|
|
Homenaxe á marea branca
Presentada na
Guarda a escultura “Homenaxe á marea branca”

Onte tivo lugar, no Salón
de Plenos do Concello de A Guarda, a presentación da maqueta da escultura
“Homenaxe á marea branca” que o vindeiro ano, cando se cumpren dez da
traxedia do Prestige, se vai instalar na explanada das Loucenzas.
Durante a presentación da
maqueta, o autor, Xabier Garrido, contou como xurdiu esta proposta e lembrou
que hai uns meses, mirando ó mar, divisou un tronco de 18,30 metros á
deriva, logrando con gran esforzo achegalo á costa. Despois de matinar que
facer con el, forxou a idea de que tiña que servir para facer unha escultura
que homenaxease a tódalas persoas que se involucraron na limpeza das nosas
costas despois do desastre do Prestige.
A
idea foi tomando forma e, na mañá de onte Xavier Garrido presentaba a
maqueta no concello da Guarda. O tronco irá de pé e levará uns aneis de
aceiro inoxidable onde se inscribirán os nomes de todas aquelas persoas que
queiran colaborar no proxecto remitindo unha pedra. Ademais do tronco, o
monumento levará unha grande pedra negra, xa doada polo xerente de
Vascogallega, cunha placa onde constará o agradecemento ás persoas que
colaboraron naquel 2002. As pequenas pedras irán colocadas na base do
monumento, sobre formigón negro. Todo o conxunto irá iluminado con 9 focos,
o que permitirá a súa observación de noite.
O Alcalde de A Guarda
agradeceulle a Xabier Garrido que pensase neste pobo para a instalación da
súa escultura. Dixo que ambos determinaron a explanada das Loucenzas como
lugar ideal para ubicar a obra de Xavier, por tratarse dun lugar moi
emblemático para este pobo e mesmo parada inicial para os que nos visitan, ó
tempo que un formidable mirador sobre o noso mar, o mar que sufríu as
consecuencias do Prestige. Reafirmou a colaboración do Concello para axudar
a custear a instalación da obra e solicitou que particulares, empresas e
administracións se involucren no proxecto. Considerou, José Manuel Domínguez
Freitas, que esta é a nosa maneira de agradecer á aquela gran marea branca o
seu esforzo, o seu traballo, a súa solidariedade para con Galicia.


 |
|
Homenaxe
a Florindo
Castro
Índice reportaxes 2010
Reportaxes dos lectores
Se
desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen
compromiso enviando un correo a:
galiciasuroeste(arroba)gmail
(punto)com |
|