10/11/2011

     

    

Recollendo o argazo na Ribeira

Reportaxe: Agustín Ferreira Lorenzo

  

A Guarda, pobo costeiro onde as ondas do Atlántico baten unha e outra vez contra os penedos do litoral. Entre eles ou nas calas, vaise acumulando o “argazo”, morea de algas que serán aproveitadas no seu conxunto para aboar as leiras ou mesmo, seleccionándoas, para a venda, coma un recurso máis que ofrece a natureza. Carrapicho, cintas, carallotes, xerez…, son algunhas destas algas que as mareas, as ondas ou a maruxía trae a terra, depositándoas en zonas ben coñecidas polos paisanos.

 

Antigamento as algas trasladábanse en grandes cestos, en carros tirados por bois ou cabalos, ou nas grupas destes. Hoxe o procedemento é moito máis efectivo: en remolques dos coches ou tractores, que cargan máis e case que sen límite de peso, aínda que si de capacidade. Esta é a estampa actual da recollida de algas na ribeira guardesa.

 

O paisano, armado mesmo cunha escada para subir enriba do remolque e colocar axeitadamente o argazo, vai enchendo paseniñamente o mesmo. A leira quedará co alimento necesario para que a produción sexa mellor, sana e ecolóxica, evitando na medida do posible a utilización de abonos artificiais, os abonos químicos, que tamén supón un aforro de cartos.

 

Tamén pode amontoarse o argazo previamente e logo, nos capachos, trasladalo a un pequeno carriño, como acontece na rampla que podemos ver na fotografía.

 

E, as veces, tamén hai quen selecciona, entre tanta acumulación de material orgánico, certas algas, especialmente recollidas non con fins de aboar unha leira, senón para a súa venda, que logo utilizará a industria para fabricar, por exemplo, produtos necesarios para a alimentación, coma sucede co xerez ou o carrapicho.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Magosto Socialista na Alameda da Guarda

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2010

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com