|
Candidatura PGD
Reportaxe
de Beti Rey
O
Partido Galeguista Demócrata propón un convenio cunha entidade bancaria para
rehabilitar vivendas no conxunto histórico segundo explicou na presentación
da candidatura

O Partido
Galeguista Demócrata, PGD, presentou o pasado venres á noite a súa
candidatura en Tui encabeza por José Prada Álvarez. Ao acto, celebrado no
Hotel Colón, asistiron máis de 150 persoas.
Jose Prada
abriu a quenda de intervencións explicando que a lista que encabeza reúne
xuventude e gran experiencia profesional, indicando que os seus membros son
moi respectados nos ámbitos onde se moven. Recoñecía que non foi doado
confeccionar esta lista porque houbo “demasiadas presións” porque expicaba
que “a demasiadas persoas non lles interesaba que a candidatura fose
adiante” feito polo que amosaba o seu agradecemento as persoas que o
acompañan nesta candidatura, que dixo estar ilusionada polo traballo que
teñen que facer. Coa mesma sinalaba que pretender dar a oportunidade de “non
votar sempre aos mesmos”.
A continuación
iniciou un pormenorizado repaso do seu programa electoral. Sobre o mesmo
explicaba que propoñen a construción dun aparcamento soterrado nas rúas
novas a través dunha concesión, e indicaba que na parte traseira da Área
Panorámica construirán un gran parque público ao que darán o nome de Don
Basilio.
Sobre o Centro
de Saúde indicaba que se hai posibilidade manterán a actual ubicación
ampliandoo cara os terreos lindeiros que xa foron adquiridos polo concello.
Por outra parte propoñen a construción do Centro de Día a carón do Centro
Sociocomunitario.
En deporte
apostan por iniciar a segunda fase do Centro Interfederado de Remo e
Piragüismo, co que dicía a cidade é xa un claro referente no deporte de remo
e piragüismo olímpicos. No eido cultural indicaba que Play-Doc merece máis
apoio, e sinalaba que a Área Panorámica debe servir tamén para acoller
congresos e outros eventos, así coma representacións de teatro local. Sobre
o Teatro Principal propoñen a súa adquisición polo Concello e rehabilitación
para ubicar no mesmo unha Escola de Artes Escénicas e representacións.
Sobre o casco histórico Prada Álvarez propón a implantación negocios e
obradoiro artesáns, así coma a sinatura dun convenio cunha entidade bancaria
para a rehabilitación de vivendas destinado a aluguer para a mocidade, co
que no seu parecer se lograría un dobre obxectivo rehabilitar o casco vello
e arranxar as vivendas.
Tamén sinalou
Prada Álvarez a necesidade urxente de repor o mobiliario urbano, volver
converter a Corredoira nun paseo con árbores que dean sombra, dotar de
medios humanos e técnicos á policía local, realizar un plan de tráfico
eficaz, peonalizar o casco histórico, unha campaña de concienciación sobre a
recollida selectiva do lixo. Outras propostas son rehabilitar o edificio de
Camfran para facer un viveiro de empresas, e humanizar a Avenida de
Portugal ata a ponte. Concluía indicando que “Tui precisa medidas urxentes
para terminar o inacabado” e manifesta que o programa que presenta “é 100%
realizable” recollendo no mesmo moitas ideas aportadas polos cidadáns.
O número 3 do
PGD Javier Varela profundou nas actuacións do casco histórico citando
exemplos cercanos coma os acometidos en Allariz, Santiago ou Betanzos.
Por outra
parte apuntaba que hai que buscar fórmulas ou instrumentos para que a
poboación teña maior participación e de verdade se considere ao Concello
coma a “casa de todos”, isto apuntaba que faría que a xente “se implicase
máis en asuntos públicos”. Para logralo apuntaba a colocación de taboleiro
de información, buzóns de suxestións... para dar máis transparencia a todo o
que se fai.
A número 2 do
PGD María José Varela centrou a súa intervención por unha banda sinalando a
urxencia da construción dunha Escola Infantil preto do gran parque Don
Basilio que propoñen. E incidía no ámbito turístico na necesidade de crear
un plan de desenvolvemento turístico para todo o municipio no que se
contemple facilitar a rápida localización dos lugares de interese, a
realización de visitas guiadas ao Parque Natural do Monte Aloia, ao conxunto
histórico e a potenciación da rutas fluviais. Tamén propoñen aproveitar a
cercanía do Porto de Vigo para atraer cruceiristas á cidade o que suporía
abrir as portas ao exterior cunha rendibilidade inmediata.
A presentación
da candidatura rematou cun coloquio cos asistentes que fixeron preguntas
específicas sobre o programa ou outras cuestións do municipio que lles
interesan.




 |