|
|
Mostra da Camelia do Baixo Miño
(A Gándara, 12 e 13 de marzo)
Celebrada na Finca das Mercedes a V
Mostra da Camelia do Baixo Miño
Coa presenza dos alcaldes da Guarda, O
Rosal e Tomiño, e concelleiros das corporacións mencionadas, así como
directivos, usuarios e técnicos do San Xerome, e público en xeral, o sábado,
día 12 de marzo, inaugurouse na finca das Mercedes, onde se forman os
xardineiros do Centro Especial de Emprego, dependente do Centro San Xerome,
a V Mostra da Camelia do Baixo Miño.
Unha exposición de camelias con
distintas variedades, procedentes da Quinta Vilar de Matos, en Portugal,
cuxo propietario é un coleccionista e estudoso desta flor, ademais de
produtor de novas variedades, algunha cun especial cheiro, coma a Simone
Sodrey.
Na entrada da finca recibía aos
visitantes unha colección de bonsais do tomiñés Javier González.
Na finca das Mercés os 19
traballadores do San Xerome cultivan ao redor de 40 variedades de camelios,
ademais doutras moitas plantas ornamentais. No proxecto, dirixido por dúas
monitoras e tres persoas de apoio, tamén colaboran oito voluntarios.
Os traballadores que se forman neste
proxecto incorpóranse, uns, ao Centro Especial de
Emprego, dependente do San Xerome, e outros á empresa privada, tendo
traballado algúns deles en viveiros do Baixo Miño.
Maite Santos, traballadora do viveiro
e usuaria do San Xerome, foi a responsable de dar a benvida aos presentes e
recordar os inicios do Centro San Xerome. “Houbo unha vez un grupo de
persoas da nosa comarca, a finais dos anos 70, empeñadas en loitar polos
dereitos das persoas marxinadas”, e para logralo creáronse a Asociación e o
Centro San Xerome, aumentando as persoas, os colaboradores e os profesionais
que lograron que “pasásemos da época da caridade, de pedir esmola á de
esixir os nosos dereitos”.
E así, aos poucos, dixo Maite Santos,
“fomos conseguindo pequenas metas coa integración escolar, social e
laboral”.
En 1983 construíuse o primeiro
invernadoiro no que cultivaban, entre outras plantas, hortalizas, que
vendían na Praza de Abastos no establecemento de Hortensia; e flores, cuxa
venda realizaban na floristería de Foto París.
En 1990 lograron o primeiro traballo
de xardinería fóra do centro: foi na urbanización Los
Castaños, e en 1993 xa traballaban nos xardíns do Rosal, ata que deciden
crear a empresa de xardinería.
No ano 2000 inician un novo proxecto
na finca cedida polo bispado, na Gándara, cultivando, entón, planta de
tempada e camelios. O pasado ano conseguiron o mantemento dos xardíns da
Guarda, contratanto a empresa a novos traballadores.
Desde fai cinco anos organizan
este encontro de dous días na Finca das Mercedes que coñeceu un importante
número de visitantes nos dous días que durou a Mostra.
Outra forma de ver a reportaxe: premer
na imaxe

|
|
Feira de San
Gregorio en
Pías
(O Rosal)
Índice reportaxes 2010
Reportaxes dos lectores
Se
desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen
compromiso enviando un correo a:
galiciasuroeste(arroba)gmail
(punto)com |
|