Infraestruturas
Tui-A Guarda
seguinte
A
conselleira de Política Territorial presentou na Guarda o novo vial Tui-A
Guarda

A
conselleira de Política Territorial, María José Caride, visitou onte
(18/07/2008) A Guarda para presentar o estudo da circunvalación da
Guarda, que forma parte da VAC, para evitar o paso de vehículos polo
centro da localidade.
A
conselleira, que chegou con algo máis de media hora de atraso con
respecto ao programa previsto, foi recibida na Praza do Reló con pitos,
consignas e apupos por pouco máis de setenta veciños que portaban
pancartas, e que se desprazaron desde Tomiño para manifestar o seu
rexeitamento aos posibles trazados proxectados para este viario por
Tomiño, non permitíndolles o acceso ao interior da Consistorial.
Nalgún
momento un grupo destes veciños, no momento en que Caride saía do coche
oficial, quixo rodear á conselleira intervindo as forzas de seguridade
que impediron que se achegasen a María José Caride. Na Casa do Concello
esperaban corporativos locais, á fronte dos cales atopábase o alcalde,
José Manuel Domínguez Freitas; representantes socialistas doutros
municipios, e cargos públicos como o presidente da Entidade Menor de
Camposancos, así como simpatizantes do PSdeG-PSOE.
Antes
de reunirse con Domínguez Freitas na Alcaldía, María José Caride acudiu
ao Salón de Plenos onde asinou no Libro de Honra do concello e sinalou
que o seu departamento tiña proxectos moi interesantes para este
municipio. Tras manifestar que hoxe (por onte) comezaba o proceso de
información pública da variante da Guarda, que marcará, dixo, un antes e
un despois "na vida deste concello porque permitirá liquidar moitos dos
problemas de tráfico que hoxe teñen os seus veciños", lamentou "que
algunhas destas visitas se poidan ver un pouco distorsionadas por
veciños doutros municipios que tamén teñen os seus lexítimos dereitos
para estar en desacordo con algunhas das actuacións da Consellería".
Pasou,
a continuación, ao despacho da Alcaldía, mentres no exterior da Casa
Consistorial seguían manifestando o seu desacordo os tomiñeses.
Un dos
membros do equipo da conselleira reuniuse cos concentrados e dialogou
con dous dos representantes facéndolles ver que a súa protesta non
procedía nesta localidade, ao mesmo tempo que invitaba a que dous
membros do colectivo se entrevistarsen con María José Caride.
Rubén
Muñoz e Mari Cruz Rivas, tras reunirse coa titular da Consellería de
Política Territorial, comunicaron o resultado das conversacións aos
concentrados que se retiraron tras o compromiso da Conselleira de enviar
un técnico do seu departamento a Tomiño, cuestión que xa anunciara,
diría máis tarde a conselleira, á rexedora local na mesma mañá de onte.
Circunvalación á Guarda
Na segunda comparecencia ante os medios de comunicación, e cos
paneis dos trazados ás súas costas, María José Caride, acompañada no
estrado polo alcalde da Guarda, presentou os estudos informativos da
variante desta localidade e os trazados de Tomiño.
Cualificou Caride a alternativa da Guarda como unha infraestrutura para
o desenvolvemento futuro desta localidade e que modifica
substancialmente calquera proxecto que existía inicialmente, porque o
trazado Tui-A Guarda do anterior goberno metía todo o tráfico no centro
guardés, que se evitará co novo proxecto que levará os vehículos
pesados, e lixeiros que non teñan como destino A Guarda, a tomar a
alternativa que evite o centro.
O
trazado desta alternativa local "basicamente vai por onde todos os
veciños poden entender que pode ir unha variante da Guarda". Agora os
guardeses terán, por espazo de dous meses, tempo para coñecer as
afectacións que supoñan esta variante, que non afectará a ningunha
vivenda, excepto a Casa da Comunidade de Montes de Salcidos, no Torroso.
O
investimento desta variante ten un orzamento estimado en 15,5 millóns de
euros.
Un
proxecto que difire do pensado polo PP
Engadiu a conselleira que fronte á vía rápida Tui-A Guarda, prevista
polo goberno anterior do Partido Popular, optouse por un proxecto que
permitirá a súa ampliación cando o demande o tráfico: unha autovía entre
Goián e Tui que dará resposta ao incremento de tráfico portugués, e un
corredor entre Goián e A Guarda.
Asegurou que o proxecto do anterior goberno cambiouse todo, aínda que
nalgúns tramos vaia pola mesma traza, pero con características técnicas
substancialmente distintas.
Acudindo ás cifras, e tras reiterar que o proxecto do PP non contemplaba
a variante da Guarda, sinalou que fronte a un investimento do Partido
Popular de 80 millóns de euros, o proxecto que desenvolve a Consellería
que preside, ten un investimento previsto de 190 millóns de euros.
Este
investimento, sinalou Caride, ten tres obxectivos: integrar a vía ao
longo de todo o seu trazado; mellorar a accesibilidade do Baixo Miño
desde todos os concellos, e dotala da capacidade suficiente para que
tanto agora, como nos próximos anos, se resolva a mobilidade do Baixo
Miño.
Entre
os tramos que se manteñen sinalou os do Rosal e a saída de Tui. O
primeiro porque é imposible pasar por outro lado a pesar dos moitos
estudos técnicos feitos, e no caso de Tui, porque hai proxectos
empresariais próximos a esta infraestrutura.
Adiantou María José Caride que o tramo do Rosal e o primeiro tramo entre
Tui e Areas, licitaranse este mesmo ano, despois de que este último se
transforme en autovía co aumento das afectacións.
Tamén
dixo, referíndose ao tramo máis polémico, o de Tomiño, que o trazado do
goberno anterior xeraba unha barreira artificial á beira do río Miño, e
engadiu, noutro momento, que o estudo informativo que se presenta aos
tomiñeses ten como premisa, mellorar a integración desa infraestrutura
no territorio polo que pasa; en segundo lugar, transformala en autovía;
terceiro, mellorar a accesibilidade do concello de Tomiño a esa
infraestrutura, que tal como estaba prevista anteriormente obrigaría aos
tomiñeses a acceder a ese novo viario, retrocedendo ata Goián, ou
desprazándose ata Areas. O novo trazado permite alternativas de
incorporación no termo municipal, e ademais construirase unha
circunvalación, ou variante de Tomiño, ofrecéndolles aos veciños dous
enlaces que poderán utilizar tamén para a mobilidade, única e
exclusivamente, dentro do municipio.
Outros compromisos coa Guarda
A conselleira referiuse a outros compromisos "que temos con este
concello (da Guarda), que queremos potenciar". Concretamente citou a
mellora do vial Baiona-A Guarda, cuxo proxecto está previsto que conclúa
pasado o verán, e que incorporará un trazado peonil e para bicicletas,
co obxectivo de humanizar máis esta estrada que segue pola costa.
As
previsións de investimento para esta mellora, cífranse en 11 millóns de
euros.
Outra
mellora viaria é a comunicación entre A Guarda e Fornelos, coa
construción dunha senda peonil, cun investimento previsto dun millón de
euros, e cuxas obras, dixo María José Caride, queren licitar este mesmo
ano.
Ábrense
agora, como apuntou María José Caride, dous meses para que os colectivos
cidadáns, veciños e concellos, coñezan os proxectos da infraestrutura
Tui-A Guarda e presenten as súas alegacións con obxecto de que "poidamos
mellorar eses proxectos, pero entendendo que estes son os proxectos que,
tecnicamente, son viables facer".
Finalmente a conselleira fíxose eco de "novos retos" para esta
localidade, transmitidos polo alcalde a María José Caride e dos que deu
conta Domínguez Freitas na súa comparecencia diante dos medios de
comunicación, como a necesidade de contar cun multiusos para A Guarda,
"alcanzando o compromiso da conselleira de facer un anteproxecto para
coñecer a valoración de canto custaría esta obra e de como se podería
facerlle fronte economicamente entre ambas as institucións".
As
pancartas




Chegada da
Conselleira recibida con asubíos



Caride
asina no Libro de Honor e recibe unha réplica da gamela, embarcación
tradicional da Guarda



Concelleiros socialistas, do Partido Popular e do BNG, acudiron á
recepción da Conselleira. Entre os presentes atopábase o edil socialista
de Tomiño, Santiago Vergara, e o ex concelleiro nacionalista, Lito
Oliveira


O
alcalde, José M. domínguez Freitas, reuniuse en privado coa conselleira,
María José Caride, á que lle trasladou, entre outras necesidades, a
urxencia de contar cun centro multiusos

Rubén
Muñoz, á esquerda, de fronte, e Mari Cruz Rivas, á dereita, conversan co
representante da conselleira quen lles informa que a titula de Política
Territorial recibirá a dous representantes dos concentrados fronte ao
concello da Guarda

Xornalistas agardando a comparecencia da conselleira que lles informará
dos proxectos que se barallan para as comunicacións entre a Guarda e Tui
seguinte