|
|
Andaina: "O Rosal. Coñece o teu concello"
Reportaxe
Juan R. Martínez Barbosa
A andaina de
abril volveu reunir un cento de persoas dentro do programa “O Rosal. Coñece
o teu concello”
O pasado sábado, 2 de
abril, celebrouse unha nova andaina deportiva-cultural organizada polo
Concello do Rosal.
Nesta ocasión visitouse a
igrexa parroquial de Santa Mariña e tres capelas, a de Santa Ana, a de San
Vicente e a de San Xosé, ademais de distintos elementos do noso patrimonio
cultural, entre eles os sepulcros antropomorfos visigóticos de Marzán ou a
restaurada Serra do Pijorro.
Entre as preto de cen
persoas que asistiron a esta ruta, atopábanse a concelleira de Turismo,
Ángeles Vicente Manzano e a edil de Servizos Sociais e Muller, Mª Carmen
Alonso.
Antes de entrar na
igrexa, o investigador e guía municipal, Juan Ramón Martínez Barbosa,
ofreceu un breve resumo da historia do templo afirmando que “a primeira
mención escrita á parroquial de Santa Mariña data do 26 de xuño de 1137,
pola doazón que o rei Afonso VII fixo desta ao mosteiro de Santa María de
Oia”. Igualmente, sinalou Juan Ramón, que o “estilo da primitiva igrexa,
pola época e os restos arquitectónicos, foi románica, perdendo este valor
alá polo século XVI debido a obras de mellora e ampliación”.
Seguindo nesta ruta os
diferentes estudos do escritor e historiador local Xoán Martínez Tamuxe, o
primeiro abade-párroco do que se ten noticia é o Rvdo. D. Juan Moogo, no
século XIII. Sabemos ademais que o estilo da fachada actual é manuelino
(portugués) e que data do ano 1847, cando se ampliou e reedificou, segundo a
inscrición da cartela que se atopa sobre a porta principal.
Lembrou o guía municipal
que a titular e patroa é Santa Mariña, Virxe e Mártir, e que a súa festa se
celebra cada 18 de xullo, sinalando como curiosidade que as catro esferas do
reloxo da torre datan de 1918.
Unha vez no interior da
igrexa o abade párroco, Julio Ramos Rodríguez, realizou unhas breves
explicacións do que alí se podía ollar, facendo especial fincapé no
“impresionante altar maior, do século XVIII, que é un dos máis interesantes
e fermosos da diocese de Tui-Vigo, tanto polas súas dimensións e o seu
estilo barroco, como polo seu simbolismo, finísimo acabado e óptima
conservación”. Así mesmo afirmou D. Julio que os frescos que se atopan baixo
o coro son obra do artista guardés Manuel Ángel, realizados no último cuarto
do século XIX, recollendo escenas da vida e martirio de Santa Mariña.
Rematado este agradable e
informativo “sermón” do párroco da capital rosaleira, o grupo de camiñantes
puxo rumbo dende a Praza do Calvario ata ao barrio de Videira, en Novás,
para visitar alí a capela privada de San Xosé.
Seguindo o libro
Ermita de San José. Apuntes Históricos, O Rosal, 1995, da autoría do
mencionado escritor rosaleiro X.M. Tamuxe, o guía municipal deu a coñecer
varios fragmentos da obra nos que se podía ler: “el licenciado D. José de
Ucha Ribero (Rivero), instituyó y fundó la capellanía, así como la capilla (ermita)
por escritura otorgada ante el Escribano, D. Juan de Andrade, vecino de O
rosal, el 29 de junio de 1694”. Tal e como se observa hoxe en día, esta data
figura gravada no mesmo frontal da ermida.
Os participantes da
andaina puideron entrar na capela e observar o seu altar, con sinxelo
retablo policromado, de sabor barroco, con dúas preciosas columnas
salomónicas. Nel preside unha barroca imaxe do titular da ermida, o
Patriarca San Xosé, patrón da Igrexa Universal e Protector da
Familia.
De aquí, dirixiuse o
grupo ata as inmediacións da capela de San Vicente, en Marzán, para admirar
en primeiro lugar os dous sepulcros visigóticos antropomorfos, datados nos
séculos V-VI. Algúns dos camiñantes aproveitaron para facerse unhas
simpáticas fotografías simulando “o descanso eterno”.
Segundo o estudo de
Tamuxe e Juan Ramón, esta zona de Marzán é unha das máis ricas en material
arqueolóxico, xa prehistórico, xa histórico e calculan que esta ermida de
San Vicente veu a santificar algún primitivo “santuario pagán” e que xa nos
séculos VI e VII, houbo alí un centro ou templo cristián. Ademais afirman
que a capela xa se atopa mencionada no século XIV.
Xa de volta, cara ao
punto de partida, as dúas últimas paradas: a Serra do Pijorro e a capela de
San Sebastián e Santa Ana.
Agardaba no Pijorro o
mestre carpinteiro Rafael Dorado Rodríguez, quen deu as pertinentes
explicacións do seu funcionamento e onde se lembrou que este restaurado
serradoiro e muíño se acciona pola auga do regato Padrón, sito no lugar de
Cardal, xuradía de Marzán. Segundo o guía destas andainas mensuais “a Serra
do Pijorro, ao igual que o muíño das Aceñas, data de finais do século XIX”.
Rematou esta ruta coa
visita á capela de San Sebastián e Santa Ana, onde todos os camiñantes foron
obsequiados co seu tríptico histórico, onde se podía ler que “as primeiras
referencias á capela do Santo as atopamos no Libro I de Haciendas y
Rentas de la Abadía del Rosal, en 1530”. É curioso que en principio a
capela tivo como único titular ao glorioso mártir San Sebastián e só no
Arreglo de Parroquias de 1854 atopáse relación documental onde xa a
comparte con Santa Ana.
Os participantes da
andaina tamén puideron comprobar de primeira man as últimas melloras
realizadas na capela no ano 2008 (piso de pedra, drenaxe exterior, tellado,
teito de madeira, bancos novos, restauración do retablo, etc).
A seguinte cita, se as
condicións meteorolóxicas o permiten, será o sábado 7 de maio, coa visita
–entre outras- á recentemente inaugurada Aula da Natureza, no muíño das
Aceñas, así como un percorrido pola historia, tradición e lendas da ponte
vella do Tamuxe (século XIX e construída sobre unha anterior, quizais
romana). A organización comunicará nos próximos días o programa e itinerario
completos desta ruta. Quen desexe participar nesta andaina (gratuíta),
independentemente de onde sexa ou resida, pode anotarse dende hoxe mesmo,
deixando nome e teléfono de contacto, no Departamento de Cultura e Turismo
do Concello do Rosal (986 62 50 00)

|
|
Reinaugurada a Galería "a+b" na Guarda
Índice reportaxes 2010
Reportaxes dos lectores
Se
desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen
compromiso enviando un correo a:
galiciasuroeste(arroba)gmail
(punto)com |
|