13/07/2011

     

    

Presentación do CIT Baixo Miño

Reportaxe: Beti Rey

 

Corenta empresas integran o CIT Baixo Miño

Corenta empresas do sector turístico da comarca forman parte do Centro de Iniciativas Turísticas do Baixo Miño que o luns á tarde foi presentado oficialmente, promovido pola Cámara de Comercio de Tui.

O acto contou coa presenza do Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, dos alcaldes de Tui, A Guarda, O Rosal e a alcaldesa de Tomiño, así coma do deputado provincial Pablo Baquero.

O CIT inicia a súa andaina baixo a presidencia de David Villar, director do Parador, ten coma tesoreiro a Alberto González do Hotel Colón,e coma secretario a Javier Pérez, secretario tamén da Cámara de Comercio. Os vogais son Miguel González do Talaso Atlántico, Juana Fernández de Casa Juan, Ángeles Fernández do Centro de Interpretación do Aloia, Ignacio Vázquez de Quinta do Ramo e Carlos Fernández do Hotel Molino.

O presidente da Cámara, Gumersindo Alonso, explicou na presentación que o organismo que preside levaba tempo traballando na posta en marcha desta iniciativa ante o importante potencial turístico que ten a comarca, as boas comunicacións e a súa vocación internacional. Repasou no seu discurso os principais enclaves do Baixo Miño dende o Mosteiro de Oia á Catedral de Tui pasando polos muíños do Folón e do Picón o Rosal, a fortaleza de San Lourenzo en Tomiño, o monte Santa Trega na Guarda. Avanzou amais que dende a Cámara están traballando para mellorar a mobilidade fluvial no río Miño con pantaláns de pasaxe en Camposancos, Eiras, Goián e Tui, co que se persegue tamén o impulso do turismo.

Engadía que o CIT é un proxecto ilusionante co que agardan contribuír á dinamización da zona, xerando emprego e promocinando a comarca máis aló das nosas fronteiras.

David Villar, director do Parador, e presidente do CIT,  explicaba que entre os servizos que ofertará o CIT para promocionar o turismo da zona atópanse mellorar os niveis de formación dos responsables de xestionar os establecementos e servizos turísticos; a elaboración de material promocional, oferta de programas de tempada baixa, paquetes turísticos para axencias; a posta en marcha e promoción conxunta en feiras e publicacións especializadas, etc.

A calidade da oferta turística dos municipios da demarcación da Cámara de Tui está 1,24 veces por encima da media galega. Este índice calcúlase en función do número de habitacións así como da ocupación anual (apertura durante parte ou todo o ano) e da categoría dos establecementos turísticos da zona. En concreto, Oia e A Guarda son os municipios da demarcación que contan cunha calidade da oferta turística moi superior ás medias da provincia de Pontevedra e de Galicia.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, felicitou á Cámara de Comercio por esta iniciativa, sinalando que o Baixo Miño ten que estar unido e traballar de xeito conxunto ante a importancia que o turismo ten na comarca. Daba lectura amais o rexedor tudense a un boletín do Centro de Iniciativas Turísticas creado en Tui en 1959.

Pechaba a quenda de intervencións o Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, amosando a súa satisfacción por esta colaboración empresarial que segundo sinalaba “impulsará o desenvolvemento turístico dunha das comarcas máis emblemáticas e fermosas de Galicia”.

Na súa intervención, Roberto Varela gabou o “contexto natural” desta zona turística de Galicia como “un fiel reflexo da abundante e atractiva oferta da nosa terra”. Segundo o responsable de Cultura e Turismo, o Baixo Miño “pode e debe afondar no desenvolvemento dun turismo sustentable e de calidade” e situou o obxectivo da Xunta de Galicia en “maximizar e poñer en valor as evidentes fortalezas do destino”. O titular de Cultura celebrou a “unidade de esforzos” que deu lugar a esta “iniciativa de asociación empresarial” e afirmou que o Centro de Iniciativas Turísticas do Baixo Miño supón “unha estratexia complementaria á que están a levar a cabo desde a Consellería de Cultura e Turismo” coa creación da Marca Galicia e o proxecto da nova Lei do Turismo.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Última reportaxe

  

Mosteiro

de Santa

María de Oia

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2010

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com