|
Mitin do BNG en Tomiño
Guillerme, en Tomiño "O PP non quere que vaiades votar. Se ides votar, eles
perden. E eles perden porque somos máis"

O líder do BNG ten
claro que o PP non quer que as persoas que se senten galegas e de esquerdas
vaian votar o 22-M. Así o dixo no mitin celebrado o sábado, 14 de maio, no
auditorio de Goián.
Na súa intervención
no mítin de Tomiño, Guillerme afirmou: "O PP non quer que vaiades votar. Se
ides votar, eles perden. E eles perden porque somos máis".
O portavoz nacional
expresou a súa convicción de que a "maioría social" de Galiza non está co PP
nin coa súa política de masivos retallamentos sociais.
"Moitas veces
tendemos a pensar que somos menos, pero en realidade somos máis. Somos máis
os que non queremos recortes que os que os queren. Somos máis os que non
queremos privatizacións que os que as queren. Somos máis os que estamos coa
economía produtiva e do emprego de calidade que coa economía da especulación
e do emprego precario".
A chave desta campaña
chámase Bloque Nacionalista Galego.
"Os estrategas da
campaña do PP imaxinaron un paseo militar polo País adiante, mas bateron cun
problema, o Bloque Nacionalista Galego. E que é o Bloque Nacionalista Galego?
O BNG é a expresión política da existencia dun importantísimo sector social
neste País que quere outras políticas, que defende a lingua galega e que
está por que a factura da crise a paguen os que a causaron e non os que a
están padecendo".
Iso é o BNG. E que é
o PP?, perguntouse Guillerme. "O PP é Paro, Privatización e Negocio para os
amigotes".
Igualdade contra o
machismo

O portavoz nacional
abriu o mítin cunha emotiva condena do asasinato machista cometido en Noia.
"Estamos ante un execrábel atentado contra o dereito humano máis
fundamental, o inalienábel dereito á vida", dixo.
Frente ao machismo,
políticas de igualdade. As que impulsa o BNG desde os concellos nos que
goberna. E as que levaron ao BNG a ser a organización política que concorre
a estas eleccións que presenta máis cabezas de lista mulleres. "Como aquí en
Tomiño, coa vosa alcaldesa que, por suposto, o seguirá sendo", afirmou en
alusión a Sandra González.
O BNG é o moderno
frente a caspa da dereita

De Sandra Guillerme
dixo que, alén de simbolizar as políticas de Igualdade, representa tamén "o
moderno" frente "a caspa da dereita".
"Sandra, como
alcaldesa, é a demostración de que se pode gobernar para as veciñas e os
veciños e coas veciñas e os veciños. É a demostración de que co BNG a
democracia participativa faise realidade, de que co BNG os gobernos
municipais están ao servizo do pobo e non dos poderosos".
O 22-M o pobo
elixirá entre dous modelos
Ou o modelo das
políticas de dereita, que se deciden non nas institucións democráticas,
senón nos despachos "dos banqueiros e dos executivos das grandes empresas,
ou o modelo de política democrática e de servizo ao pobo que encarna o BNG.
Sandra González

A candidata á
reelección na alcaldía de Tomiño, Sandra González, enfatizou na súa
intervención no labor feito nestes pasados catro anos fronte á total
inacción á que se someteu o concello nos 24 anos de goberno do PP.
A candidata do BNG e
actual alcaldesa fixo un repaso polos puntos máis importantes da xestión do
nacionalismo galego como o centro de día, a recuperación da fortaleza de San
Lourenzo, novos parques infantís, espazos verdes e humanizados, proxectos en
favor da igualdade e de todas as parroquias do concello.
Sandra González
destacou que “aínda que os concellos non teñan competencias na materia, o
emprego será a nosa prioridade”, tamén destacou outros proxectos dese futuro
que o BNG quer para Tomiño como o saneamento e un plan integral de obras,
mais, todo isto, “ante todo, dándolle participación total ás parroquias para
definir as súas prioridades”.
A alcaldesa lanzou
duras críticas contra o PP ao que acusou de “mercar francotiradores para
dispararlle á alcaldesa”, mais advertiu de que non conseguirán amedrentar ao
BNG con mentiras. |