g@lici@suroeste

índice           www.galiciasuroeste.info

800X600 pixeles (recomendado)

horizontal rule

Noites Guardesas do Deporte

02/08/2008

seguinte

O sábado, 2 de agosto, comezou co mes, un periodo frenético de actividades diversas na Guarda como preludio do que vai ser a Semana Grande guardesa, a das Festas do Monte. Nun ambiente animado, viviuse no auditorio ao aire libre de San Bieito, coa presencia dun numeroso público, arredor de seiscentas persoas, as IX Noites Guardesas do Deporte, organizadas polo Centro Deportivo Do-Majó. Ritmo, marcha, artes marciais, acrobacias, aeróbic, e outros ingredientes, nos que non faltou a emoción, fixeron pasar aos asistentes unha noite especial na que se prolongaron e repetiron os aplausos.

Pola novidade quizais este ano haxa que destacar a exhibición de capoeira co Grupo Muzenza, de Brasil que coas acrobacias, a danza e as escenas nas que o fogo foi tamén protagonista, entusiasmou ao público congregado en San Bieito. Aproveitou o director do Centro Deportivo Do-Majó para anunciar que a partir de outubro, este ximnasio ampliará as súas disciplinas coa inclusión da Capoeira para cantos queiran coñecer e practicar esta modalidade de danza que crearon os escravos brasileiros como un modo de loita fronte aos donos das fincas.

A emoción viu co agasallo-sorpresa dos alumnos e alumnas que foron, e seguin a ser, do Centro Deportivo Do-Majó, quen quixeron testemuñar o seu afecto a Jose e Ángela co gallo do 25 aniversario deste ximnasio na Guarda. A emoción, contida en Jose e que non puido reprimir Ángela, contou coa complicidade dun público que obsequiou con calorosos aplausos a ámbolos dous. Tamén houbo ramo-sorpresa para Mónica, a quen as bágoas vidraron os ollos.

Remataron as IX Noites Guardesas do Deporte, que contou coa presenza do alcalde, José Manuel Domínguez Freitas, e do concelleiro de Deportes, Javier Crespo, co reparto de lambiscadas a todos os nenos que participaron neste encontro.

seguinte