|
|
Un día de excursión por Aveiro (Portugal)
Reportaxe
de Agustín Ferreira
Caminha –Aveiro………..170 quilómetros.
Valença-Aveiro…………..190 quilómetros
Tempo…………………….. Aproximamente 1,40 horas.
Estrada………………….... Autopista/Autovía
Puntos clave de observación e datos de interese:
-Faro
-Dunas de San Xacinto.
-Costa Nova.
-Praia de Mira
-Moliceiros -”góndolas” de Aveiro.
-Ovos moles

Un punto de comezo da ruta pode ser o faro
de Aveiro, o máis alto de Portugal, o segundo máis alto da Península Ibérica
e, ao parecer, o terceiro máis alto de Europa. Atópase na entrada da ría de
Aveiro

 |
A carón do Faro,
podemos percibir que practicamente Aveiro está construído sobre
marisma e duna. Aquí podemos ver como parte do paseo invade a zona
de praia, pero mesmo os edificios foron construídos en primeira liña
de praia, destruíndo parte do cordón dunar. Iso si, deixouse unha
pequena parcela dunar, como “testemuña” do que hai poucos anos, era
esta zona. Agora, a administración, nun “lavado de cara”,
aparentemente, porque as desfeitas seguen a se producir, coloca
carteis, pedindo aos visitantes que respecten as dunas, aínda que a
administración non o fagan. |

Quen visita por primeira vez Aveiro, pode
sorprenderse que practicamente todo el é chá, a penas hai desniveis, e isto
é debido ao que dicíamos anteriormente, a que esta vila foi construíndose
sobre terreo de depósitos aluviais. Aquí vemos a grande praza que hai a
carón do faro, a poucos metros da ría, separada desta por un muro de
contención

Dirixíndonos en dirección sur, bordeando a
praia, atopámonos cun longo cordón dunar, percorrido na súa maior parte por
unha pasarela de madeira que transcorre por riba da mesma, algo inconcebible
porque se rompe o normal desenvolvemento dunar, máxime tendo en conta que as
dunas son parte da alma mater do denominado Parque Natural das Dunas
de San Jacinto. Estamos na duna primaria. A pesar da súa espectacularidade,
a biodiversidade presente nas mesmas é moi escasa, pois se descartamos o
barrón, planta colonizadora, apenas contabilizamos tres ou catro especies
que aparecen a sotavento, isto é, detrás da duna. Entre estas especies non
falta unha das exóticas máis invasivas: a uña de gato (Carpobrotrus
edulis), que debería de ser erradicada, tendo en conta que é P. Natural,
aínda que esta denominación en base ao visto, sexa máis como reclamo
turístico que como medida de conservación.

Estamos na praia de Mira, onde máis ao sur
se construiu a famosa piscifactoría de Pescanova. Cando menos resulta
chocante atoparnos con este cartel: “ajude a manter a praia limpa e a
conservar o sistema dunar. E resulta chocante, porque dito cartel
sitúase nunha zona onde, por unha banda, o muro existente, que se aprecia
lixeiramente á esquerda da fotografía, non deixa posibilidade de formación
dunar, e, por outra, incongruente totalmente co que di o cartel, aopertirse
instalacións de praia que precisan da destrución dunar.


Os moliceiros, embarcación
típicas aveirenses, moi semellantes ás góndolas venecianas, son embarcacións
dedicadas á pesca e, dende hai anos, tamén a paseos turísticos, pero
antigamente dedicábanse á recollida de moliço, plantas acuáticas que
crecen en augas salobres. A praia de Mira é utilizada como varadoiro destas
embarcacións e para estender as redes. O moliceiro ten unha grande
popularidade na zona, aparece masivamente reflectida en cadros, fotografías,
valados naturais aos que se lles dá esa forma, adornos cerámicos, mosaicos e
un longo etc.





Sería imperdoable non achegarse ata o
barrio de pescadores da Costa Nova, porque algo que caracteriza a esta
parte de Aveiro son as rechamantes casas multicolores, pintadas a franxas
verticais ou horizontais que reclamarán poderosamente a atención do
visitante. Moitos edificios modernos continúan con esta tendencia, ou polo
menos, manteñen esa cor alegre que podemos ver en Aveiro, como sucede co
edificio do mercado.
Antigamente estas casas multicolores eran de
madeira, hoxe apenas se manteñen en pé algunhas delas, que van caendo en
anacos por falla de mantemento e polo paso dos anos. As novas construcións,
de ladrillo e cemento, seguen a manter o colorido, as franxas e as
semellanzas coas súas predecesoras.



E se non podemos deixar de visitar a Costa
Nova, menos aínda a chamada Venecia portuguesa, ou sexa, o
centro da cidade de Aveiro, onde os moliceiros multicolores navegan
repletos de turistas ou están a espera da chegada destes, para facer unha
ruta pola canle pasando por debaixo das numerosas pontes que o cruzan.

Como remate da nosa excursión, podemos
adquirir o doce típico de Aveiro: os ovos moles, que se venden
individual ou en caixiñas de varias unidades. Pode ser un bo agasallo para
as nosas amizades cando cheguemos de regreso á casa. A súa composición, como
reza na caixiña, é: hostia, auga, azucre e xema de ovos. Bo proveito.
Aril, 2011
|
|
Procesión
do Santo enterro
na Guarda
Índice reportaxes 2010
Reportaxes dos lectores
Se
desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen
compromiso enviando un correo a:
galiciasuroeste(arroba)gmail
(punto)com |
|