O PP logra a maioría absoluta en Tui. Moisés Rodríguez
dedica a vitoria a Fernández Rocha

Moisés Rodríguez Pérez será o próximo
11 de xuño o novo alcalde de Tui logo de acadar maioría absoluta nas eleccións
celebradas o domingo. O resultado definitivo destes comicios fíxose agardar ata
a contabilización da última mesa, unha das de Guillarei, que foi a que lle deu
maioría absoluta aos populares con 9 concelleiros. A segunda forza política é
Alternativa Tudense con 3 edís, perdendo un representante con respecto aos
resultados acadados hai catro anos por Acción Tudense. O Partido Socialista
situouse nestas eleccións coma terceira forza da corporación, con dous
concelleiros, aínda que ata o último momento estivo moi preto de acadar os tres,
ao subir o número de votos con respecto a hai anos. O Bloque Nacionalista
Galego perdeu votos con respecto aos comicios de 2007 pero aínda así mantén os
seus dous representantes. Amais aparece na escena política Converxencia XXI ao
lograr 648 votos. Mentres o Partido Galeguista Demócrata non acadou
representación ao non ser suficientes para lograr un concelleiro os 324 obtidos.
Nas eleccións celebradas onte compre
resaltar a ampla participación acada cun 76%, e nalgunhas mesas coma Pexegueiro
acadouse un 83%, mentres que por el contra nunha das do IES San Paio so votaban
o 66% dos electores.
A xornada electoral de onte
transcorreu con normalidade salvo o incidente de primeira hora ao non haber
sobres para a introdución das papeletas en ningunha das 21 mesas electorais de
Tui. O reconto das mesas foi tamén moito máis lento que en anos anteriores, e
por exemplo os datos da Entidade Local Menor de Pazos de Reis non se coñecían
ata case ás doce da noite. Aquí o novo presidente será Enrique Martínez do
Partido Popular.
Victoria dedicada a Fernández
Rocha
O domingo á noite no programa
especial seguimento da xornada electoral que fixo a Radio Municipal de Tui os
seis candidatos valoraron os resultados acadados.
Moisés Rodríguez Pérez, candidato do
PP e novo alcalde de Tui a partir do 11 de xuño, quería dedicar a maioría
absoluta acadada onte ao actual Alcalde Antonio Fernández Rocha. Salientaba que
foi o mellor alcalde que tivo Tui ata o momento e que lle deixa o listón moi
alto.
Moisés Rodríguez amosaba o seu
agradecemento a todos aqueles que confiaron no PP nestas eleccións. Dicía que
agora o importante é facer un equipo sólido e estable. Recoñecía que acadar a
maioría absoluta era moi complicado, pero coa campaña que fixeron lograron ese
resultado.
Tamén manifestaba o seu respecto por
todos os candidatos que se presentaron nestas eleccións, e dicía que pese a ter
maioría absoluta e dada a actual situación económica farán unha política de man
tendida.
Explicaba que aos militantes e
simpatizantes do PP lles pediu o máximo respecto cara ás outras formación,
salientando que o que lles levou á vitoria foi a humildade, o traballo serio,
limpo, expondo o seu programa. Salientaba que isto é unha vitoria dun equipo que
levara Tui polo bo camiño, dicía.
AtT
perde un edil, o PSOE pasa a ser a terceira forza, o BNG baixa e aparece CXXI

Alternativa Tudense perdía o domingo
un dos catro concelleiros que tiña Acción Tudense, quedándose con tres
representantes. O seu líder Miguel Capón Rey recoñecía que o resultado para el
era sorprendente xa que tiña claro que ninguén tería maioría absoluta, e dicía
que esta se producía por 100 votos. Onte mesmo felicitaba xa a Moisés Rodríguez.
Pese a baixada de votos experimentada
recoñecía que para unha candidatura independente manterse ao longo de tres
procesos electorais tamén ten o seu mérito. Dicía que a baixada de votos
experimentada pola súa formación pode deberse a distintos factores.

O Partido Socialista lograba no día 2
concelleiros, aínda que estivo moi preto do terceiro ata o último momento. O seu
candidato Enrique Cabaleiro manifestaba que estaba medianamente satisfeito pero
non contento. Salientaba que coa perda dese terceiro edil pechouse a
posibilidade dunha alternancia política en Tui. Destacaba que tiveron unha
mellora considerable nos resultados pero non suficiente. Felicitaba ao candidato
do PP polo seu triunfo.
Sinalaba que ao mellorar a base
electoral lles permitirá traballará co equipo humano que teñen, e tratar de
mellorar para algún día converterse nunha alternativa sólida en Tui.

O Bloque Nacionalista Galego mantivo
onte os dous concelleiros con que contaba na corporación pese a perder algo máis
de 200 votos. O seu candidato Laureano Alonso amosouse sorprendido por estes
resultados porque dicía non entraban en ningún prognóstico os resultados de Tui
polo descontento que lles amosou a xente.
Laureano Alonso tampouco agardaba a
baixada rexistrada. Dicía que hai que seguir traballando e agardaba que dentro
de catro anos a xente lles poida dar unha oportunidade. Felicitaba a Moisés
Rodríguez pola súa maioría absoluta, e avanzaba que farán unha oposición o máis
seria posible.

Converxencia XXI lograba onte un
concelleiro na próxima corporación, o seu candidato, Carlos Vázquez Padín,
amosaba a súa satisfacción por este resultado porque dicía que non había
precedentes en Tui en que un partido que partía de cero lograse representación,
e lles abre perspectivas moi interesantes.
Para Padín é incomprensible os
resultado do PP tras 14 anos do que cualificaba dunha xestión nefasta, aínda que
respecta os resultados. Avanzaba que farán unha férrea oposición.

Por último José Prada Álvarez, do PGD,
que non conseguiu representación, recoñecía que o resultado non era o agardado
porque tiñan outro tipo de expectativas.
Apuntaba José Prada que non agardaba
uns resultados así a nivel xeral pero a cidadanía é a que elixe. Felicitaba a
Moisés Rodríguez polo seu resultado.