30/03/2011

     

    

Homenaxe a Florindo Castro

Reportaxe Juan Ramón Martínez Barbosa

 

A C.M.V.M.C de San Miguel de Tabagón homenaxea a Florindo Castro Alonso, nomeándoo presidente de Honra

 

            O domingo 27 de marzo tivo lugar na casa social da Comunidade de Montes Veciñal de San Miguel de Tabagón unha Asemblea Ordinaria na que se rendeu unha merecida homenaxe a Florindo Castro Alonso, presidente da Comunidade dende facía máis de trinta anos e recentemente finado.

            O seu vicepresidente e presidente actual, que o sucede no posto, Francisco González Martínez (Lito), foi o encargado no seu discurso, de ensalzar a figura de Florindo, manifestando o agradecemento de todos os comuneiros.

            Lembrou Lito que o homenaxeado fixo moitísimas e boas accións en pro da parroquia, do monte e do seu patrimonio. Entre elas protagonizou unha “loita numantina” na defensa da Alameda de Pías e constituíu a traída da Comunidade de Usuarios de Augas de Pías e San Miguel. Así mesmo, entre infinidade de obras, colaborou para que a parroquia contase con novo cemiterio no lugar da Pereiriña e participou na apertura de pistas forestais e ensanche de múltiples camiños.

            En palabras textuais de Francisco González Martínez (Lito): “Os familiares podedes estar orgullosos por toda a súa dedicación, esforzo e traballo levados a cabo durante todos estes anos, así como polos resultados obtidos. Noméaselle Presidente de Honra, por sentimento e porque o merece”.

            De seguido, o presidente actual acompañou aos familiares do homenaxeado no descubrimento dunha placa en bronce co busto de Florindo, sobre unha pedra de granito que representa o mapa do Monte Veciñal de San Miguel de Tabagón, co seguinte texto: “1926-2011. D. Florindo Castro Alonso. La C.M.V.M.C. de San Miguel de Tabagón le concede el título de Presidente de Honor en agradecimiento por su dedicación continuada al servicio de la Comunidad. 27 de marzo de 2011”.

            Finalizado este emotivo acto convidouse a todos os asistentes a compartir uns pinchos e uns viños do Rosal, tal e como se fixera na última Asemblea Xeral do pasado mes de novembro, cando aínda vivía Florindo e na que “todos gozamos da súa presenza e presidencia”.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Última reportaxe

 

Andainas

de Primavera

-Covelo-

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2010

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com