24/12/2011

     

    

Obradoiro de emprego "Ambiental de Tui"

Reportaxe: Beti Rey

     

Tui clausura o obradoiro de emprego solicitando un novo ou unha escola obradoiro

Tras un ano de formación e traballo onte foi clausurado oficialmente o Obradoiro de Emprego “Ambiental de Tui”. O acto celebrouse no salón de sesións da Casa do Concello presidido polo alcalde, Moisés Rodríguez, xunto ao delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, a xefa territorial da Consellería de Traballo, Carmen Bianchi, o concelleiro de formación e Emprego de Tui, Jose Angel Villaverde, xunto a outros membros da corporación municipal,  e co equipo directivo e alumando do obradoiro.

José Angel Villaverde deu conta da boa experiencia que supuxo este obradoiro e avanzou que dende o concello traballan xa nun novo proxecto de obradoiro ou escola taller. A directora do Obradoiro, Rosa Molinos, fixo un repaso as obras acometidas destacando a intervención realizada na senda PRG-19, así coma en recuperación do patrimonio etnográfico e no acondicionamento de áreas de esparexamento ou dunha aula e unha biblioteca no centro de formación. Previamente os presentes puideron ollar unha proxección cos principais traballos acometidos. Rosa Molinos destacou que “o obradoiro foi un éxito completo grazas ao alumnado que respondeu positivamente, oa equipo do obradoiro que son grandes profesionais e persoas, e ao persoal do concello e ao equipo de goberno”. Remataba afirmando que marchan “coa satisfacción do traballo ben feito”.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, pola súa parte amosou o seu convencemento na importancia da formación nestes tempos, para o acceso ao mercado laboral, desexando aos 32 alumnos do obradoiro que atopen traballo. Solicitou amais aos representantes da Xunta que conten con Tui para a concesión dun novo obradoiro ou escola obradoiro. Remataba afirmando que “é fundamental seguir traballando polo emprego”.

O delegado territorial da Xunta de Galicia, Jose Manuel Cores Tourís, salientou o investimento de 700 mil euros realizado pola Xunta neste obradoiro, que se sumaron aos case 100 mil aportados polo concello de Tui. Dicía que este investimento “mereceu a pena porque o traballo quedará aí”. Avanzaba que en breve sairá a convocatoria para solicitar novos obradoiros ou escolas obradoiros aos que se destinarán 20 millóns de euros. Amosábase convencido de que si Tui volve presentar un bo proxecto terá un destes proxectos formativos xa que reúne todas as condicións.

De seguido tivo lugar a entrega de diplomas  aos 32 alumnos. En representación de todos eles tomaba a palabra Mari Sol Fernández Costas. Explica que no obradoiro fixeron unha gran amizade e que ían moi contentos a traballar. Salientando a importancia de ter contado cun traballo durante un ano. Tamén a nivel persoal destacaba o feito de ter obtido o título da ESO, xunto con outros compañeiros, co que fixo que se sentise realizada logo de tanto anos sen estudar.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Sorteo

na Praza de Abastos de Tui

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2010

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com