|
|
Concentración en defensa do ensino público
Concentración na Guarda en defensa do ensino público e contra
as medidas da Consellaría de Educación
Arredor de catrocentas persoas concentráronse onte na Praza do
Reló da Guarda en defensa do ensino público portando pancartas con lendas
alusivas: “Por un ensino de calidade para todos. Cole de Goián ampliación
xa!!”, “Xunta. Ensino público perigo de extinción”, “Pola calidade do ensino
público”, “Ensino público de todos e para todos” e “Non máis recortes no
ensino público”. Bandeiras da CIG, CC.OO. e STEG, pequenos carteis, algún
asubío e trompetas, escolares cos seus pais, líderes sindicais da comarca e
profesores, antes de que Alfonso Álvarez Caccamo, profesor e escritor, lese
o manifesto, corearon consignas como “Contra os recortes en educación. En
defensa do ensino público”, “Ou solución ou mobilización”, “Conselleiro
trapalleiro, onde metes o diñeiro”, “Ensino público de calidade”, “Temos
razón, alto a esta agresión”, “Conselleiro dimisión”, “Os recortes na
pública, os cartos na privada” e “O público é servizo o privado beneficio”.
Detrás da pancarta principal “Contra
os recortes en Educación.
En defensa do Ensino Público”
e no centro da mesma, a profesora e escritora Marta Dacosta cedía o
altofalante a Alfonso Álvarez Cáccamo que deu lectura ao manifesto no que se
reclama “un cambio da política educativa e da actitude da Consellaría de
Educación” rexeitando “os recortes no ensino público e as políticas de
privatización dun servizo público esencial”.
No texto houbo referencias á imposición do incremento do
horario, á falla de recursos, impartición de materias das que os profesores
non son especialistas, impedir os desdobres e escasez de prazas para
determinados estudos, foron algunhas das eivas que recolle o Manifesto, ás
que hai que engadir a reducción de máis dun milleiro de profesores e
masificación de aulas.
Para os concentrados a Xunta busca “continuar o desmantelamento
dos servizos públicos, co obxecto de avanzar na súa privatización” e negan
que a Xunta, como di, trate de xestionar de xeito eficiente os recursos da
Consellaría, pero “se tiran libros de texto polo único delicto de estar en
galego”.
A reducción dos cadros de persoal nos centros e o deterioro na
calidade do ensino e na atención á diversidade e a destrucción de emprego,
foron calificados como “un ERE encuberto”, ademais de considerar que “a
Consellaría de Educación realiza unha campaña de desprestixio da función
docente, enviando unha mensaxe de descrédito do profesorado á sociedade”.
O Manifesto lido por Álvarez Caccamo repara tamén no transporte
escolar en beneficio das empresas de autobuses que poden levar aos escolares
demasiado cedo aos centros de ensino, obrigándolles a madrugar, para
realizar, co mesmo autobús, novas viaxes, pero mantendo os ingresos que
perciben da Consellaría, mentres se obriga ao profesorado a unhas funcións
de vixianza que non lle competen.
“Saiba o señor conselleiro que o conxunto da comunidade
educativa considérase agredida polos continuos atropelos contra o ensino
público e rexeita que pretenda manipular a opinión pública a través dos
medios de comunicación, usando a prensa, a radio ou a televisión para enviar
mensaxes falseadas da realidade, así como a páxina web da Consellaría con
fins partidistas”.
E lanzan unha mensaxe ao presidente Núñez Feijoo e ao
conselleiro de Educación que “deben saber que non imos parar de mobilizarnos
até conseguir parar esta agresión sen precedentes”.
Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

|
|
Balonmán Atl. Novás infantil alevín
Índice reportaxes 2010
Reportaxes dos lectores
Se
desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen
compromiso enviando un correo a:
galiciasuroeste(arroba)gmail
(punto)com |
|