PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

LOCAL

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

AXENDA

NECROLÓXICAS

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

PÁXINAS

 REPORTAXES

FESTAS DO MONTE

RECREO ARTÍSTICO GUARDÉS

CONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

IMAXES

FOTOS LECTORES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

Calendario

CAIXÓN DE SASTRE

ENLACES

 EMPREGO

Predición de MAREAS

*

 
 
 

 

galiciasuroeste                                             Xosé Manuel Méndez

Xosé Manuel Méndez é o candidato do BNG pola comarca do Baixo Miño para estar no Parlamento Galego despois dos comicios do 1 de marzo. E con el debullamos algunhas cuestións que teñen que ver, sobre todo, con esta comarca.

 

Aínda que o número 10 pola provincia de Pontevedra non é unha persoa descoñecida no Baixo Miño, a modo de presentación, que relación ten Xosé Manuel Méndez con esta comarca?

        Levo 25 anos vivindo no Baixo Miño; traballei en todos os concellos da comarca, desde Tui a Oia; vivín na Guarda dezaseis anos, vivín en Tomiño e na actualidade resido no Rosal. Se de algún lugar me considero é un baixomiñoto.

 

A súa formación política compartiu catro anos de goberno na Xunta de Galicia. Que aportaron os nacionalistas a este país, a Galicia, na lexislatura rematada?

O BNG no goberno desenvolveu unha política transformadora ao servizo  das maiorías sociais. Articulou e desenvolveu o sistema galego de benestar social. Estableceu cambios estructurais precisos para que o medio rural teña futuro; deseñou por primeira vez na historia de Galiza unha política enerxética que redunde en beneficio dos galegos e galegas e non das multinacionais da enerxía; impulsou unha política de vivenda centrada en facer efectivo o acceso a unha vivenda digna, fixo unha lei de comercio consensuada cos comerciantes, desenvolveu unha política cultural destinada a vitalizar a tradición popular, a memoria histórica e a defensa e promoción do noso patrimonio.

 

Que pode aportar un nacionalista ao Baixo Miño?

            Creo que pode aportar moito, porque hai moitos proxectos pendentes. Son prioritarias as melloras nas comunicacións entre Tui e A Guarda e a execución do vial é prioritario para o desenvolvemento da comarca, pero procurando o diálogo cos concellos e mellorando tamén o diálogo cos veciños afectados; a realización dos polígonos industriais, tanto de Tomiño como A Guarda-O Rosal; a execución do Plan Director do Monte Santa Trega, que xa conta cun orzamento por parte da Consellería de Cultura; dotar ao porto da Guarda do dique sur, o traspaso de competencias na conca, porque o Miño é unha gran riqueza e a súa situación é preocupante, tanto pola contaminación como os efectos dos encoros, cun regulamento deficitario e non é lóxico que o Goberno galego non poida actuar sobre o río. Estes serían algúns aspectos que para nós resultan cruciais no Baixo Miño.

 

Exemplifique os logros do BNG no Baixo Miño

            Temos, por exemplo, algo ao que me refería antes: o Plan Director do Monte Santa Trega, que penso que é vital para A Guarda; a cuestión dos polígonos industriais, que levan un retraso, é algo moi importante. Por primeira vez, desde hai vinte anos, temos un proxecto de vivenda protexida, vivenda con prezo taxado, tanto na Guarda coma en Tomiño e O Rosal, que vai ofrecer posibilidades á xente que non pode acceder á vivenda; rematouse a concentración parcelaria en Tomiño; puxéronse en marcha as galescolas en varios concellos, como en Tomiño e Oia; estase a facer unha aposta pola calidade de vida da xente maior coma o Xantar na Casa, estes son algúns aspectos que considero importantes para a comarca, aínda que tamén é certa unha cousa: o nacionalismo no Goberno leva tres anos e medio e hai moitas cousas por facer, quedan moitísimas cousas por facer, e deso somos plenamente conscientes.

 

Sen dúbida ópticas distintas teñen distintos modos de ver as cousas. Que non debeu ter feito, o debería haber feito doutra maneira, o goberno bipartito no Baixo Miño?

            Eu creo que unha das cousas que habería que correxir é a cuestión do vial. Creo que non se levou ben, que era necesario máis diálogo cos veciños e máis diálogo cos concellos. Esta sería a crítica que faría desde a perspectiva do Baixo Miño.

 

Hai unha expresión moi desta zona: ‘fume de xaruto’ coas promesas electorais. Faremos, faremos e faremos e ‘a casa por varrer’. Por que se empeñan os políticos nunha competición de propostas que en catro anos son irrealizábeis?

            Imos ver. Nós procuramos ser cautos coas promesas, precisamente porque sabemos eso: que en catro anos son pouco tempo en política para realizar as cousas. A gran promesa que si podemos facer e que temos fidelidade a este país, podémonos equivocar como calquera, porque somos humanos, pero fidelidade ao país e diálogo coa xente, témolo. Non somos partidarios de facer grandes promesas; grandes propostas si, pero non grandes promesas, e de feito o noso candidato, os nosos candidatos á Xunta de Galicia, teñen un proxecto de Goberno, temos que dicirlle á xente por onde queremos tirar, pero non se fan promesas que sabemos que moitas veces non se poden realizar.

 

Cando se lles pregunta, todos vostedes escurren o vulto e alardean de que gañarán as eleccións. Cos pés no chan e sen ensoñacións, aposta o BNG por repetir o bipartito?

            O BNG aposta por repetir o bipartito. Nós pensamos   que o cambio que se iniciou en Galicia no ano 2005 non se pode parar agora porque tivo grandes virtudes para o país, e apostamos por termos un peso máis importante como BNG dentro dese bipartito. E esa é a nosa gran aspiración para o 1 de marzo, e pensamos que ademais imos logralo.

 

Crise económica, que hoxe preocupa maiormente aos cidadáns desta comarca. Hai fórmulas máxicas ou posibilidades de rematar esta situación?

            Desgrazamente ninguén ten unha variña máxica para parar unha crise como esta, que é unha crise mundial, é unha crise fundamentada, basicamente, nas teorías de que o mercado é quen ten que regular a economía do país e que desde o nacionalismo galego nós nunca acreditamos e sempre pensamos que os poderes públicos deben regular a economía para sentar as bases dun modelo de desenvolvemento máis xusto e máis sustentábel. Neste sentido, temos que potenciar a economía produtiva, aproveitando os recursos e as capacidades do país. A crise reclama medidas urxentes a curto prazo por parte das administracións; atención ás persoas desempregadas, finaciamento das actividades produtivas; apoio aos autónomos, que están nunha situación moi complexas, así como ás pequenas e medianas empresas; medidas de incremento do sector público para intervir na economía, aforro enerxético e aposta polas enerxías renovábeis, e no plano financieiro parécenos vital unha lei de caixas que evite que neste momento os cartos dos galegos se estean investindo fóra de Galicia; a creación dun Instituto Galego de Crédito para impulsar a pequena e mediana empresa e aos autónomos. E logo temos que aproveitar as nosas ventaxes comparativas:apoio ao sector primario, apoio á construcción e á reparación naval e apio á transformación de todos aqueles produtos que saen do sector primario. De todos os xeitos, tampouco temos nós, insisto, unha variña máxica para esto.

  

Céntrese no Baixo Miño, nas actuacións feitas nesta comarca, nos seus representantes políticos locais, globalice e dígame que lle suxiren termos relacionados coas formacións que hoxe están presentes na política municipal e o estarán nos comicios do 1 de marzo:

    PP. Creo que en política hai que ter posicións un pouquiño decentes, e desde logo cando ti tiveches experiencias de goberno, como tivo o PP, cando pasan á oposición din cousas que son simplemente incríbeis. Eu creo que teñen moi pouco amor ao país e están máis preocupados de facer o que lles preocupa aos políticos de Madrid e o que lle preocupa ao seu líder Rajoy, e aquí as cousas móvense por outros criterios.

    PSdeG-PSOE. Como é sabido, nós temos grandes diferenzas co PSOE, pero é un partido co que podemos falar e co que chegamos a acordos moitas veces, mesmo na Xunta de Galicia, o cal non quere dicir que non teñamos visións moi diferentes de moitas cosas, como o tema da crise. Agora ben, podemos falar con eles e eso é importante; podemos dialogar, que co PP está sendo difícil facelo, por desgraza para todo o país, e para nós tamén.

    BNG. BNG eu creo que é unha expresión que naceu para servir a este país, e como dixen antes, podémonos equivocar moitas veces, pero desde logo sobre o país equivocarémosnos pero non será conscientemente.

    TEGA. Eu creo que simplemente non van xogar nestas eleccións.

 

Remato. Xustifique o voto ao BNG

            O voto para o BNG é un voto de compromiso con Galicia; é un voto necesario para que este país tire para adiante, é un voto con orgullo e é un voto para defendernos a nós mesmos como país.

Febreiro, 2009