|
Pleno da Corporación de Tui
Reportaxe: Beti Rey
A corporación
municipal de Tui celebrará pleno ordinario cada dous meses o último xoves

A
corporación municipal de Tui se vai reunir cada dous meses en pleno de
carácter ordinario. Será os últimos xoves dos meses de xaneiro, marzo, maio,
xullo, setembro e novembro. Así quedou onte aprobado cos votos a favor dos
nove concelleiros do Partido Popular. Os grupos da oposición non compartiron
a medida e votaron en contra, ao tempo que anunciaron que solicitarán plenos
de carácter extraordinario.
Carlos
Vázquez Padín de Converxencia XXI manifestou no debate que pasar plenos
mensuais a bimensuais é dar un paso atrás que rompe un precedente de boas
prácticas no Concello de Tui. Apuntaba que con esta medida homológase a Tui
cara abaixo con concellos de 5 mil habitantes, e se lle resta, no seu
parecer, capacidade de control á oposición e o público.
Laureano
Alonso do BNG agardaba que co cambio de alcalde mellorarán as formas na
participación democrática, para o que dicía o mellor é a transparencia.
Dicía que tanto os veciños coma a oposición vai ter que agardar dous meses
para facer as súas preguntas. E manifestaba que si a decisión se toma por
criterios económicos os 1.100 que custa un pleno non son tantos cartos.
José
Luís Maciñeiras do PSOE rexeitou a medida porque dicía que se está pedindo
na rúa máis democracia e participación, e con plenos bimensuais restase
participación da oposición. Dixo non entender a decisión cando na sesión de
toma de posesión se prometeu colaboración e cooperación coa oposición. Por
último apuntaba que si as razóns son económicas, non se sustenta a medida
vendo as dedicación e cargos de confianza, e chegou a plantexar a
posibilidade de celebrar plenos mensuais cobrando un de cada dous ou
dividindo a asignación por asistencia ás sesións á metade.
Dende
Alternativa Tudense Miguel Capón insistiu que deixar de celebrar plenos
mensuais rompe unha tradición, apuntando que con isto conseguen un dobre
obxectivo reducir as percepcións da oposición ao 50% e reducir a
participación cidadá. Presentou Capón Rey unha emenda para que os plenos
ordinarios sexan cada mes e hai un marxe de dous días para súa celebración,
que non saíu adiante.
Por último o alcalde sinalou que non se rompe ningunha tradición. Explicou
que a decisión se toma porque se hai plenos mensuais isto incide no propio
funcionamento do Concello xa que os funcionarios pasan maior tempo dedicados
a facer comisións, e actas, e cada dous meses considera que é máis
operativo. Incidía amais que dadas as competencias que hoxe en día ten a
alcaldía e a Xunta de Goberno moitos plenos non terían contido. Tamén
recoñecía que isto supón un aforro económico.
No pleno
celebrado onte tamén se decidiu as comisión informativas permanentes que
haberá e a súa composición. En cada unha delas haberá cinco representantes
do PP e un de cada un dos grupos da oposición. Este reparto non foi
compartido por Miguel Capón de AtT que presentou unha emenda para que fosen
seis membros do PP, dous de Alternativa Tudense e un do resto do grupos,
pero esta proposta non prosperou.
Aprobadas as
dedicacións exclusivas e un cargo de confianza cos votos do PP

Cos únicos
votos do PP foron aprobadas as dedicacións exclusivas e parciais do equipo
de goberno. O alcalde percibirá 45.150 euros brutos ao ano, e o concelleiro
Manuel González 33.600 € brutos anuais en concepto de dedicación exclusiva.
Amais seis concelleiros do equipo de goberno Nicolás Lorenzo, Vanesa
Rodríguez, Doringa Olga Montes, Ángel Gutiérrez, Jose Ángel Villaverde e
Raquel Lorenzo percibirán 14.553 euros brutos ao ano cunha dedicación de 90
horas mensuais. O edil Marcelino Cendón é o único que non ten ningunha
dedicación, e cobrará só por asistencia a plenos e órganos colexiados.
Carlos
Vázquez Padín de CXXI fixo unha valoración negativa destes salarios por
considerar que implica un aumento no gasto deste capítulo, apuntando que o
goberno sae 30 veces máis caro que a oposición. No seu parecer o razoable
serían dúas dedicacións exclusivas e catro parciais. Sinalou que o PP actúa
coma unha axencia de colocación.

Laureano
Alonso do BNG está a favor de cobrar estando en política pero sempre que
haxa resultados, polo que apuntaba que a súa labor será fiscalizar e
controlar o traballo, esperando que se cumpran as 90 horas mensuais. Incidía
amais a necesidade de que os concelleiros ocupen os seus despachos e atendan
ao público.
José Luís
Maciñeiras do PSOE manifestaba que no parecer do seu grupo os concelleiros
terían que ir ao concello a facer labor política pero con estas dedicacións
no seu parecer da a sensación de que van gañar un sobresoldo. Para el só
dúas dedicación que marcarían o ritmo político terían sentido. Pedía por
último que se os edís van cobrar que desempeñen o seu traballo e se formen.
Miguel
Capón Rey de AtT facían cálculo a catro anos nos que o equipo de goberno
custará ás arcas municipais 300 mil euros. Cualificaba de excesivo 90 horas
mensuais de traballo nalgunhas concellerías, ao tempo que felicitaba a
Marcelino Cendón por non cobrar dedicación. Solicitaba saber en qué horas
atenderán ao público os concelleiros. A proposta que se levou a pleno para
Capón é “impresentable”.
Pechaba a
quenda de intervencións o alcalde, Moisés Rodríguez, manifestando que é
partidario de que salarios dos concelleiros e do alcalde sexan regulados por
lei en función do número de habitantes, porque no seu parecer “non é lóxico
que se converta en arma política en todos os concellos”. Adiantaba amais que
os concelleiros e o alcalde terán un horario de atención ao público que se
publicitará ao través da web do concello. E pedía a oposición que os
critiquen ou xulguen polos resultados.
Tamén foi
aprobado cos únicos votos do PP a creación dun posto de traballo de persoal
eventual para facer tarefas de apoio ao gabinete da alcaldía cunha
retribución anual de 27.300€.

Este punto
foi criticado por Carlos Vázquez Padín de CXXI por crear no seu parecer unha
plantilla demasiado grande, e por crear este posto nun momento de crise
contravindo o que recomendan os expertos. Laureano Alonso do BNG cualificou
esta contratación de “obscenidade”, apuntando que xa hai unha secretaria do
alcalde que leva anos facendo a súa función. Dende o PSOE José Luís
Maciñeiras manifestaba que nun concello de 20 mil habitantes non é
imprescindible contratar a un cargo de confianza e dicía que eses cargos se
podían destinar a cousas máis útiles, opóndose rotundamente a esta
contratación. Miguel Capón Rey de Alternativa Tudense sinalaba que se
contrata a este cargo de confianza coma administrativo e propón a súa
inclusión na RPT. Engadía que cando se saiba de quen se trata coñecerase o
verdadeiro obxectivo, e servirá, dicía, para facer un xuízo de valor. Por
último o mandatario municipal, Moisés Rodríguez, explicaba que estra
contratación non é nada novo porque xa Miguel Capón cando foi alcalde no 95
tivo unha persoa de confianza, a isto respondía o líder de AtT para explicar
que foi porque a persoas que ocupaba o cargo tivo unha baixa longa.
Por último
no pleno designouse ao membros dos Consellos Escolares, todos eles do PP, e
ao alcalde Moisés Rodríguez e o Concelleiro Manuel González coma
representantes do Concello na mancomunidade do Baixo Miño. Amais os
representantes municipais noutros órganos serán Jose Ángel Villaverde na
asemblea de Novacaixagalicia, Nicolás Lorenzo Montes na Funcaicón Teatro
Principal, Ángel Gutiérrez no consorcio contra incendios do Baixo Miño. No
Consello da Radio Municipal o presidente será Nicolás Lorenzo, e formarán
parte do mesmo Vanesa Rodríguez polo PP, María Beatríz Rodríguez por AtT,
Enrique Cabaleiro polo PSOE, Carmen Verde polo BNG, e Carlos Vázquez Padín
por CXXI.
|