Miguel Capón de ALT di na presentación da candidatura que aspiran a ser a lista
máis votada

Un proxecto serio,
honesto e comprometido. Así foi definida o xoves á noite a candidatura de
Alternativa Tudense encabezada por Miguel Capón, na presentación da lista que
tivo lugar no Hotel Colón que foi seguida por máis de 300 persoas.
Abriu as
intervencións a número 4 da lista Patricia Ricón salientado que o apoio con que
contan se empeza a notar na rúa e promete un cambio. Explicaba que Alternativa
Tudense aposta polo bo funcionamento dos servizos básicos coma a recollida do
lixo, a limpeza da cidade, o abastecemento de auga... porque neses momento de
crise subliñaba que “non se pode aspirar a grandes proxectos”. Outros temas que
figuran no seu programa son mellorar o funcionamento do Concello e reestruturar
algunhas concellerías “porque así o esixen as novas necesidades” dicía Patricia
Ricón. Remataba amosado o seu convencemento de que “imos gobernar, o único que
pode impedírnolo é non romper a inercia” engadindo que “hai ideas novas, gañas
de cambiar as cousas, e de movernos” polo que está convencida de que van
gobernar porque dende Alternativa Tudense queren “mirar cara adiante”.
A número 2 da
lista María Beatriz Fernández García indicaba quere que os que estean no
Concello traballen por, para e cos cidadáns de Tui. E denunciaba coma
“publicidade enganosa” as promesas feitas hai catro anos porque non están nin
comezadas. Avanzaba que o seu partido aposta pola gardería infantil, o centro de
día, o aparcamento, sacar adiante o PECH para o que crearán un consello asesor,
e tamén pola creación dun programa de seguimento de expedientes no Concello.
Miguel Capón Rey,
Candidato de Alternativa Tudense expuña que a xente que forma a candidatura “é
moi capaz, con formación e con futuro en política porque son honestos”. Engadía
que “temos unha candidatura non só para gañar as eleccións, aspiramos a ser a
lista máis votada”. Insistía Capón Rey en que a lista que encabeza é unha lista
para gobernar porque reúne a un equipo magnífico para pórse ao fronte dos
distintos departamentos do Concello.
Entre as
prioridades de Alternativa Tudense Miguel Capón sinalaba en primeiro lugar “o
día a día” para que o concello estea limpo, ordenado, cos sumidoiros e o servizo
de abastecemento de auga en bo funcionamento. Engadía que este próximo mandato
terá coma retos rematar o PECH que xa está adxudicado e para o que propoñen a
formación dun consello consultivo. O inventario de bens, a realización dun
aparcamento soterrado, un padroado de deporte e cultura, e o desenvolvemento do
PXOM coa creación dunha xerencia de urbanismo son outros dos retos que poñen por
diante.
Remataba Miguel
Capón prometendo traballo, xestión, honradez, accesibilidade dos cidadáns ao
concello, e igualdade de oportunidades para todos.
A lista está
encabezada por Miguel Capón Rey, a nº2 é María Beatriz Fernández García, o nº3
Telmo González Ramos, a cuarta Patricia Ricón Alonso, o quinto José Pena Besada,
a sexta Mª José González Pérez, o sétimo Manuel Angel Areal Freitas, o oitavo
Isacc Alén Romero, o noveno Manuel Martín Heredero, e a décima Margarita
Patricio González. Mentres a candidata á Entidade Local Menor de Pazos de Reis é
María Dolores Martínez Fernández.