22/06/2011

     

    

Cores Tourís en visita oficial a Tui

Reportaxe: Beti Rey

 

O Delegado da Xunta en Pontevedra realiza a primeira visita oficial a Tui tras a toma de posesión da nova corporación

Onte á mañá tivo lugar a primeira visita institucional dun alto cargo ao concello de Tui tras a toma de posesión da nova corporación municipal. Tratouse do delegado da Xunta en Pontevedra, Jose Manuel Cores Tourís, quen se entrevistou co alcalde e membros do equipo de goberno. A visita do delegado enmárcase na rolda de visitas aos 13 novos alcaldes que pertencen a súa área territorial.

No encontro que mantiveron na Alcaldía o rexedor municipal Moisés Rodríguez acompañado dos edís Olga Montes, Vanesa Rodríguez, Manuel González, Jose Angel Villaverde, Nicolas Lorenzo e Ángel Gutiérrez, expúxolle ao delegado unha serie de proxectos necesarios para o municipio.

Na rolda de prensa posterior ao encontro Moisés Rodríguez destacou a colaboración extraordinaria que existe entre o delegado da Xunta e o Concello de Tui xa dende a anterior corporación. Explicaba que no encontro que mantiveron analizaron a situación do municipio en obras e infraestruturas e lle presentou ao delegado unha serie de proxectos para que lles dea curso nos departamentos correspondente da Xunta.

Así o alcalde citou por unha parte o proxecto para a creación dunha Aula de Interpretación do Conxunto Histórico na cárcere vella, presentado xa na Consellería de Cultura, que destacaba é unha  das prioridades para dinamizar esta zona da cidade.  Tamén demandou arranxos en infraestruturas coma na estrada Tui-Salvaterra a altura de Guillarei para realizar un acceso á zona da Veiga do Louro ben baixando a rasante ou facendo unha rotonda, ou o asfaltado dun tramo que falta na estrada Tui-Baiona.

En Medio Ambiente dúas son as prioridades segundo Moisés Rodríguez, por unha parte a mellora da Estación de Tratamento de Auga Potable, ETAP, para garantir o subministro a zona onde arestora, sobre todo no verán, hai cortes de auga, e por outra parte para garantir que chega con calidade a todo o municipio e os outros concellos da comarca que Tui abastece. Nese senso explicou que o concello instalou xa un sistema que controla de xeito automático o cloro e dosifica a dose necesaria, pero incidía en que hai que seguir mellorando. Tamén en abastecemento solicitaron axuda para a construción dun depósito no lugar do Monte en Caldeas onde non chega o abastecemento.

Outro dos proxectos presentados polo equipo de goberno tudense ao delegado provincial foi a adquisición dun camión contra incendios específico para o conxunto histórico para que poida circular polas estreitas rúas, e así prestar unha atención rápida no caso de que se produza un incendio.

Sobre a mesa Moisés Rodríguez puxo tamén o proxecto do novo Centro de Saúde, a construción da Escola Infantil e do Centro de Día.

Pola súa parte Jose Manuel Cores Tourís salientou entre os proxectos presentados polo goberno tudense o do camión contra incendios para o conxunto histórico que considerou “fundamental”. Por iso esta mesma mañá se puñan xa en contacto do Director Xeral de Emerxencias quen lles expuxo que nestes momentos con fondos da administración autonómica non se pode adquirir pero estudarán a posibilidade de facelo ao abeiro de fondos europeos, ou consignándoo de cara o próximo ano para que sexa unha realidade.

Expuña tamén Cores Tourís sobre o Centro de Sáude que se pretende que se adxudiquen canto antes os 5 que se van licitan de xeito conxunto.

Por último o delegado territorial sinalaba que a relación con Concello de Tui é moi fluída, e tentarán que nos dous anos que quedan de goberno na Xunta se poidan sacar adiante a maioría dos proxectos que o PP levaba no seu programa electoral.

Aproveitaba tamén Cores Tourís para anunciar que ao través do Plan de Cooperación da Xunta de Galicia se van contratar a 39 persoas para o concello de Tui, 12 para o GRUMIR, cun investimento total de 400 mil euros.

 

 

 

 

 

Foto concello de Tui

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Última reportaxe

 

Cena-Baile no

Recreo Artístico Guardés

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2010

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com