13/10/2011

     

    

Exposición Filatélica: EXFIMIÑO 2011

    

Inauguración no Recreo Artístico Guardés da Exfimiño 2011

 

 

            O Recreo Artístico Guardés acolle, ata o 16 de outubro, a Exposición Filatélica, coleccionismo e Manualidades, Exfimiño 2011, organizada pola Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, que se poderá visitar de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas.

            Colaboran neste evento a Federación Galega de Filatelia, o Recreo Artístico Guardés e Moreira&Cía, ademais de Infomaxe, estando patrocinado pola Deputación de Pontevedra, Concello da Guarda e Novacaixagalicia.

            O acto inauguran, que comezou pasadas ás 18.30 horas, e que contou con preto de 70 persoas, entre elas representantes dos distintos partidos políticos con representación municipal, iniciouse coa intervención do secretario dos filatélicos guardeses, José A. Gándara, quen lembrou, primeiramente, ao finado Juan Álvarez Sobrino “que fai un ano, aproximadamente, estaba aquí recollendo a máxima distinción da Federación Galega”. Lembrou, deseguido, que desde 2005 a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa vén honrando a memoria dos que foron membros da primeira xunta directiva da Sociedade Pro Monte, cuxos actos culminarán en 2012 co gallo do centenario da fundación da mencionada Sociedade, pero que, adiantou Gándara, non poderán levar a cabo ese grande acto e esa grande exposición prevista debido a crise económica que non facilita o conseguir fondos para tal magna conmemoración, “aínda que algo importante faremos”.

            Promocionar o filatelia, animar aos novos filatelistas e invitar a coleccionistas a estar no Exfimiño foron obxectivos propostos pola SFNG, que se foron cumprindo, o que levou a que “Exfimiño, hoxendía sexa unha mostra de recoñecido prestixio”.

            O presidente da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, Luciano           Lomba Vicente, quixo agradecer as múltiples colaboracións e patrocinios que fixeron posible esta nova edición da Exfimiño. Agradeceu aos membros do xurado que fallou o concurso de debuxo “Un selo para A Guarda”, no que participaron os escolares dos diferentes centros da Guarda, polo que agradeceu, sobre todo, “aos rapaces e rapazas de ensinanza primaria das Carmelitas, PP. Somascos, A Sangriña e Solanas, pois eles son os verdadeiros protagonistas desta exposición que cos seus debuxos fixeron posible contar cun selo para esta mostra”.

            Pablo Baquero, deputado da Deputación de Pontevedra, manifestou que era unha hora colaborar cunha asociación que ten acadado numerosos premios no mundo filatélico, os máis recentes, lembrou, os logrados no Campionato de España celebrado en Valladolid.

            En nome de InfoMaxe, que editou o libro “Centenario La Voz del Tecla 1911-2011”, interviu Celso Rodríguez Fariñas que desculpou a ausencia do autor, Xoán Martínez Tamuxe, por ter xa adquirido o compromiso de estar no Rosal na Festa do Cabaqueiro que se celebraba ao mesmo tempo que os actos da Guarda.

            Rodríguez Fariñas agradeceu a colaboración desinteresada de Xoán Martínez Tamuxe para participar nesta publicación, así como a colaboración do concello da Guarda subvencionando a edición do libro, e a axuda prestada por outros colectivos ou empresas da localidade.

            Noutro momento dixo que o colectivo do que forma parte considerou importante divulgar o valor e o interese de La Voz do Tecla no seu centenario e salientou esa colaboración conxunta levada a cabo coa Sociedade Filatélica Guardesa para facer posible a edición dun selo conmemorativo do centenario de La Voz del Tecla.

            Joaquín Miguel Villa Álvarez, historiador e autor da semblanza biográfica de Antolín Silva Vicente, destacou a integración, nesta mostra, de tres elementos: a exposición de selos, subliñando o concurso escolar de debuxo convocado para elixir o selo da Guarda; en segundo lugar mencionou o mataselos dedicado a un dos fundadores da Pro Monte, lembrando aquí a figura de Juan Álvarez Sobrino que xa, en 2005, matinaba celebrar o centenario da Pro Monte e dedicar cada ano, ata o 2012, unha homenaxe aos directivos desta institución modélica na Guarda, de xeito, recordou, que xa se teñen homenaxeado a seis membros da institución e quedan tres vogais que serán recordados en próximas edicións de Exfimiño.

            En terceiro lugar falou de Antolín Silva Vicente, membro da Pro Monte a quen se recorda nesta edición de Exfimiño. Emigrante e empresario que retornou á Guarda desde a emigración por razóns de saúde. Casado con Antonia Raimunda Giestal González, tivo 13 fillos.Construíu unha casa indiana na rúa Brasilino Álvarez, que xa non existe. Estivo vinculado ao negocio das lagostas, mencionando aquí os traballos de investigación levados a cabo por José Antonio Uris Guisantes, ao respecto.

            Pechou a quenda de intervencións o alcalde da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas, que felicitou aos filatelistas polos recentes éxitos acadado no Campionato de España, celebrado en Valladolid. Salientou o rexedor local que “a filatelia, os debuxos e o centenario de La Voz del Tecla son tres cousas que poñen de manifesto a importantísima impronta cultural deste pobo”.

            Tralas distintas intervencións, foron entregados os premios aos tres escolares gañadores do concurso de debuxo ”un selo para a Guarda”, convocado pola Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa: Miguel González, do colexio Carmelitas, primeiro premio, entregado polo alcalde da Guarda, José M. Domínguez Freitas; Antía Encisa González, do colexio A Sangriña, segundo premio, que o recolleu das mans de Pablo Baquero, deputado provincial; e César Romero Fajar, tamén do colexio A Sangriña, que obtivo o terceiro premio que lle foi entregado polo presidente da SFNG, Luciano Lomba.

            Acto seguido José Manuel Domínguez Freitas e Pablo Baquero mataselaron sendos sobres con temas alusivos a Exfimiño e a Antolín Silva Vicente, cos selos personalizados e pasaron a percorrer a exposición filatélica que foi comentada polo secretario, José Ángel Gándara.

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Exposicións

co gallo da Festa

do Pilar no Rosal

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2010

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com