19/01/2011

     

    

Fortaleza e Praia de Goián en obras

   

Comezaron as obras no entorno da fortaleza e praia de Goián esperando o seu remate para antes do verán

O pasado semana iniciáronse as obras de recuperación ambiental e posta en valor do entorno da fortaleza e a praia de Goián. Con este proxecto, financiado integramente con fondos estatais, o Concello de Tomiño pretende destacar e aproveitar os atractivos que esta zona ten desde o punto de vista natural, patrimonial e paisaxístico, creando, para iso, unha única área pública de lecer na que se conecten e comuniquen dous espazos tan importantes para Goián como son o forte de San Lourenzo e a praia fluvial.

O obxectivo desta intervención, que afectará a 14 mil metros cadrados, é a recuperación ambiental da zona, respectando as características principais, ao tempo que establece un espazo de encontro e de comunicación co río Miño e a veciña localidade portuguesa de Vilanova de Cerveira.

A proposta técnica, do arquitecto Pablo Gallego, inclúe a rexeneración e peatonalización de borde litoral do Miño e a ordenación dos usos da praia, limitando os accesos do tráfico, destinando áreas para estacionamento e habilitando unha zona para uso dos pescadores. Ao mesmo tempo será creado un novo acceso á praia desde a fortaleza.

Tamén contempla a ocupación do espazo dunha canteira que hai na zona, cubríndoa cunha serie de plataformas de madeira que dará lugar a unha área pública en sombra e que permitirá ubicar unha cafetería, integrándoa no entorno. Así mesmo, as sucesivas plataformas escalonadas formarán un graderío-miradoiro para desfrutar das vistas ao río.

Este proxecto tamén prevé outro tipo de servizos como un centro de dinamización ou un núcleo de aseos e de socorrismo. O espazo público restante tamén se urbanizará e acondicionará acometendo traballos de reforestación con especies autóctonas.

Segundo a alcaldesa Sandra González, "realmente, é unha satisfacción ver o inicio das obras deste importante proxecto polo que tanto ten traballado o Concello de Tomiño nos dous últimos anos. Esta é a última etapa dun camiño longo que requiriu moitos esforzos e determinación. Teño a certeza de que moi en breve este será un espazo de referencia non so para a xente do noso concello senón tamén para os visitantes que veñan desfrutar deste entorno e desta paisaxe única".

No mes de maio do pasado ano ao tempo que avanzaban o deseño do proxecto e os trámites para poder executalo, foi constituído en Goián o Foro Fortaleza, presidido polo xornalista Manuel Campo Vidal e conformado por representantes de colectivos locais, historiadores, arquitectos, hostaleiros, expertos en turismo, etc. A súa finalidade é a de aportar baixo un prisma multidisciplinar unha serie de ideas e opinións que poidan ser tidas en conta á hora de desenvolver o proxecto, dotalo de contidos e valorar o seu posterior uso.

Durante a presentación do Foro Fortaleza o concelleiro de urbanismo, Uxío Benítez, sinalaba que "este proxecto de mellora ambiental e posta en valor da praia de Goián pretende ser un primeiro pero importante paso dentro dun proceso máis amplo de transformación e aproveitamento de toda a zona próxima á fortaleza e ao río Miño".

  

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Última reportaxe

 

O Rosal.

Coñece

o teu concello

   

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2010

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com