PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

LOCAL

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

AXENDA

NECROLÓXICAS

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

PÁXINAS

 REPORTAXES

FESTAS DO MONTE

RECREO ARTÍSTICO GUARDÉS

CONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

IMAXES

FOTOS LECTORES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

Calendario

CAIXÓN DE SASTRE

ENLACES

 EMPREGO

Predición de MAREAS

*

 
 
 

 

galiciasuroeste                                             Alberto González Vicente

Joám Evans experto estudoso de marcas e símbolos ancentrais visitou A Guarda para coñecer as marcas dos mariñeiros

Joám Evans Pim, profesor de Ciencias da Comunicación na Universidade de Santiago de Compostela e de Estudos Árabes e Islámicos na Universidade Fernando Pessoa, investigador e etnográfo, está a profundizar no uso da simboloxía por distintas comunidades, sendo este estudo motivo da súa recente presenza na Guarda

 

¿Por qué xorde en Joám Evans este interese polo estudo das marcas mariñeiras?

            Ben. Trátase dun tema casual. Eu, polo lugar no que vivo, que é Rianxo, xa coñecía desde hai moitos anos o cemiterio medieval de Santa María de Noia que posúe unha fonte riquísima de laudas sepulcrais medievais, cunha serie de símbolos que hoxe sabemos que son marcas de carácter persoal, pero que se especulaba, e aínda hoxe xente que non ten tanto coñecemento especula, que eran desde representacións humanas ata ferramentas. Non había esa noción de que tales referencias poderían ser un sistema de marcas familiares.

            Nunha visita ao museo etnográfico de Póvoa de Varzím, alá polo 2002, atopámonos coas marcas poveiras, un sistema exactamente igual aos da Guarda, e nese momento establecín mentalmente que era o mesmo que en Noia, claro que en Noia pertence a hai 700 anos e en Póvoa é de hai cincuenta anos. A partir deso comezamos a investigar, a verificar como ese tipo de marcas non só as había no norte de Portugal e nalgúns puntos da xeografía galega, senón que tamén estaban presentes noutros lugares do que é, en principio, a Europa Atlántica, aparecendo nos países nórdicos; usáronse polos mercaderes que facían comercio marítimo na Idade Media, ata que chegamos ao caso da Guarda que é único e moi particular.

 

Fala en plural ‘comezamos’, ‘chegamos’… ¿É que hai outros investigadores interesados nesta temática?

            Si. Desde hai algúns anos estou como invesigador na Universidade de Santiago, e no curso pasado estiven como docente en Ciencias da Comunicación, e tiñamos un grupo de persoas, máis ben informal, porque non logramos que este tipo de traballo de investigación tivese o suficiente recoñecemento, pero era unha xente das áreas de Comunicación, Lingüística, Estatística, incluso xente de Historia, con ese interese común. Co tempo foise ampliando o círculo de persoas que traballamos nesta cuestión, e puxémonos en contacto co resto de persoas no mundo, que tampouco é un grupo numeroso, que se interesan polo mesmo tema. En concreto hai un par de persoas en Suecia, unha ducia de investigadores en Rusia e nos países que foron da súa órbita, sobre todo estudando as marcas de Asia Central e que por eso mesmo apenas coñecen o que acontece en Europa, e máis concretamente en Europa occidental; e logo fomos coñecendo un corpus digamos de bibliografía clásica, que é moi limitada e que realmente desde fai cento cincuenta anos cando se editou unha das primeiras obras relevantes neste campo que era un estudo dun autor alemán, chamado Kolmaier, apenas se conseguiu avanzar. Familiarizámonos con esas obras ‘fundacionais’ de catro autores alemáns basicamente, e algúns outros ingleses, pero por exemplo en Inglaterra non se volveu estudar o tema desde os anos 50, ou sexa os autores xa eran maiores e finaron polos sesenta. O que é grupo de investigación articulado e formail só houbo dous: un en Holanda, o Arquivo para o Rexistro das Marcas de Casa, creado no marco da Asociación Nacional pola Mesa de Xenealoxía e Heráldica, esto foi nos anos oitenta, e nos anos cincuenta, en Berlín, creouse un Centro Internacional para o Estudos das Marcas de Casa, tamén ligado á Sociedade Alemana de Xenealoxía, que tamén durou moi pouco, e que nos dous casos crearon bases de datos, pero lles faltou continuidade. Entón o panorama é de poucos investigadores e moi illados. Somos investigadores que apenas coñecemos o que están facendo os outros, e por eso desde o ano pasado estamos articulando os primeiros pasos para coñecernos e intercambiar información, intercambiar marcas, que é o que nos interesa sobre todo para poder establecer comparacións, tanto no que é visulamente, como no seu uso, as formas de transmisión, as comunidades de marca. Como parte deste esforzo, hai un proxecto de editar un  primeiro libro co estado da cuestión sobre que é o que se está a facer en cada sitio, e esperamos que a fins do ano que vén, ou a comezos do seguinte, poidamos establecer unha sociedade internacional para o estudo dos sistemas de marcas cos investigadores de todos estes países e que contribúa a avanzar neste tipo de estudos.

 

 Mencionaba antes que o caso da Guarda é singular. ¿Por qué?

            É singular por un motivo moi básico. É o único pobo en toda Europa, e un dos poucos lugares en todo o mundo, e só se podería comparar A Guarda con algúns lugares como Mongolia, e tal vez algún outro no Cáucaso, que haxa unha comunidade viva de persoas que usan e coñecen, aínda que cada vez menos, as súas marcas. Se observamos os casos máis próximos, por exemplo o norte de Portugal, en concreto Póvoa de Varzim, Esposende ou Áncora, o sistema de marcas desapareceu nos anos 20-30; a partir dos anos 30 desintégrase completamente e hoxe está esquecido; é dicir, non ten ningún uso. No caso de Póvoa, en parte reivindicouse como parte do patrimonio local, pero non é posible achegarse a ninguén que coñeza cal é a súa marca. E xa se nos imos a outro sitio máis lonxe, no caso por exemplo dos países nórdicos en Suecia, Noruega, Dinamarca, incluso en Alemaña que tivo un uso moi extendido, de case 1.500 anos, non só na poboación da costa senón tamén no interior do rural, os últimos casos desapareceron nos séculos XVIII e XIX, e a partir do dezanove, en todo o que é a Europa central e do norte, non hai nin unha soa comunidade viva excepto un par de casos en Alemaña que xa desapareceron nos anos 40-50. Entón A Guarda é unha oportunidade única para estudar un sistema que probablemente ten máis de tres mil anos de antigüidade, que provén de Asia central e que chegou a estas partes do mundo a través das sucesivas inmigracións que foron extendendo este sistema.

 

¿Qué sensación tivo vostede ao descubrir a pervivencia destes símbolos?

            Nós estivemos a principio deste ano, e tivemos a oportunidade de coñecer, que na Guarda pervivían estes símbolos. Eramos un pouco excépticos, porque o único caso que coñeciamos no ámbito galego, no uso de marcas, era en Noia e era un caso no que as últimas noticias de uso tiñan cincocentos anos de antigüidade. Sabendo que o uso das marcas no norte de Portugal e no norte de Europa, xa desaparecera, e chegar ao porto da Guarda, acercarnos a un barco e ver unha marca nun remo obviamente foi todo un momento no que quedamos moi impresionados e entendemos que é unha oportunidade única, non só para A Guarda, de recuperar o seu patrimonio, senón todos aqueles sitios onde houbo ou hai noticias de que teñan existido ese tipo de uso e se poida coñecer como funcionaban, porque basicamente o sistema da Guarda segue as mesmas regras da maior parte destes sistemas desde Asia central ata o Atlántico europeo.

 

Vostede estivo na Guarda, xa o fixo con anterioridade tamén, ¿Qué percepción sacou da comunidade mariñeira respecto da valoración das marcas?

É curioso; digamos que hai dúas percepcións. As marcas, basicamente, por poñelo en termos máis comúns, non deixan de ser unha forma de heráldica, un escudo. Os escudos para a xente que os vincula con nobreza, é un motivo de orgullo familiar, e neste sentido si que hai algunhas persoas que o entenden así e que o reivindican, e aprecian a súa marca porque o entenden como parte dun patrimonio, dun legado familiar que ten un gran valor, e de feito máis alá do seu uso concreto para marcar pertencias do ámbito mariñeiro, reivindicárono de novo como un obxecto simbólico que representa á súa familia e o que eles son. Esta é unha das percepcións que aínda hai nalgunhas persoas; pero noutras entenden o seu uso máis restrinxido a unha función que hoxe en día non ten tanto sentido, ou a penas ten sentido, que era identificar os instrumentos que se utilizaban para un tipo moi determinado de prácticas pesqueiras, de modo que este uso, ao non existir, entenden que xa non ten utilidade, e por tanto non cumpre estimalo, igual que ata hai poucos anos todo o que eran aparellos de labranza e demais tirábanse ou se queimaban, porque se entendía que xa non tiñan utilidade, e foran substituídos por aparellos modernos. Sen embargo vemos hoxe que hai toda unha tendencia a recuperalos e a mantelos coma parte dun patrimonio, dun legado dos antepasados.

 

¿Estamos nun bo momento para realizar ese estudo na Guarda?

            Estamos nun momento crítico, porque obviamente as persoas que aínda teñen coñecemento deste sistema, ata o punto de podernos remontar a como eran as marcas cen anos atrás, teñen oitenta ou noventa anos e lembran as marcas dos seus avós, pero pola súa idade é un grupo que non estará con nós moito tempo máis. Neste sentido eu entendo que é unha tarefa extremadamente urxente intentar recuperar e catalogar e sacar o máximo proveito desa sabeduría que aínda está latente na Guarda, e deses usos reais, porque de aquí a dez anos, se estes traballos non se fan, imos estar na mesma situación que están en Suecia, Alemaña ou en Noia. De modo que se se quere maximizar as posibilidades que dá o uso das marcas nunha comunidade viva, estamos aínda no momento.

 

Finalmente, vostede vaise un ano ao Brasil. ¿Queda orfo o estudo das marcas?

            Non. A Guarda ten xente representativa, diría, eu, para facer este labor e tampouco creo que en ningún sitio se debe esperar a que sea xente de fóra quen o faga.

 

Novembro, 2008