g@lici@suroeste

índice           www.galiciasuroeste.info

800X600 pixeles (recomendado)

horizontal rule

Gaspar no porto da Guarda

O arroaz Gaspar que vén percorrendo as costa do sudoeste occidental de Europa, leva cinco días (desde o 23 de xullo) no porto da Guarda. Así o confirmaron membros de ANABAM, organización que pertence a CEMMA (Coordidora para o Estudo dos Mamíferos Mariños) que vén facendo un seguimento continuo deste cetáceo desde que decidiu instalarse nas costas galegas, onde permanece desde decembro con visitas, tamén, á costa Cantábrica.

Antes de decidir pasar esta longa tempada nas augas galegas, Gaspar procuraba o mar de Brest, no norte de Francia, onde uns asiduos visitantes da Guarda, o matrimonio formado por Michel e Mari-Jo, o fotografaron en distintas ocasións.

Gaspar, segundo explicou ANABAM, é un arroaz macho, duns catrocentos kg de peso e unha loxitude duns tres metros. Malia ao seu carácter aparentemente dócil, ANABAM aconsella que non se xogue con el nin se lle procure alimento, para evitar calquera accidente ben ás persoas ou ao propio golfiño. Non é necesario que para disfrutar da súa presenza se adopten comportamentos errados que en nada benefician a Gaspar, e que aínda que se fan sen má intención, non son convintes.

No porto da Guarda, segundo as observacións realizadas por ANABAM, soe permanecer nas proximidades das embarcacións fondeadas, dando voltas ao seu redor con breves inmersións. Ao cabo dalgúns minutos, que poden chegar ata quince, busca outra embarcación e repite o mesmo comportamento, preferindo a parte norte do barco ou planeadora fondeada.

Na mañá do domingo puido observase que ao entrar unha planeadora no porto, fixo a espera e, no momento que esta detiña o motor, deu tres golpes coa cola na auga, ao tempo que se achegaba á embarcación.

O 6 de xullo, Gaspar estaba por augas de Leixoes e nas mesmas continuaba o día 15.

Xullo, 2008