18/07/2011

     

    

Inauguración da Feira do Viño do Rosal

    

 

            O venres, día 15, inaugurouse no Rosal a XIX Feira do Viño nun acto que contou coa presenza do conselleiro de presidencia, Alfonso Rueda, o presidente da Deputación, Rafael Louzán, o Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, alcaldes dos cinco concellos da comarca do Baixo Miño, e outras personalidades da vida política. Tamén estiveron presentes o presidente da Cámara de Comercio de Tui e a delegación de importadores brasileiros que percorren estes días as adegas produtoras de viño da Denominación de Orixe Rías Baixas.

            Jesús María Fernández Portela, alcalde do Rosal, deu a benvida aos presentes, agradecendo a súa asistencia a este acto e destacou a consolidación da Feira do Viño que é fai posible grazas ás axudas institucionais, pero, sobre todo, dixo, os viticultores, sen esquecer aos expositores, restauradores e outros colaboradores que lle dan contido á mesma, e xunto con eles ao persoal municipal encargado da montaxe da Feira e da súa organización.

            Alfonso Ruano, pregoeiro desta edición, lembrou as orixes da Feira e a súa relación coa mesma e coa comarca do Baixo Miño, e mesmo, na súa condición de Técnico de Extensión Agraria, ata o ano 2000, a súa contribución á viticultura.

            Noutro momento valorou os viños que se producen no Rosal. “Coido que este viño é excepcional”, dixo, para engadir que “tamén a situación da viticultura e da enoloxía son tamén excepcionais no marco da crise do consumo de viño que vive toda Europa. Esta terra ten persoas con carácter emprendedor espléndido e que conseguiron trnasformar a viticultura e os viños en produtos cunha personalidade e prestixio internacional” e apelou a ese espíritu emprendedor para afrontar o reto do futuro e manter o altísimo nivel dos viños do Baixo Miño capaces de conquistar o mercado exterior.

            Gumersindo Alonso, presidente da Cámara de Comercio, referiuse á maioría de idade que acadaba a Feira do Viño do Rosal, cos seus dezanove anos de presencia continua, sabendo consolidarse “como a festa do viño de referencia do sur de Galicia”. Lembrou a aportación da Cámara de Comercio a este evento, organizando a misión comercial inversa coa presenza dos importadores de viño do Brasil, país, dixo, dos máis importantes importadores de viño do mundo, sendo España o sexto país do ranking dos países proveedores de viños de Brasil.

            Na súa intervención, Gumersindo Alonso asegurou que a Cámara de Comercio aposta “pola internacionalización, e que este tipo de iniciativas (as misións comerciais inversas) contribúen á promoción exterior dos nosos produtos”. Recordou outras iniciativas da Cámara de Comercio, como o Centro de Iniciativas Turísticas do Baixo Miño, recentemente creado.

            O presidente da Deputación, Rafael Louzán, que valorou a beleza da comarca, aludiu, na súa intervención, á futura remodelación da Praza do Calvario “que ben sabe o alcalde que é unha das loitas que teremos por diante nos próximos anos, para darlle a calidez e as melloras que precisa, e que desde as distintas administracións, a pesares de ser un momento moi difícil, adquirimos o compromiso de que se traballará na idea de mellorar toda esta praza”.

            Pechou as intervencións o conselleiro de Presidencia, Alfoso Rueda, quen valorou a continuidade da feira que xa leva dezanove anos ininterrompidos celebrándose e considerou meritorio o traballo desenvolvido por aqueles que a fan posible. Noutro momento calificou aos viños coma “un produto con moita proxección e que nestes momentos abre moitísimas oportunidades”. Reafirmou as palabras de quen lle precederon nesa aposta pola internacionalización dos viños que considerou “unha iniciativa magnífica” e concluiu con referencias á remodelación da Praza do Calvario e a súa disponibilidade a traballar para elo.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Última reportaxe

  

Regata de gameliñas na festividade "do Carme"

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2010

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com