17/01/2011

     

    

Actos relixiosos de San Mauro

(Camposancos)

 

Masiva asistencia de fieis aos actos relixiosos en honor a San Mauro, avogado do reuma no que se viron curiosas tradicións

 

            O domingo, día 16 de xaneiro, a igrexa parroquial da Visitación de María a Santa Isabel celebrou os oficios relixiosos en honor ao patrono, San Mauro (Sanamaro), con Misa Solemne cantada pola Agrupación Coral Polifónica da Guarda e cooficiada por Ángel Soliño, párroco, e José Luis Portela, párroco de Figueiró quen, na homilía, fixo referencias á laicidade de España “onde se legalizou todo e só queda que se legalice a eutanasia”. Con Sodoma e Gomorra, quixo aludir aos matrimonios gays, e coas catástrofes mundiais (Haití, Brasil, Australia, entre outros países afectados por cuestións climatolóxica adversas), falou dun Deus que está reclamando a nosa atención. Un chamamento a mellorar, a cumprir cos valores cristiáns, a animar aos moxos e nenos a acudir á igrexa, formaron parte do discurso de José Luis Portela.

            Tralos oficios relixiosos, saíu a procesión de San Mauro percorrendo á Subida a San Amaro, portando as andas do santo distintos ofrecidos, entre eles o ex alcalde da Guarda, José Luis Alonso Riego, que como camposino, acode todos los anos á festa relixiosa. Devotos de Camposancos, da Guarda e de Salcidos, parroquia esta á que pertenceu Camposancos antes de ser entidade pastoral propia, encheron o templo e participaron no acto procesional no que se puido ver a tradicional cañota, aínda que sen rosquillas ensartadas, lembrando unha das tradicións deste día: aquela na que os mozos da parroquia ían na procura das cañotas que enchían de rosquillas e ofrecían ás mozas o día da Romaría, cantando “San Amaro maro / ten un asubío / para asubiarlle ás mozas / na beira do río”.

            No interior do templo, antes e despois da misa e procesión, cumpriuse o ritual da “medida”, unha tradición única que realizan Nahír Rodríguez e Camila Carrero, que levan máis de vinte anos de oficio e que substituíron á tía María de Abel e a María do Cambadelas cando estas, por idade ou enfermidade, non puideron continuar coa tradición, e para a que agora xa “se prepara” Valentina Carrero, “Vale”. Co fío de nilón encerado dun novelo, ao que se chama ‘candea’,  mídense distintas partes do doente –San Mauro e avogado contra o reuma-, as pernas, os brazos, o peito, a cabeza ou o corpo enteiro. O tramo de fío utilizado córtase e cólgase dun pequeno ferro en forma de L invertido, cravado nun pequeno toro de sobreiro, duns 20 centímetros de alto, no que se fixo concavidade sobre a que descansa unha especie de prato acuncado que recibirá as cinzas. Trala medición, o doente deixa no esmoleiro do santo un donativo.

            A devoción a san Mauro leva a que outros devotos pasen estampas ou panos do nariz pola imaxen buscando ese feito milagroso, semellante a “maxia simpática” dos homes que pintaron nas covas franco-cantábricas, como as de Altamira, pero neste caso procurando a saúde física.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Última reportaxe

 

Paletada

Laconada

de San Amaro

   

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2010

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com