José
Luis Vicente Cadilla entende que os dous principais atrancos da senda
litoral son a falla de aparcamentos e ausencia de dobre carril
José Luis Vicente Cadilla é o
portavoz dos veciños da rúa Fernández Albor que reclaman unha serie de
melloras no trazado inicial da Senda Litoral, sobre todo entre o comezo
desta rúa e a subida polos Outeiros. Unha senda que entende o portavoz
dos veciños que ten o seu encanto, pero presenta unhas eivas que con
vontade, se poderían subsanar en beneficio da
vila e dunha saída para o porto.
Como portavoz dos veciños,
seguides constatando que hai un problema importante na prolongación da
rúa Fernández Albor pola que discorre a senda litoral. Agora mesmo é un
vial de dobre sentido a demanda máis urxente?
Si, si. Aínda que teñan
que ceder os veciños parte dos terreos para poder facer ese dobre
carril, o atranco maior é que Costas non cede neses cen metros onde no
hai posibilidade de que o fagan os veciños por haber edificacións.
As últimas modificacións supuxeron
ampliar o ancho da calzada ata Santa Catalina, permitindo aparcamento e
dobre carril. Esta medida, en canto a zonas de aparcamento e circulación
neste tramo, dá resposta a unha das demandas prantexadas
polos veciños?
Si. A primeira demanda
era a falla de prazas de aparcamento na rúa, para
veciños, e carga e descarga, e mesmo para ubicar
os contedores de lixo. Recortouse uns cincuenta centímetros no ancho da
senda, pero o aparcamento logrado pode ser suficiente para os veciños,
pero non para os visitantes e usuarios do porto
non van dispoñer de espacios. Estamos pendientes
das xestións do alcalde que fala de cesións,
aluguer ou outro tipo de negociacións cos
propietarios de terreos lindeiros coa senda para habilitar prazas de
aparcamento. De momento non temos coñecemento de por onde van as
xentións, nin cantas prazas se lograrán.
Que outras eivas, se nos recordas,
pedides que se corrixan sen que ata agora atopasen unha solución
axeitada?
Imos ver. Están os
accesos ás rochas, aínda que sobre este aspecto chegamos a un acordo co
alcalde para ver que baixadas se van facer; de momento esperamos para
ver que resultado final se presenta. Outra cuestión que prantexamos
é a saída dos autobuses pois entendemos que a curva por riba da
depuradora, inutiliza o paso destes vehículos. A semana pasada chegaron
ao porto entre sete e dez autobuses, e poderán seguir vindo co pulo que
teñen en Vigo os cruceiros, pero teñen dificultades para saír,
despois de que se convertese en sentido único a baixada
da rúa Concepción Arenal. É urxente entón pensar
nunha saída para os autobuses. Outra cuestión, aínda que
quizás non podemos pensar agora
nun vial, é dar unha solución, nun momento puntual, ao acdeso dun
vehículo cando se quere acceder a algunha das fincas que hai máis alá da
depuradora, por exemplo para facer un desbroce ou se se produce un
accidente cando os usuarios baixan ás rochas .
Estas cuestións deben detallarse por parte do concello
ou de Costas.
Como resumirías os pasos ou
actuacións que a comisión que organizástedes leva feitos ata agora?
Cando comezaron as obras
xa advertimos as deficiencias da rúa, en primeiro lugar a falla de
aparcamentos, porque era o que xa se podía ver. E
para ir pedindo cousas a modo, nun primeiro momento non pedimos o dobre
carril.
Aínda que nós aspirabamos
a máis, a solución que deron, de recortar medio
metro, era un mal menor.
As reivindicacións
que se engadiron ao tema dos aparcamentos non
lograron, no pleno extraordinario, o apoio do Grupo de goberno, aínda
que si tivemos o apoio da oposición. En Semana
Santa o goberno deuse conta do problema que se derivaba na zona pola
falla do dobre carril. Ao tomar conciencia desta eiva, o concello
solicita terreos aos propietarios, que xa no seu día os cederan para
abrir esta pista, e nós consideramos que Costas tamén ten que ceder na
parte que lle toca, que non sempre teñamos que ceder só os veciños.
Estades recollendo sinaturas a
prol desta demanda. Que resposta atopades na cidadanía?
A resposta é moi
satisfactoria. Distribuímos polos establecementos follas de firmas, e
sempre hai petición de máis follas. Contamos co apoio da xente porque
queremos a senda litoral, pero unha senda que estea ben feita; polo
menos coas infraestruturas necesarias para a vila e para o porto.
Dentro das medidas que tedes
programadas para que se atenden as vosas demandas está levar a cabo unha
manifestación, creo que xa autorizada. Podes adiantarnos a data e o
percorrido?
A autorización xa nola
concedeu a Subdelegación do goberno, e vai ter lugar o sábado, 22 de
maio, con saída ás once da mañá da Alameda, baixaremos pola rúa
Concepción Arenal e rematará, coa lectura dun comunicado, no comezo da
rúa Fernández Albor.
Como xulgas a actuación do
concello neste tema?
O concello vai a
remolque. Cando chegou o proxecto da senda
litoral, no plano vese moi bonito, pero tiñan que haberse dado conta dos
atrancos provocados pola falla de aparcamentos e o dobre sentido que se
eliminaba. A sensación que temos, é que o Grupo de goberno vai
parcheando, primeiro pola protesta dos veciños, despois comprobando a
situación xerada pola falla do dobre carril. A reclamación vai con
retraso e sobre obra feita.
Como valorades a actitude de
Costas?
Costas fai o que lle dá a
gana. Por exemplo, no é favorable á cesión dos terreos, e fala de que as
liñas son inamovibles, pero logo, como lles entran cartos no peto,
deixan facer e obrar para montar as terrazas dos restaurantes, que si
estamos de acordo que lles deixen, pero que non se entende ese dobre
sentido de actuar.
Finalmente, con que apoios sociais
e políticos, ou doutra índole, contades para que se atendan as vosas
peticións?
Desde o principio vimos
reclamando apoios de distintos colectivos e da cidadanía. Desde que se
convocou o Pleno Extraordinario por este tema, contamos co apoio dos
tres grupos na oposición: PP, BNG e IV-TEGA.
Apóiannos as asociacións de comerciantes, tanto ACIGU como ÁBACO, e
nestes últimos días reclamamos o apoio, e nolo deron, de organizacións
pesqueiras, como ORPAGU e a Asociación de Espadeiros Guardeses, e tamén
doutras asociacións que teñen algúns problemas, como é a asociación dos
veciños de Manuel Álvarez. E continuaremos solicitando apoios. Queremos
que Costas nos escoite e sexamos un apoio, unha forza as xestións que se
poidan facer desde o propio concello.
Maio, 2010