|
|
"A noite máis curta"
O público
premiou cos seus aplausos as curtas proxectadas en “A noite máis curta”
Nani Matos foi
o promotor de “A noite máis curta” unha proposta que permitiu levar ao
Centro Cultural da Guarda, cunha asistencia de más da metade do aforo da
sala, unhas cen persoas, catro iniciativas cinematográficas feitas na
comarca, agás unha que chega de Vigo: “Os señores do vento”, de Xuxo
González (A Guarda); “Historias de blog”, de Pancho Salmerón (Goián); “O
máis rico (do cemiterio), de Jorge Fernández (Vigo), e “Dies dei”, de Nani
Matos (A Guarda).
O
director de “Dies dei”, que foi ademais o presentador do acto, desculpou a
ausencia de Xurxo González, director de “Os señores do vento”, quen non
puido estar presente na sala como pretendía, por cuestións de axenda.
Explicou Matos que “Os señores do vento” realizouse dunha forma modesta, “e,
como di o seu director, case sen querer, aínda así tivo moita aceptación,
foron moitos os que a visionaron. Trata de algo tan próximo, que temos a
carón da casa que quizais, por elo, pasa desapercibida”.
A
curta, seguiu dicindo Nani Matos, amosa unha realidade guardesa que,
vaticinou o director-presentador, “cando pase o tempo valorarase moito
máis”. A historia que conta “Os señores do vento” artéllase entorno a José
María e Chacurro cos seus pecualires muíños feitos con botellas plásticas.
Na
curta de Pancho Salmerón, “Historias de blog”, por certo con música do
propio director que interpreta tamén ao remate do film unha fermosa canción,
participa o guardés Nani Matos. Nesta cinta salientan, á marxe do propio
tema, as paisaxes do último tramo do Miño galego-portugués.
Pancho Salmerón explicou o título da curta atendendo ao significado de blog
“un caderno dixital no que se van escribindo historias”. As sete historias
iniciais quedaron, clarexou Salmerón, en cinco “que eu quería facer en
vídeo, sen saber como artelladas. A miña nai, que ten moita máis imaxinación
que eu, díxome: pois colócaas nun tendal unha detrás doutra e xa está.
Joder!, pois iso é o que facemos todos os días no blog realmente”. Con esta
idea, o director creou unha liña do tempo nas que colgou as historias e, ao
cruzalas na montaxe, as cinco historias, que non teñen nada que ver unhas
con outras –dúas delas mesmo son cancións- postas nun mesmo tempo, que foi
unha tarde de abril no Baixo Miño, deron lugar a unha nova historia “ou ao
menos con iso se xoga e é o que quero que o público perciba”.
Jorge Fernández, como apuntou Nani Matos, é moi novo “e aínda ten moitas
cousas que facer”, autor de “O máis rico (do cemiterio)” foi, ademais,
responsable da montaxe de ”Dies dei”.
“O
máis rico (do ceminterio)” gravouse en Pontevedra, explicou o director, e
trata “dun tema tan galego como é a morte, pertencendo ao xénero da intriga”
Trala proxección de “Dies dei”, unha curta que fala do drama do Alzheimer e
o dereito a unha morte digna, o director, Nani Matos deu conta da relación
de cidades e países onde foi proxectada (distintas vilas e cidades galegas e
do Estado español como Barcelona, Toledo, Bilbao, Tenerife, Granada,
Santander, Madrid, e fóra de España, en Cuba, Estados Unidos, Argentina,
Italia) e destacou especialmente a presenza de “Dies dei” no Festival
Internacional de Cortometrajes de Cine Pobre Humberto Solar, de Cuba, dado
que “neste país viven o cine dunha maneira especial, e aínda que se chama
Cine Pobre, non é pobre en falta de ideas, senón de medios técnicos e
económicos, pero facendo cousas moi boas”. Deseguido mencionou as
distincións que mereceu, que foron varias, pero o director, que excusou a
ausencia de Xan Cejudo, principal protagonista, por atoparse doente, sinalou
que o premio que “máis me enche” foi o recibido pola mellor interpretación
masculina concedido no Festival Internacional de Cine Social de Castilla La
Mancha a Xan, “algo que me enche de satisfacción
tratándose dunha curta en galego”.
“Para min”, explicou Nani Matos, “é unha historia de amor que se rompe pola
enfermidade”, pero é tamén unha reivindicación da xente maior “da que, as
veces, só nos acordamos cando a necesitamos”.
Tralo pase das curtas subiron ao escenario o alcalde da Guarda, José Manuel
Domínguez Freitas, e o concelleiro de Cultura, Antonio Lomba, quen
entregaron en nome do concello, un recordo aos directores, recolléndo o de
Xurxo González, Beli Martínez que participou na gravación de “Dies dei”.
Outra forma de ver a reportaxe: premer na
imaxe

|
|
Día
Mundial
do Teatro
Índice reportaxes 2010
Reportaxes dos lectores
Se
desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen
compromiso enviando un correo a:
galiciasuroeste(arroba)gmail
(punto)com |
|