|
Xosé Carlos González Blanco director do centro San Xerome Emiliani da Guarda
¿Cantos alumnos hai nestes momentos no centro e cal é a súa procedencia? Temos superado os cen usuarios nestes momentos: son 108 alumnos distribuídos en todos os sectores, desde atención temperá ata adultos nos talleres ocupacionais e emprego.
Podemos considerar a procedencia deses usuarios? Si. Os usuarios do centro, desde os seus inicios, son todos da comarca do Baixo Miño, de modo que temos rapaces de Tui, Tomiño, O Rosal, Santa María de Oia e A Guarda: 38 da Guarda; 22, de Tomiño; 21, do Rosal; 20 de Tui, e 7 de Oia.
¿Desde que idade empezan a acudir os usuarios aos servizos que ofrece o San Xerome? Os usuarios son atendidos desde os “0” aos 60 anos. ¿Por que dicimos “0” anos? Cero anos, loxicamente, non é un dato real, pero é para clarificar que canto antes empecemos a traballar con eles, moito mellor será a súa evolución. Nestes momentos o rapaz máis pequeno ten un ano, pero podería ser que ao mes de nacer, aos dous meses, podería recibir atención no Servizo de Atención Temperá, que é un servizo preventivo de cara a traballar o máis pronto posible e tratar de aminorar esa minusvalía para que se integre na escola ordinaria despois.
Falemos dos horarios Os usuarios entran ás dez da mañá en horario continuado ata as catro da tarde, e todos comen no centro. Hai un servizo de transporte que os recolle nas súas casas, de modo que os de máis lonxe, como Malvas ou Cristelos, xa están esperando a que os recollan ás oito e media da mañá, e o mesmo servizo de transporte é o que os leva de regreso ao rematar a xornada, a partir das catro da tarde. Pero hai dúas excepcións: O Servizo de Atención Temperá, que é un servizo preventivo, como dicía antes, de 0 a 6 anos, só veñen á sesión terapéutica correspondente, e despois vanse ás súas casas ou aos seus respectivos colexios ou garderías. A outra excepción son os traballadores da empresa. Os oito rapaces con discapacidade, contratados pola empresa de xardinería teñen un horario completamente distinto: comezan a traballar antes, teñen que acomodarse ao horario laboral, e inician a xornada ás nove da mañá rematándoa ás cinco da tarde.
Para atender as necesidades educativas, administrativas, etc. ¿con que persoal conta o centro San Xerome? Depende moito dos servizos. Aquí a patoloxía dos rapaces, dos alumnos, dos grupos nos que están, é o que marca o tipo de persoal que os están atendendo. Por exemplo, nas unidades educativas hai aulas cunha ratio de un a un, ou sexa, un profesor para cada alumno; sen embargo, nos talleres onde hai rapaces cun nivel intelectual límite, rapaces case case normais, a ratio é de un-doce, un-trece. A parte hai un persoal especializado, persoal de apoio e persoal de administración. Referíndonos ao persoal especializado, nestes momentos hai pedagogos, psicólogos, mestres de educación especial, traballadores sociais, unha fisioterapeuta, educadora social, logopeda. Temos, ademais, persoal complementario, persoal de apoio, monitores de taller, persoal de limpeza que é importante tamén para poder desenvolver o traballo nas mellores condicións posibles, e o persoal de administración. En total, nestes momentos, hai contratadas trinta persoas.
Á marxe dos contratados, están os voluntarios Pois si, e practicamente son outros tantos.Aquí, antes, habería que resolver algunhas cuestións , algunhas polémicas con respecto ao voluntariado. O voluntariado non está, para nada, substituíndo posibles contratacións de persoal para o centro. O presuposto do que dispoñemos está totalmente esgotado co persoal que temos e, entón, esas actividades que realizan os voluntarios non son actividades que estén suplindo posibles contratacións, senón que son actividades extras que, de non ser polos voluntarios, non se poderían ofrecer. Voluntarios no traballo diario nas aulas e de apoio aos grupos, que non é un apoio técnico estrictamente, pero si un apoio, por exemplo, nas saída dos rapaces. Nós, moitas das actividades que facemos, sobre todo cos pequenos, son saídas ás cafeterías, a comprar ao supermercado, e este tipo de actividades non se poderían facer co persoal contratado porque se necesitan moitas mans para poder facer actividades deste tipo, e se se están a facer e grazas a que hai voluntarios dispostos a colaborar. Voluntarios nas actividades de ocio, como saídas de fin de semana, a existencia do “Club Trankimazin 500” está a realizar actividades como ir ao cine, á discoteca, ao fútbol. Actividades que se non fosen por eses voluntarios, insisto, non se realizarían. Onde se está a levar un traballo moito máis específico e con froitos máis evidentes é co tema do deporte. Os voluntarios do deporte constitúeno un grupo de xente que nalgún momento decidiron dedicar unha parte do seu tempo libre a traballar cos nosos rapaces. É xente que vén do mundo do deporte, futbolistas ou exfutbolistas que veñen os martes, pola tarde, e os sábado, pola mañá, e despois participan cando é posible nas competicións. É o grupo máis numeroso, con dez voluntarios.
¿Pódese pensar que, agora mesmo, o persoal é suficiente para os obxectivos do centro, ou todas as mans son poucas? Bueno, todas as mans son poucas. O que a nós nos gustaría é que, a parte do traballo voluntario que se está facendo con este persoal que de forma desinteresada participa con nós, gustaríanos que nese terreo de ocio, do deporte, das saídas, tivésemos un apoio de xente contratada; técnicos nesa materia, e que despois os voluntarios fosen un engadido máis para poder realizar esa actividade en mellores condicións. O obxectivo desexable sería que ese persoal voluntario, fose persoal contratado.
Este ano celebrástedes o 25 Aniversario do San Xerome. ¿Que significa para o centro esta data? ¿Para o San Xerome...? Podería empezar polo que significou para min. E para min en concreto, significou 25 anos de traballo, e algo así como romático... E para o San Xerome significa que aquel traballo que se iniciou con bastantes dificultades, foi adiante; houbo atrancos, houbo problemas, sen embargo tirouse para adiante; aqueles inicios con dez alumnos, significan hoxe, cen alumnos; aqueles inicios con dúas persoas contratadas, son trinta persoas contratadas hoxe; aquel servicio educativo inicial, converteuse en servicio educativo, atención temperá, talleres ocupacionais, emprego, ocio, deporte; significa revivir todos aqueles recordos, aquelas lembranzas, aqueles inicios. Significou un recoñecementos aos fundadores. Tiñamos unha débeda pendente coa xente que promoveu a creación da Asociación e que, nestes 25 anos, obsesionados co que era o funcionamento do centro tiñamos lixeiramente esquecidos. Significa moito a nivel emotivo, pois aqueles primeiros rapaces que eran críos pequenos, son agora adultos; aquelas familias que naqueles momentos tiñan moitísimas gañas de loitar e de pelexar, agora están nunha situación de cansanzo. Ben, o 25 Aniversario non é unha data simbólica; senón algo máis; fixo remover moitas historias...
¿Pensaba daquela Xosé Carlos chegar aos logros que hoxe se teñen conseguido, quizais a meta proposta ía máis alá cara a un proxecto máis ambicioso? Mira, nos inicios houbo altibaixos, houbo crise; moitos problemas. Nunca nos inicios, a pesares dos atrancos, pensei que esto non fose a ter saída. Son Tauro e, como Tauro son cabezudo (rí), empeñado nas historias que empezo e non entraban en min nin nas miñas perspectivas a posibilidade de tirar a toalla e dicir ‘isto non ten saída’, aínda que houbo momentos complicados, ¡moi complicados! Se digo que o que me imaxinaba hai 25 anos é xusto o que hai agora, sería unha chulería, e de iluminado teño bastante pouco. Imaxinaba unha situación diferente. Aqueles comezos nun edificio sen ascensor, con buratos por todos os lados, sen calefacción, practicamente sen mobiliario, eso tiña clarísimo que non ía ser o futuro. Agora, houbo circunstancias e situacións que para min desbordaron as previsións, por exemplo o tema do emprego. Hai 25 anos podía imaxinarme unha situación moito máis integrada dos rapaces con discapacidade na escola; podía imaxinarme unha situación social moito mellor, a nivel deportivo. O que quizais non souben ver, non vin naquel momento, e que é unha sorpresa agradable é o tema do emprego. Os rapaces daqueles comezos, están agora empregados; oito rapaces do centro especial de emprego traballando en xardinería, e catro rapaces traballando fóra que se formaron aquí, en carpintería. Quizais de todo o que está pasando agora é o que máis me sorprende, agradablemente, por suposto.
¿Como se imaxina a vida destes rapaces, destes xoves con discapacidade, se non existise este centro que é unha referencia na comarca? Bueno, uf. O San Xerome cubriu un oco importante na vida das persoas con discapacidade no Baixo Miño; está claro e iso non o podemos negar. Se non existise o San Xerome tería que haber outra alternativa que dese cabida, que dese entrada a estas persoas, que podería ser en Vigo, en Porriño, en Baiona ou en Tui, non o sei; pero tal e como é a evolución social do mundo, non me cabe na cabeza, agora mesmo, que rapaces con discapacidade non teñan un recurso cerca onde poder ser atendidos. Outra cousa é que despois asistan ao centro ou non, que veñan a este centro ou vaian a outro, eso está dentro do normal e lóxico. Quero dicir, que se se dese ese caso de que o San Xerome non houbese existido sería como un retroceso a cen anos atrás: de que os rapaces continuarían nas súas casas, estarían pechados, a sociedade non os admitiría, a familia non aceptaría a discapacidade, pero estámonos imaxinado a época da caridade, do peto, da esmola, do que era botar nun petiño para os subnormais...
Máis que cen anos atrás, sería trinta anos atrás... Ben, exactamente, o de cen anos si que me pasei, trinta anos, poque hai vintecinco había pais de rapaces que andaban pedindo esmola para os fillos.
Maior satisfacción nestes vintecinco anos (Pensa) Uf. A verdade que satisfaccións hai moitas, uff. Cantidade. Impresionante. Venme... a construcción do novo centro, por exemplo, significiou un cambio. A contratación de novo persoal; cada vez que se contrataba, que conseguíamos contratar a unha nova persoa para o centro era unha nova satisfacción, e aí hai trinta novas satisfaccións, co cal, pois mira, cada persoa que entraba, para min, significaba ampliar. Satisfacción era cada alumno novo que chegaba, porque, claro, empezamos con dez, como dixen, e agora somos cen. Cada alumno, cada usuario que viña, pois era unha satisfacción máis. Cada servizo que creábamos; a ampliación da Quinta das Mercedes, a construcción dos novos talleres. Son moitas, moitas.
O que desexaría esquecer Home. A desaparición dalgúns rapaces. Aquí, nestes 25 anos, faleceron catro rapaces nas súas casas e iso é difícil borrar... e iso é duro; é duro. Igual que era unha satisfacción enorme cada vez que viña un, pois cada vez que desaparecía un o golpe era durísimo. Gustaríame que desaparecesen tamén algunhas críticas que se fixeron ao centro durante algunha época sobre historias políticas, sobre a ideoloxía do persoal do centro. Nós realizamos un traballo e as cuestións políticas teñen que quedar á marxe; e sen embargo, algunhas veces utilizáronse por parte dun sector do pobo de que este era un centro, un colexio de rojos comunistas, entón gustaríame borrar un pouco eso, porque cada un somos o que somos e o que hai que valorar é o traballo que realizamos, se o facemos ben ou non; despois a cor política do director e do resto do persoal, creo que ten que estar á marxe. Entón as críticas que se fixeron nalgunha época, por situacións concretas como Nunca Máis, Non á Guerra, nas que houbo críticas moi fortes doéronme moitísimo, moitísimo.
Nun colexio dos que calificamos, permítaseme a expresión, como “normal”, os rapaces van superando cursos, ciclos... ¿Cómo é no San Xerome ese paso polas aulas? É un proceso completamente diferente ao da escola ordinaria, porque aquí inflúen dúas variables: a idade dos rapaces e a outra, as patoloxías, e aquí temos que xogar con estes dous factores. Aquí vas pasando cursos, pero noutro sentido, por idade e por nivel. Por idade, falabamos antes de que os rapaces entran no Servizo de Atención Temperá e pasan ás unidades educativas e das unidades educativas, aos talleres ocupacionais. Pero dentro dese percorrido lóxico, hai rapaces que teñen unha patoloxía máis grave que outros, e entón nas unidades educativas hai rapaces que están facendo aprendizaxes do que é a escola ordinaria como lectura e escritura, informática; e hai rapaces coa mesma idade que non están facendo eso, senón que se está traballando con eles cuestións de autonomía propia, de hixiene, de limpeza. Nos talleres ocupacionais, tamén hai varios escalóns: hai os que chamamos rapaces asistenciais, cunha deficiencia mental profunda, que non poden desenvolver un traballo, que están no que chamamos o CeDi, Centro de Día, que o que fan son actividades da vida diaria para poder integrarse na casa e a nivel social, pero non están facendo un traballo laboral aínda, e probablemente moitos deles non o podan facer nunca pola súa discapacidade, pero nesa mesma idade hai rapaces que están aprendendo un oficio: carpintería e xardinería, e hai outros nesa mesma idade que xa están traballando.
Pois nada máis, Xosé Carlos. Moitísimas grazas por achegarnos o que é o Centro San Xerome ao lectores de galiciasuroeste. Decembro, 2006 |
|
|