g@lici@suroeste

índice           www.galiciasuroeste.info

800X600 pixeles (recomendado)

horizontal rule

 

Tomiño, 24 de xullo de 2008

Informa Beti Rey

    

Cincocentas persoas rexeitan en Tomiño os tres trazados de Política Territorial para a autovía

Case cincocentas persoas manifestáronse onte á mañá en Tomiño para reivindicar que se recupere o trazado 2 da autovía Tui-A Guarda e rexeitar as tres alternativas propostas agora pola Consellería de Política Territorial.

Pasadas ás once da mañá partía a manifestación dende a rotonda da pedra cunha pancarta na que se podía ler “Non ao proxecto de autovía da Consellería que destroza Tomiño”.  En tanto os manifestantes coreaban “Caride, solución, Tomiño destrución”. Á manifestación sumáronse representantes do PP, ALT, CdeT e BNG incluída a alcaldesa de Tomiño. Os únicos ausentes foron os concelleiros do PSOE polo que os manifestantes coreaban “Vergara da a cara”.

A manifestación transcorreu de xeito pacífico até a praza do Seixo. Alí os manifestantes agardaron mentres os representantes da Asociación en Defensa do Medio Rural se entrevistaba cos representantes políticos de Tomiño na Casa do Concello.

Ao remate desta reunión cada voceiro espuxo a postura do seu grupo. O primeiro en tomar a palabra foi o representante popular César Pérez Ares quen explicaba que non están dispostos en ningún caso a que se trasladen os problemas que antes había co trazado agora a todos os veciños de Tomiño.

Jaime Alonso Pichel, representante de Alternativa Tomiñesa, agradeceu o magnífico comportamento dos manifestantes, e explicou que a postura do seu grupo é recuperar o trazado 2 do vial con algunhas modificacións. Pero considera que o novo trazado é máis prexudicial. Era pesimista e dicía que ve difícil o consenso entre todas as forzas políticas.

Engadía que o seu partido vai facer todo o posible para solucionar este problema político.

Sandra González, a alcaldesa de Tomiño, tomou a palabra en nome do goberno municipal agradecendo a actitude cívica e lexítima dos manifestantes para reivindicar os seus intereses. Explicou a continuación que hoxe  xoves convocará unha Xunta de Portavoces na que tentará que se alcance un  consenso para rexeitar este proxecto, porque dicía, “me parece que estropea o pobo de Tomiño”. Hai que estar fortes na postura do consenso póndoa por riba dos intereses dos partidos, e pedía aos outros partidos un exercicio de responsabilidade porque “Tomiño xógase moito”.

Os manifestantes increparon aos voceiros de CdeT e do PSOE para que tamén espuxeran as súas posturas. Dende Centristas Jesús Castiñeira apoiou as reivindicacións dos veciños rexeitando os tres trazados propostos por Política Territorial, e postulándose por un trazado preto do río se se corta o viaducto entre Forcadela e Carregal e se traza unha paralela ao río con importantes tramos de viaducto até Goián.  Dende CdeT, Jesús Castiñeira,  manifesta sentirse enganado pola Xunta que prometera unha autovía por zonas rústicas e forestais sen acercarse as casas, e tras te-lo trazado dous anos paralizado volver retomar o antigo trazado.

Por último tomou a palabra Santiago Vergara, que foi interrompido e abucheado en numerosas ocasións. Dicía que hai demasiados afectados aos que hai que darlle solucións. En canto ao lugar por onte terá que transcorrer o trazado dicía que por coherencia e compromiso cos seus votantes, opóñense ao trazado polo río.

Dende a Asociación en Defensa do Medio Rural afectado pola Autovía tomaba a palabra a súa residenta, Mari Cruz Rivas, se manifestaba pesimista ao término da reunión co equipo de goberno. Explicaba así que “non serviu para nada porque simplemente o grupo socialista segue mantendo que este trazado é viable e iso é solución para o pobo de Tomiño”. Engadía que seguirán con mobilizacións, cortes de estrada e incluso irán até Santiago.