PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

LOCAL

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

AXENDA

NECROLÓXICAS

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

PÁXINAS

 REPORTAXES

CONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

FOTOS LECTORES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

Calendario

ENLACES

 
 
 

 

galiciasuroeste                                                  Informativo A Guarda

Ramón Otero Pedraio na Aurora

por Xosé M. Malheiro

Cando a Sociedade Aurora del Porvenir inaugurou o novo edificio escolar, a comezos de 1931, organizou un emotivo acto ao que convidou a personaxes salientables, tanto do maxisterio como da política e a cultura galegas. Conta o xornal Galicia, voceiro da Federación de Sociedades Agrarias y Culturales de Bos Aires, que a festa transcurríu durante unha xornada enteira, e celebrouse con gran solemnidade. Ademais das autoridades políticas locais, tomaron parte varios mestres do concello, o director da escola graduada de Vilanova de Cerveira acompañado por dous alumnos, e unha comisión que chegara desde Ourense, encabezada por Don Ramón Otero Pedraio. Outro dos convidados, o inspector de educación Álvarez Limeses, lamentou a súa ausencia por motivos persoais.

Pola mañá, os nenos e nenas brincaron con xogos e cucañas, e contra o medio día, xunto co seu mestre José Ares Sánchez e algúns membros da Sociedade de Emigrantes, como Daniel Calzado ou Francisco Rodríguez, trasladáronse a Figueiró e Estás, lugares onde descansan os restos do fundador da institución, José Domínguez Souto, e do primeiro secretario da mesma na capital arxentina, Manuel Domínguez. E alí, sobre as súas sepulturas, os pequenos colocaron unhas coroas de flores para honrar a memoria de ambos iniciadores.

Pola tarde, logo da recepción aos convidados, deu comezo o acto de entrega simbólica do edificio que a Sociedade viña de rematar no lugar denominado Telleira de San Benito. Aurora del Porvenir contara tamén coa axuda económica do benfeitor Abdón Alonso Alonso, mercé a unha doazón de 35.000 ptas. da época.

Intervíu en primeiro lugar Francisco Rodríguez Otero, que transmitíu unha nota enviada por Abdón Alonso desde o Brasil; Daniel Calzado, pola súa parte, falou en nome dos emigrantes ausentes en Sudamérica e Portugal; o mestre de Tomiño e alcalde do Municipio, Pérez Ojea, pronunciou unhas palabras en representación de todos os mestres alí presentes. Seguíu o turno de discursos o director da escola graduada de Vilanova de Cerveira, que o fixo en portugués, e o destacado agrarista e deputado provincial Generoso Lagarejos Rivas, dirixente do Partido Radical e do Sindicato Agrario “Los Tabagones”, de Tabagón; e pechou o turno de palabras, “en gallego y con su elocuencia característica”, o director do Instituto de Ourense, Otero Pedraio. O fundador da Xeración Nós, do Seminario de Estudos Galegos, membro xa na altura da Real Academia Galega, e deputado galeguista nas Cortes Constituíntes republicanas, adicou parte do seu discurso a eloxiar o labor pedagóxico dos emigrantes, capaces de soster, de xeito altruísta, unha escola que xa viña funcionando nos locais do Sindicato Agrario de Figueiró e Estás desde 1923, e que estaba a piques de trasladarse a aquel expléndido edificio que viñan de sufragar os tomiñeses emigrados.

Aproveitou tamén para agradecer, en nome de todos os presentes, a invitación que lle cursaran desde o Baixo Miño para presidir aquela xuntanza, e aínda que o xornal non detalla con exactitude o contido das palabras que pronunciou nesa ocasión, probablemente insistiu nas recomendacións que pouco antes fixera desde a revista Céltiga, en Bos Aires, aos emigrantes que se propuñan crear escolas en Galicia. A través dun artigo titulado “Un deber do profesorado galego” ―aquí reproducimos textualmente un fermoso parágrafo― o ilustre profesor salientaba a necesidade de crear escolas asentadas na Terra, dirixidas por mestres que falaran a lingua daqueles nenos e nenas, sementes do porvir, que o escoitaban con atención. Unhas palabras que, malia o paso do tempo desde que foron escritas hai máis de setenta anos, seguen a conservar, hoxe máis que nunca, todo o seu significado:

Calquera que señan os programas oficiales, o mestre ten espazo para eispricar ós rapaces as grandes liñas da faciana xeográfeca e histórica da Galiza. Non se precisa material d´ensiñanza. Está nos montes d´hourizonte, nos ríos que dibuxan o chan, no seo dos bosques, nos castros cinguidos de leendas, na portada esculturada feitucadamente da eirexa, nos contos, nos refrás e nos ditos dos vellos tan amados e simbólecos pra tenra intelixenza dos rapaces. As leuciós da escola deben compretar, eisaltar e cinguir c´o mundo, aquela pedagoxía fonda de todol´os días do vivir e do traballo. Calquer acontecemento do día ―a chegada d´un americano, a feira, a vendima― dá pé pra eispricar como ren as terras i-as xentes d´alem-mar, as siñificanza do comercio, o valor do traballo das viñas. E non digamos o que se pode facer c´os rapaces d´os grados superiores d´unha escola graduada.

De contado, segue a informar o xornal, un neno da veciña Vilanova leu unhas liñas que traía escritas nun pergamino, e entregou aos alumnos da Aurora del Porvenir un fraternal agasallo en nome dos nenos e nenas da vila portuguesa. Rematouse a xornada obsequiando ás autoridades e socios “con un lunch y un champagne de honor, y a los niños con dulces”. Todos os oradores foron calidamente ovacionados polo enorme xentío que alí se congregou, diante da escola, aquela fría tarde do mes de xaneiro de 1931.

 Poucas semanas despois daquela xuntanza festiva instaurábase a Segunda República, dando comezo unha alborada de liberdade e esperanzadoras reformas... pero ninguén imaxinaba, aquel día, o tráxico final que agardaba a moitos dos alí presentes varios anos máis tarde: logo do levantamento fascista do 18 de xullo de 1936, a escola foi clausurada e o edificio ilexitimamente confiscado. Os seus mestres foron denunciados e perseguidos por impartir unha ensinanza “laica y tendenciosa”, e os seus dirixentes acusados de tramar “todas las campañas políticas antiespañolas que en los últimos tiempos hemos padecido, llegando a ser el verdadero cuartel general de la revolución comunista en el término de Tomiño”, segundo constaba nun informe remitido polo alcalde de Tui ao Gobernador Civil de Pontevedra en setembro daquel ano. Un vergoñento episodio da historia de Tomiño que ao que nos referiremos noutra ocasión.

Compostela, 14 de abril de 2004

Xosé M. Malheiro