|
|
IV Gala do Deporte Guardés
Máis de 180 persoas acudiron á IV Gala do Deporte Guardés que recoñeceu os
éxitos deportivos do ano 2010
O
Centro Cultural da Guarda acolleu, na tarde noite do venres, a IV Gala do
Deporte, homenaxeando a aqueles deportistas e persoas que na súa traxectoria
deportiva se destacaron pola súa contribución ao deporte local.
O
acto iniciouse cun monólogo de Benito Guerreiro, humorista e ciclista que
percorreu, en bicicleta, a totalidade dos municipios galegos e que animou,
na súa intervención, a superar os obstáculos e á participación aínda que un
nunca consiga subirse ao podium.
Logo da proxección dun vídeo coas imaxes do ano 2010 e os deportistas que
foron protagonistas no deporte, subiron ao estrado Luís Alberto Franco Lomba
(Berto), Eladio Aldea Galiñanes (Layo) e José Antonio Trindad Cadilla (Trini)
a quen se lles recoñecía o labor desenvolvido durante moitos anos na
promoción do fútbol base, vinculados aos clubs infantís do Alameda, San
Caetano e A Guía, entregando os galardóns o alcalde, José Manuel Domínguez
Freitas, e o concelleiro do BNG, Xan Lois Lomba.
Na
categoría de recoñecemento a deportistas que individualmente ou en equipo
conseguiron postos destacados en competicións celebradas a nivel autonómico
ou estatal foron chamados o equipo xuvenil de mulleres do Club de Remo
Robaleira, campionas galegas en 2010 e subcampionas de España en banco fixo
categoría batel. Ademais conseguiron a medalla de prata no campionato galego
e a de bronce no campionato de España na especialidade de traineriña
Cristina Araújo Acevedo, Silvia Loureiro Lomba, Laura Lomba González e
Ángela Castro Álvarez. Entregaron os diplomas e trofeos os concelleiros
Miguel Español, Bernardo Cadilla, Carmen María Castro e Xan Lois Lomba.
O
equipo xuvenil masculino do club de Remo Robaleira, subiu a continuación.
Proclamouse, en 2010, subcampión galego e medalla de bronce no Campionato de
España de bateis e consiguiu o campionato de España de traineriñas, por vez
primeira para o Club de Remo Robaleira. Ademais Jorge Rodríguez Vicente e
Alejandro Fernández Lomba lograron o subcampionato de Europa na copa
Xuventude celebrada en Amsterdam. Subiron ao escenario os remeiros Iván
Verde González, Francisco da Costa Pérez, Antonio González Barbosa, Abel
Rodríguez Lomba, Yago Pazos González, Miguel Anxo Giráldez Trigo, Rodrigo
González Cores, Jorge Rodríguez Vicente e Alejandro Fernández Lomba.
Entregaron os galardóns as concelleiras Carmen María Castro, Montse
Magallanes e Teresa Vicente.
Na
categoría individual, os galardóns foron para Amparo Ferreira Alvarez, do
Club de Atletismo San Xerome Emiliani, medalla de ouro en 3.000 m na
categoría competición no Campionato Galego de Atletismo celebrado en
Vilagarcía en maio de 2010. Entregoulle o diploma e trofeo o concelleiro
promotor da Gala do Deporte, Javier Crespo González.
Estela Doiro Rodríguez, tamén subiu ao escenario. Ex xogadora do Atlético
Guardés, actualmente é xogadora internacional do Balonmán Porriño,
proclamada recentemente como mellor xogadora galega de balonmán do 2010.
Recibiu o seu recoñecemento de mans do alcalde José Manuel Domínguez
Freitas.
Omar Domínguez González, nadador do Club de Natación Codesal conseguiu
medallas de ouro e prata no campionato galego alevín de verán e logrou
clasificarse para a final A en 100 metros bolboreta no campionato de España.
Teresa Vicente entregoulle o diploma e trofeo.
En
iudo os galardóns foron para Tecla María Cadilla Acevedo, campiona galega
cadete, campiona Copa de España, medalla de ouro infantil no Campionato de
España e 2ª posto no ranking nacional na categoría de -52 kg; Eric Barceló
Rodríguez, renovou os éxitos pasados e logrou a medalla de ouro na Copa de
España e medalla de prata no Campionato Galego cadete; Ana González
Sabajanes, foi medalla de ouro no Campionato Galego infantil e bronce non
Trofeo Internacional de Valença; e Alejandro Pena Peniza, foi medalla de
prata no Campionato España e medalla de ouro no Campionato provincial. Os
recoñecementos foron entregados polos concelleiros Miguel Español, Carmen
María Castro, Bernardo Cadilla e Javier Crespo.
David Alvarez Pérez logrou, en 2010 a medalla de ouro no campionato galego
de Jiu - Jitsu na categoría de -69 kg, recollendo, no seu nome, o seu pai o
galardón entregado pola edil Teresa Vicente.
Antes de finalizar o acto houbo un recoñecemento especial para José Mª Silva
Vicente polo seu traballo, constancia e dedicación ao fútbol guardés nos
desaparecidos Coruto e San Lorenzo. Tamén foi xogador do Sporting Guardés e
adestrador de varios equipos da Guarda e da comarca como o Alameda, Guardés,
Ribeira, Figueiró e Salceda de Caselas. O diploma e trofeo, que ía
entregarlle o alcalde, José Manuel Domínguez Freitas, anunciouse que se lle
faría chegar ao seu domicilio, dado que por algunha razón non puido acudir
ao acto.
Tras a entrega dos recoñecementos, interveu o alcalde, José Manuel Domínguez
Freitas, quen tivo, en primeiro lugar, palabras de recordo para “un
deportista que nos seus anos mozos representou mellor que ninguén o espírito
do Sporting Guardés, defendendo con raza desde o seu posto de defensa
central as cores do seu equipo, do seu pobo. Falo de Antonio González Lomba,
Santa María, finado fai uns días”.
Cualificou a Trini, Layo e Berto, <como un referente e modelo de entrega ao
deporte a cambio de nada> recordando que <foron taxistas, subministradores
de bocadillos, adestradores, masaxistas, enfermeiros, mestres e ata
especialistas en psicoloxía cando tocaba apagar penas>.
Valorou o esforzo dos deportistas <que competides e vos esforzades por
satisfacción persoal, por mellorar marcas, por defender con paixón as cores
dun club. En definitiva, por intentar deixar o máis alto posible o nome do
voso pobo, o nome da Guarda>. Recordou, un ano máis, a esas outras persoas
que practican o sendeirismo e que camiñan a Senda Litoral, a Ruta dás
Cetarias e os carreiros recuperados do Monte Santa Trega.
Tamén lembrou as obras, que destinadas a mellorar as infraestruturas
deportivas, se promoveron desde o concello, con fondos propios ou doutras
administracións, como foron a nova cuberta da piscina municipal, os
vestiarios do campo de fútbol, a cuberta do Club de Remo Robaleira, os
biosaudables instalados en distintas áreas de recreo, ou a dotación de
mobiliario da pista de skate, entre outras obras realizadas. E finalizou as
súas palabras animando aos mozos deportistas <a seguir competindo, co máximo
respecto aos rivais. Así sempre se alcanzará o éxito, senón deportivo, en
canto a marcas e resultados, si de satisfacción cun mesmo>.
Puxo o punto e final a esta IV Gala do Deporte Guardés o Dúo Rock de Cámara
interpretando Let it be, de The beatles; We are the champions, de Queen, e
Viva a Vida, de Coldplay.
Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

|
|
Estragos na Senda Litoral por mor do temporal
Índice reportaxes 2010
Reportaxes
dos lectores
Se desexa incluír unha reportaxe
comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:
galiciasuroeste(arroba)gmail
(punto)com |
|