galiciasuroeste                                             Na Revolta

Na Revolta celebrou cun concerto os dez anos de vida da formación integrada, actualmente, por Elena, Iván, Diego, Silvia, Miguel e Edu, e antes tamén por Xurxo, que por razóns profesionais, viuse obrigado a trasladarse a Irlanda.

Elena é profesora de baile e directora do grupo Xamaraina. Edu da clases no Conservatorio Profesional de Tui, compaxinando esta actividade coa de profesor en distintos grupos de gaiteros da Guarda. Diego, casado con Elena, defínese como ferreiro en Burgueira (Oia). Silvia é titulada en flauta, aínda que traballa na banca. Iván, que forma parella con Silvia, tamén titulado en gaita, é programador informático, e Miguel realiza múltiples facetas, entre elas entrenador de fútbol infantil.

 


Cando recordades agora os comezos
de Na Revolta, que se os vén á memoria, así de pronto?

            (Elena, co apoio de Diego e Iván) Galletas. Galletas napolitanas con canela por riba

            (Diego) …Na casa de Xurxo, ensaiando, (Risas)

            (Iván) Aquilo, cantos metros tería? Tres metros cadrados ou un pouco máis, aquel recunchiño? Pois alí ensaiábamos cinco persoas.

 

Sodes un grupo fiel a vós mesmos en canto a compoñentes. Que supuxo a marcha de Xurxo da formación?

            [Emoción na faciana e un brillo especial nos ollos de Elena e Silvia. Semblantes de nostalxia en todos]. (Iván). Supuxo un cambio; un punto e seguido, porque houbo un cambio na forma da música ao entrar un instrumento novo, como é o piano. Imos ver, seguimos na mesma liña, pero con outras posibilidades, con outros apaños e arranxos musicais.

            (Elena) No primeiro momento foi como se nos quitasen un brazo. Emocionalmente marchaba un amigo, e a nivel musical non sabíamos como íamos a quedar, aínda que contabamos coa colaboración de Edu, pero foi coma se nos quitasen un brazo, e agora que?. Estivemos un pouco perdidiños…

            (Diego) E só tiñamos un doante para substituír a ese brazo.

            (Elena) Non nos valía calquera, porque somos un grupo de amigos e todos temos moito carácter, e pensar en meter a unha persoa que non levase con nós anos, penso que era a dificultade, porque ía ser difícil conxeniar con nós. Somos coma unha casa…

            (Silvia e Elena á vez) …coma unha familia.

            (Elena) O que entrase tiña que saber ser parte da familia, e eso era o difícil, e o único que levaba con nós tempo era Edu.

            (Silvia) Menos mal.

            (Elena) E o día que nos dixo que si, saltamos o ensaio (risas).

 

Porén Xurxo segue estando “aí”, con vós…

            (Silvia) Sempre está aí.

            (Diego) Cada vez que vén de vacacións, facemos cea de grupo.

            (Iván) E a veces, cando montamos as pezas dicimos ‘que pensará Xurxo?’

            (Diego) E cando vén llas ensinamos para que opine.

            (Elena, baixando os ollos) Sempre está… É que a parte dos dez anos xa levábamos outros vinte xuntos, compartimos desde pequenos na escola, nos grupos de María Asunción…

 

E chegou Edu. Pensabades que chegaría a ser un membro máis de Na Revolta ou só ía cubrir un oco temporalmente?

            (Elena) Fomos un pouco ‘luras’. Fixémoslle unha encerrona (risas pícaras). A conta do concerto de Xurxo, chamámolo para que probase, e tiñamos a convicción de que se ía enganchar, porque sabiamos que Edu nunca di que non… (outra vez risas dirixidas ao aludido)

            (Diego) Non tiñamos a seguridade de contar co el porque sabiamos que andaba superliado. Tiñamos ese medo, a dúbida. Que pasa…? Porque con tantas cousas que tiña enriba, igual non era capaz de levar todo.

            (Silvia) De todas formas, ou era Edu ou non era ninguén.

            (Diego) Quedariamos só os cinco.

 

 

E que pensaba entón Edu?

            (Edu) A min sempre me gustou acudir aos concertos de Na Revolta e ata desexaba participar co eles nalgún concerto como anécdota, pero sen maior compromiso, porque eu xa non daba abasto. Malia que insistiron coa anunciada marcha de Xurxo, a miña resposta foi non. Podo colaborar pero formar parte de Na Revolta, non, non podía. Pero as ganas estaban aí, e sempre estivemos xuntos, e compartindo tamén algún encontro nalgunha festa… Entre a insistencia, as miñas gañas, que o paso moi ben e o considerar que podía ser importante para min para superar ese medo escénico que teño (risas dos compañeiros), avaliei estas consideracións, entón acetei. Pero non para suplir a Xurxo, suplir a Xurxo nunca.

 

Pasaron “dezanos”, como evolucionou a vosa música desde entón?

            (Iván) Quizais Miguel foi o que cambiou máis a parte musical, non? Nós procediamos de grupos tradicionais, e así era a nosa música: un quintento tradicional. E veu Miguel coa guitarra, el tocaba calquera cousa de percusión que se lle puxese nas mans, pero ao engadir a guitarra empezamos a ter un son máis folk e menos tradicional, aínda que sempre sen esquecer este aspecto. Máis tarde engadíronse outros instrumentos, coma a acordeón e a flauta, e agora temos un piano, pois folk total.

            (Elena) Ao entrar Edu co piano houbo un importante cambio no repertorio e eso a xente no lo di, e lle gusta.

(Iván) Ademais Edu trae pezas doutro estilo co cal enriquecemos o noso repertorio.

           (Elena) Creo que esto é importante porque todos imos evolucionando e o transmitimos aos outros grupos cos que tamén participamos, é, no meu caso, con Xamaraina.

 

Canto hai de “Na Revolta” no voso repertorio e canto de creación allea?

            (Iván) Temos algunhas pezas compostas por nós, aínda que actualmente só interpretamos unha propia. Pero as pezas novas, aínda sen ser nosas, son todas moi cercanas. Por exemplo Edu trouxo de alumnos del que incorporamos Na Revolta.

 

Subliñástedes no Concerto “Dezanos” o voso paso polo Festival de Lorient. Pero supoño que no grupo houbo outros momentos para enmarcar…

            (Elena) Para min, todos. Cada concerto é único, pasámalo moi ben. De feito co noso peculiar carácter, nos ensaios previos ao concerto sae de nós esoutro que somos. O concerto no que gravamos o disco foi moi especial; as vodas dalgún compañeiro son moi especiais (e rin). Son encontros moi emotivos.

            (Diego) Trátase de ir subindo escalóns, De chegar a dicir “Dios! Que ilusión tocar en Buxán”, e logo “Dios! Tocar nas Festas do Monte”...,

            (Elena) somos persoas que disfrutamos con todo o que facemos. Incluso indo a tocar nuns pinchos, pasámalo pipa igual.

 

Editástedes un disco “…al punto”, hai novos proxectos discográficos ou de momento só existen os ‘directos”?

            Home gustaríanos gravar un segundo disco, pero está todo demasiado no aire aínda.

 

Dificultades económicas, tal vez?

            (Elena) Tamén.

            (Silvia) Case é máis o tempo que nos falta que o diñeiro.

            (Edu) Eu penso que é máis polo tempo, cada un estamos metidos noutras cousas e xa para facer os ensaios nos desexamos.

            (Silvia) Coma non sexa un directo, é difícil.

            (Diego) Quizais o máis fácil para nós sexa un directo.

(Elena) Non é tan complicado facer un directo e a xente xa nos está reclamando un segundo traballo.

(Diego) De feito houbo quen mercou no concerto “Dezanos” un disco pensando que era o noso segundo traballo e logo mo devolveron (novas risas de complicidade).

 

“Na Revolta”, vémolo en cada aparición no escenario, contades coa complicidade do público. Que sensación percibides desde o palco no público?

            (Elena) Eu son a observadora do público, e penso que o público está con nós arriba, porque nós tamén estamos co público abaixo. Creo que chegamos ao público porque lle falamos dun ‘tú a tú”, como agora que estamos a falar contigo. Penso que ningún collemos o micro para falar desde unha superioridade, non tocamos desde unha superioridade; cando temos fallos rimos igual; o público é cómplice das nosas cousas, e a maioría da xente que nos vén mirar xa nos coñece; ao mellor as anécdotas que suceden nun ensaio podemos contalas fóra… é coma ir facendo esta ‘familia’ un pouco máis amplia. É que subimos ao escenario coma se estivesemos no Cuqui en Noiteboa, tocando.

 

Dixéchedes, no concerto de Aniversario “que esperamos volver a encontrarnos dentro de dez anos”, eso supón que no grupo, ademais de estar consolidado, existe, como se dice agora, bo rollo entre vós.

            (Edu) Non é só que leven, levemos, dez anos, é que imos levar dez anos máis, e outros dez. Estivemos xuntos todos desde nenos…

(Diego) Estamos contando os dez anos de casados, pero de noivos levamos vinte.

 

Para rematar. tedes a axenda apretada, sóbravos ocos ou estades cunha axenda cómoda que vos permite  dedicaros á música compaxinándoa con outras obrigas?

            (Elena) Temos a axenda apretadísima, pero pola música. O problema é ser músicos de Na Revolta, de Xamaraina, de Boalleira, de Pelouros, de… E veñen entón os problemas na axenda máis por esto que polo traballo. De modo que cando chega a fin de semana, que é cando podemos ensaiar, temos tamén outros grupos aos que dedicarnos e esto nos impide que Na Revolta acapare todo o noso tempo.

            (Diego) E os poucos ocos que quedan acaban enchéndose tamén.

Abril, 2011