Joaquín Miguel Villa
pregoeiro das Festas do Monte'2007
“Deus,
que bo vasalo, se houbese bo señor”. Doctor en Historia, Joaquín Miguel
Villa é, ademais, un investigador e por riba de todo, un namorado do seu
pobo ao que ten dedicado páxinas extraordinarias descubríndonos aos
guardeses a nosa historia máis recente. A emigración á República
Dominicana e a Puerto Rico dos guardeses é un empeño no que aínda está
metido Villa Álvarez nun proceso investigador que compaxina con outras
incursións nas que o mesmo afonda no sindicalismo da comarca; nun
advocación relixiosa, como pode ser o culto a Santa Trega, ou na chegada
dos Pais Somascos á Guarda.
Miguel Villa, ¿que supón para un guardés que o elixan
pregoeiro das Festas Grandes do seu pobo?
Para min, primeiro, foi unha sorpresa;
despois unha responsabilidade e un gran honor. Realmente síntome
recoñecido e ese famoso dito de que “ninguén é profeta na súa terra” ,
incúmprese neste caso. É un gran honor.
¿Cómo definirías esta Semana Grande da Guarda?
Basta ver os
calendarios laborais das empresas da comarca para comprobar que, nesta
semana, todo xira arredor da Festa. A vida social e lúdica da comarca
concéntrase, durante toda esta semana, na Guarda, repercutindo en todos
os estratos sociais, profesionais, etc.
Durante toda esta semana prográmanse
multitude de actos culturais, deportivos, musicais... ¿algún deles
destacarías sobre os outros?
Eu sigo a ser un clásico. Para min o sábado
e o domingo; é dicir, o desfile e a romaría, que é a semente, a orixe da
Festa, son únicos.
¿Como recordas a primeira vez que vivistes as festas ou
subistes ao Monte?
Pois sendo crío, a subida con toda a familia
reunida e indo cedo para coller unha zona, un
cadrado coa miña avoa, as miñas tías, e correndo
polos sendeiros e os camiños... a comida en
familia. A nostalxia do tempo pasado.
O Libro-programa de Festas do Monte é, tamén, unha
fiestra aberta á historia, á etnografía, á
creatividade literaria. En fin, a calquera manifestación escrita que
rescate os valores da Guarda. A través desas páxinas os guardeses
soubemos que tiñamos un patrimonio, as Casas Indianas, que ti nos
descubriches como tal patrimonio. Desde aquela primeira colaboración,
publicada en 2000, creo recordar, ata o día de hoxe, ¿cómo evolucionou
ese patrimonio?
Pódese dicir que de dúas maneiras: continúan
a desaparecer unhas casas, pero outras restauráronse polos seus donos,
completamente ou conservando as súas
fachadas, e quedarán estas por moitos anos dándolle personalidade a nosa
vila. Nos primeiros casos construironse no
seu lugar edificios eclécticos, iguas aos doutros
lugares de Galicia ou de España que serán pedras con personalidade
urbanística que non diferenciarán uns pobos dos outros.
Unha das últimas casas que se derrubaron foi a coñecida
como Casa dos Rivas...
E una das casas máis antigas porque parece
ser que foi construída a finais do século XVIII por retornados da
emigración a Nueva España (México) e supón, a súa demolición, un
patrimonio irrecuperable, non só interiormente, senón tamén
exteriormente. Posuía uns ceus rasos que, creo,
só a Casa dos Alonsos os tiñas iguais. Eran obras de arte que se
perderon para sempre e que, persoalmente, prodúcenme
desacougo. Tristeza.
Volvendo ao pregón. Unha persoa xa experimentada en
presentacións, conferencias, discursos, publicacións ¿segue a matinar un
ou dous días antes de dirixirse ao público, no
que ten que dicir ou se mostra relaxada?
O contido teñoo claro, sei qué
vou dicir. A cuestión é que cando se fala, sobre todo a tanto público e
tan variado, e como empezar e como concluír. En esto si estou maquinando
e maquinarei, claro.
¿Por
onde se encamiña agora mesmo a investigación de Joaquín Miguel Villa?
Sigo estudando, concluíndo, a investigación
sobre a emigración guardesa a Puerto Rico e estou traballando nos
arquivos españois da Coruña, de Cádiz e de Vigo,
para ver qué fixeron os retornados. Son as cidades nas que máis
investiron. Terei que ir a Madrid e a Barcelona tamén. Máis inmediato
son os actos de conmemoración do 50 aniversario dos Pais Somascos
e, como conclusión, un libro da historia destes cincuenta anos.
Miguel alegrámonos de que sexas o pregoeiro que supón,
coidamos nós, un recoñecemento máis a ese labor que estás a desenvolver
por descubrirnos a historia da Guarda máis recente.
Agosto, 2007