan o anzuelo", pero para un
guardés, aficionado o mar e a pesca, o "amocelo" é o nome correcto)
Tamén había outra que dicía:
As rapaciñas da Guarda,
non é unha que son todas,
poñen dous pares de medias
para facer as pernas gordas
E que seguramente isto se corresponde
coa época da fame, despois da guerra, do racionamento, onde o gordo tiña
máis prestíxio que hoxe en día.
Nos tempos actuais, a gordura xa ten un
significado máis ben de enfermidade, polo que os nosos rapaces de fai
tantos anos, sen vacinas, sen boa alimentación, sen puericultores, tiñan
polo menos esa ventaxa de saúde sobre os fartos nenos de agora: eu non
me lembro dun rapaz gordo naquela miña infancia. Todos estaban finiños.
Claro que cando queríamos ir a unha
festiña no Rosal, San Miguel de Tabagón, ou onde fose, tíñamos que
afinar os pes, xa que andando e andando era a única forma de achegarse
alá. E despois de chegar a festa, a bailar horas e horas. E así... ¿Como
íamos a engordar?.
Pero falando das Festas, temos que
lembrar a banda de Tabagón que un día tras outro paseaba pola rúa,
facendo o que mellor sabía: sonar a música e animar a xente. Sempre que
había un acontecemento, deportivo, relixioso ou festeiro, alí estaba a
banda, e case sempre, diante dela o Maluco, facendo de segundo director.
Maluco era un persoaxe memorable. Non estaba ben da cabeza, pero sempre
era a alegría dos desfiles e das procesións. Nunca faltaba en calquera
festexo.
Outra lembranza das festas de moitos
anos atrás era o baile do Forrobodó, feito na explanada do monte,
despois da comida y coas cabezas quentes. Aquelo era soamente ritmo, e
tamén exercicio, que viña moi ben para queimar o exceso de calorías da
comida e facer evaporación dos vapores do alcohol que a acompañara. Era
a cousa máis frenética que nunca puiden lembrar: unha mistura de saltos,
suor, calores e polvo (no sentido de partículas da terra do chan movidas
polos pes e enturbando o ar). Aquilo era o máis próximo ao caos
absoluto. Pero pasabámolo ben.
Agora pode que as festas sexan máis
ordenadas, tamén que teñan máis xente, hai máis turistas que veñen a
velas, hai máis bombos e bandas que souben andando e manchan de viño
tinto a todos os que se aproximen, pero supoño que niso de pasalo ben os
tempos terán cambiado pouco. Así que: veñan os aires de festa, veñan os
sons da treboada, veñan os espíritos dos antigos a sumarse as modernas
Festas e que toda a semana sexa de alegría, bo humor e todos a pasalo
ben.
¡Vivan as Festas do Monte e vivan
tódalas xentes da Guarda!
¡A troulear todo o mundo!
A Guarda, 3 de agosto de 2009
Emilio Rolán Mosquera