Os alevíns do CB Tui recibiron un diamante de
cristal para conmemorar o seu Campionato de Galicia

Os integrantes do
equipo alevín do CB Tui foron recibidos onte na Casa do
Concello de Tui polo alcalde, Moisés Rodríguez, e o concelleiro de Deportes,
Nicolás Lorenzo, xunto aos edís do equipo de goberno Jose Angel Villaverde, Olga
Montes, Marcelino Cendón e o concelleiro do BNG Laureano Alonso.
A recepción celebrouse para felicitalos polo
Campionato de Galicia que lograron recentemente. O Concelleiro de Deportes, que
é tamén o presidente do CB Tui, manifestou sentirse emocionado nesta recepción
recoñecendo que cando era xogador o seu desexo era poder gañar un título para
ser recibido polo alcalde, daquela non o puido facer pero si despois coma
adestrador, e agora coma concelleiro. Felicitou aos xogadores polo triplete
logrado, xa que ao título galego suman tamén o Campionato da Delegación de Vigo
e o Provincial.
O alcalde dirixiuse aos xogares manifestando que son
un diamante en bruto que hai que pulir, por ese motivo lles fixeron
entrega dunha réplica dun diamante para conmemorar o título galego logrado dicía
Moisés Rodríguez.
O adestrador do equipo Ángel Aldea sinalaba que este
é un gran éxito aínda que recoñecía que os rapaces aínda non son conscientes do
que significa. Engadía que é froito de todo o tempo que levan adestrando, e
agradecía o apoio recibido polo club, as familias e os patrocinadores.













