O alcalde de Tui nega a súa imputación no auto do 8 de novembro
O
alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, negou esta mañá que estea imputado no auto
do 8 de novembro do caso Patazumba. Así o dicía con rotundidade no pleno
onde a oposición lle solicitaba a súa dimisión ao considerar que sí está
imputado. O mandatario explicou que “as únicas imputacións que se dirixían
contra mi foron arquivadas”. Como proba desa non imputación citaba o recurso
ao auto por parte da acusación particular da Asociación Arcebispo Lago, que
recorreu o auto solicitando que se reabra o procedemento e se siga contra
todas as persoas que foi sobresido. Para Moisés Rodríguez o auto pon de
manifesto que “todas as actuacións realizadas,..., que estaban sendo obxecto
de investigación dende o prisma administrativo están amparadas en dereito, e
en consecuencia, penalmente tamén.” Engadía que esta resolución considera
que “resulta incompatible a persecución penal dunhas accións que a
xurisdicción conteciosa-administrativa, con carácter firme bendiciu”. Por
ultimo afirmaba amais Moisés Rodríguez que non o van quitar do mapa político
porque no cargo o puxeron os cidadáns.

Os grupos da oposición non teñen
o mesmo parecer e así o espuxeron na quenda de intervencións. Así o expuña
Carlos Vázquez Padín quen baseándose no auto do 8 de novembro considera que
“permanece a imputación no delito contra o patrimonio histórico”, o que os
convence deste punto, sinalaba, é o recurso presentado por Jose Antonio
Estévez de Provitui. Engadía posteriormente que maís aló da cuestión
xurídica hai unha responsabilidade política xa que “o nome de Tui está
asociado a un desprestixio por novas relacionadas coa corrupción política” .
Laureano
Alonso, do Bloque Nacionalista Galego, abondaba no mesmo argumento indicando
que aínda que Moisés Rodríguez non recorre o auto nominalmente si o fixo a
empresa para a que traballaba, e no seu parecer se recorren é porque están
imputados. Engadía que “a imputación debería significar a dimisión do
alcalde por democracia, transparencia, honestidade e todo o que engrandece a
vida política” porén sinalaba “vaise enrocar como até o de agora”. E
remataba a súa intervención pedindo ao alcalde que “por dignidade e
honestidade pensando no concello dimita”.
Dende o Partido Socialista, José
Luís Maciñeiras, apuntaba que “todos os cargos públicos teñen que demostrar
exemplaridade”, e engadía que piden a dimisión do alcalde estea ou non
imputado porque “ten que estar libre de sospeita”, e sinalaba que “unha vez
máis Tui é sospeitoso dalgunha irregularidade por culpa do alcalde”. O seu
compañeiro,
Enrique Cabaleiro, manifestaba
que as responsabilidade penais as dirimirán os tribunais de xustiza, pero
que como concelleiros teñen “unha responsabilidade de esixir e pedir
responsabilidades políticas e sancionalas”. Nese senso apuntaba que “o fondo
do caso é unha cuestión de mera ética, de ser exemplarizantes”. Por iso
afirmaba que “é de dubidosa ética que unha empresa promotora teña intereses
onde os seus membros exercen actividade política” polo que por ética
consideran que “como alcalde debe dimitir”.
Miguel Capón de Alternativa
Tudense afirmaba que “todos os que asinamos a solicitude de pleno pensamos
que vostede está imputado”. Fixo a continuación unha longa exposición
entorno ao caso Patazumba, comezando polo xeito en que os castiñeiros
estaban grafados no Plan do 94. Miguel Capón lembraba máis tarde que hai
unha sentenza pendente do TSXG que pode anular unha votación realizada no
pleno na que participaron Moisés Rodríguez e Antonio Fernández Rocha, coa
advertencia por parte dos concelleiros de que debían absterse. E para
rematar expuña que “pedimos a súa dimisión para que Tui non siga saíndo nos
xornais e supere circunstancias pasadas”
Previamente neste pleno abordouse
o problema da concesión de licenzas urbanísticas tal e como recolle un
informe da secretaria no que se pon de manifestou a tardanza na contestación
e que non se resolven por rigoroso orde de entrada.
Carlos Vázquez Padrín de
Converxencia XXI solicitaba ao alcalde, como responsable de urbanismo, que
dea unha solución a este problema que dicía é un obstáculo ao
desenvolvemento económico. Engadía que con estes retrasos se fai un dano á
economía dos cidadáns.
Laureano Alonso do BNG expuña
datos concretos e sinalaba que dende xullo das 11 solicitudes de obra menor
só dúas foron contestadas, e das 19 solicitudes de primeira ocupación só se
concedeu unha licenza, indicando que non se contesta por rigoroso orde de
entrada. Consideraba tamén Laureano Alonso que a interinidade do persoal de
urbanismo constitúe tamén outro problema. Por outra parte solicitaba que as
competencias de urbanismo pasen ao pleno como xa fan algúns concellos. Con
esta tardanza en contestar as licenzas no parecer do edil nacionalista o que
se fomenta “é a ilegalidade”. Remataba sinalando como culpables dos
problemas de urbanismo ao concelleiro de persoal, por non esixir que os
departamentos funcionen en tempo e prazo, e o alcalde como máximo
responsable.

Para Enrique Cabaleiro, do PSOE,
o informe dun técnico do concello demostra que en Urbanismo “non se están
facendo as cousas como se deben facer, e que o traballo que se realiza non
se fai co rigor que debería”. Tamén apuntaba que “hai serias dúbidas de que
o traballo se estea levando a cabo respectando a legalidade vixente”. Para
os voceiro socialista “se conculcan os dereitos dos cidadáns e isto leva
aparellado que o concello sufra serios prexuízos económicos porque se non se
dan licenzas se deixa de ingresar”. Dirixíndose ao alcalde indicaba que é
quen ten as responsabilidade directa pedíndolle que as asuma.

Miguel Capón de Alternativa
Tudense sinalaba que o Concello precisa un programa de control de
expedientes para levar un control. Afirmaba que non se ten mellorado nesta
cuestión, senón que no seu parecer tense empeorado moito. Indicaba que para
que de 100 expedientes se concedan só 2 licenzas ten que pasar algo máis,
que non é so por falta de persoal.
Moisés Rodríguez, o alcalde de
Tui, explicaba pola súa parte que dende o mes de xullo téñense concedido 30
licenzas de obra maior e 46 de obra menor ocupación. Contestando a Capón Rey
informaba que nos orzamentos están traballando xa para facer un programa de
xestión de expedientes. Mentres sobre a falta de persoal dicía que pola lei
de Estabilidade Presupostaria non se pode contratar máis, aínda que
recoñecía que non se pode manter a eventualidade e determinados postos teñen
que ser estables.
Sobre o departamento de Urbanismo
o alcalde afirmaba que se está traballando e se está traballando ben.
Engadía que o equipo de goberno é o máis interesado en que se concedan as
licenzas porque así terá máis ingresos. Explicaba que “había pedras no
camiño, pero se están movendo, se fixeron cambios e se están incentivando
aos traballadores municipais”. Remataba informando que todas as licencias
están ben concedidas, e que son os primeiros en tratar de dinamizar a
economía local, polo que van tratar de axilizar as licenzas.
A oposición lamentou a
convocatoria do pleno ás nove da mañá xa que en moitos casos interfire cos
traballos e afecta a terceiras persoas. O alcalde respondeu que logo de
presentarse a solicitude de pleno o pasado sábado, a sesión convocouse coa
máxima celeridade e pola mañá por economizar xa que os funcionarios están en
horario de traballo.