g@lici@suroeste

índice           www.galiciasuroeste.info

800X600 pixeles (recomendado)

horizontal rule

Mellora e ampliación

Parques da Guarda

Dentro da política que leva a cabo o actual equipo de goberno, presidido por José Manuel Domínguez Freitas, está a mellora dos parques e zonas de lecer, así como a súa ampliación ás parroquias. Nestes intres esta área, baixo a responsabilidade de Miguel Español Otero, coñece os primeiros avances, que aínda que sen rematar totalmente, xa presentan unha faciana que evidencia os traballos que se están a realizar en parques infantís.

En Salcidos, na Portela concretamente, desenvolveuse o proxecto financiado pola Fundación para o Desenvolvemento da comarca do Baixo Miño, PRODER II, redacto por Hermelindo Martínez González, que foi, tamén o director da Obra. O investimento total, cofinanciado con fondos europeos e o concello, acadou os 79.423 euros, que, xunto coas melloras ofertadas pola empresa construtora, se elevou aos 90.000 euros.

Na Portela conserváronse diferentes especies arbóreas que van permitir crear unha área de descanso, dotada con mesas e bancadas, e unha pequena parcela con céspede, aproveitando uns loureiros que crecen illados a carón da zona de xogos infantís.

Á area de deportiva, provista de céspede artificial, vai dotada de regado automático. Ademais dunha entrada polo sur. desde as proximidades da igrexa de San Lorenzo, o responsable de Parques, Miguel Español, mantén conversas con Avelaíña, para crear un acceso desde a Portela, de modo que facilite o uso de esta área de lecer e xogos a distintos núcleos de poboación.

Acondicionado polos alumnos que participan no Obradoiro de Emprego Manuel Benito Portela IV, foi rehabilitada e mellorada a área de lecer que ocupa a praza existente entre a Rúa Galicia e os Bechos.

Ampliouse a área de xogos, acondicionouse o exterior da zona reservada aos cativos, creáronse espazos axardinados e se dotou de iluminación. O Resultado xa se pode ver, pero non está rematado. Español Otero explicou que vai restrinxir o cemento, para mellorar a parte axardinada, pero tamén se pintará o chan para darlle un carácter máis amable á vista.

Outra das áreas acondicionadas foi o Parque de Laxe Grande que mereceu xa o eloxio dos veciños. Entre as medidas que se levaron a cabo foi dotar de auga á fonte e restituír o surtidor, de modo que o aspecto de abandono e suciedade que presentaba cambiou por completo. Ademais de empedrar o interior da fonte e o entorno, ampliouse a zona de xogos e se rehabilitou a zona axardinada. Quedan algunhas melloras aínda para concluír a obra iniciada, algunha delas, que terá chegar no futuro, será a eliminación dun cableado aéreo que rompe toda estética

Miguel Español, concelleiro de Parques e Xardíns, amósase satisfeito dos resultados que xa presentan estas melloras, e que os veciños téñenlle agradecido persoalmente. Pero esto, insistiu, aínda non rematou, polo que seguirá "pulindo" esas eivas que se poidan evidenciar co obxecto de conseguir os mellores resultados para os usuarios destas zonas

Xullo, 2008