28/03/2011

     

    

O Rosal celebrou o Día Mundial da Poesía

  

O Rosal celebrou o Día Mundial da Poesía

O pasado domingo, 20 de marzo, o Concello do Rosal celebrou o Día Mundial da Poesía no Auditorio Municipal.

Nesta 3ª edición, a concelleira de Cultura, Charo Tabales, abriu o acto facendo unha especial mención á UNESCO, por ser esta organización a que propuxo a celebración deste día, como un tributo á palabra poética.

Fixo unha pequena reflexión sobre ela, sinalando que “a poesía emana do máis profundo da cultura dos pobos. Coa celebración do Día Mundial da Poesía, a UNESCO quere recordar a importancia artística e o vigor da poesía, a fin de promover a lectura e a creación nunha das expresións artísticas máis auténticas e dinámicas da humanidade. A mensaxe dos poetas, a miúdo testemuña de excepción das profundas transformacións políticas e sociais da historia, é imperecedera. Os seus textos nos invitan a forxar unha paz duradeira nas conciencias, a replantexarnos  a relación do home coa natureza e a fundar un humanismo que se nutra da singularidade e á vez da diversidade dos pobos.”

Despois desta breve presentación, as nenas do grupo de baile Xamaraina, da man da súa profesora Elena Baz, interpretaron o tema “Unha volta e un poema” de Berrogüetto.

A continuación, e previa presentación delas, Emilia Rosende, Estrella Velasco e Oliva Mª Pereira, membros da Asociación de Amigos da Poesía do Baixo Miño, leron tres poemas de creación propia.

De seguido, o grupo de baile Xamaraina, interpretou  a canción de Carlos Núñez, “Nubes del otro lado”.

Unha segunda rolda de lectura de poemas, tamén de creación propia, foi realizada por Cástor Rodríguez, Lola Taboada e Mar Piñeiro.

Para finalizar o acto, un total de 22 nenas do grupo de baile Xamaraina, interpretaron o tema “Agüita de abril”, de María Villalón.

Os poetas e bailarinas recibiron da man de Charo Tabales e de Elena Baz unha rosa vermella en agradecemento a súa participación.

 

PEQUENAS RESEÑAS BIOGRÁFICAS DOS INTERVINTES

Emilia Rosende

Tudense de nacemento, desde moi pequena sente inquietude pola poesía, e a súa recompilación dá lugar aos libros: “Lembranzas de Tui” e “Tú también eres poesía”.

            A partir de agora recitará no Baixo Miño e en Portugal, e nacerán outros poemarios “Viento y sombras” e “Sueños de Poeta”. A súa poesía é publicada en prensa e recitada na Radio e na Televisión de Galicia. En 1992 funda a Asociación de Amigos da Poesía do Baixo Miño, da que é presidenta, desde a que organiza Festivais de Poesía e Certames para nenos.

            Dous libros máis engrosan a súa colección de poemas: “Al caer la tarde” e “Si yo fuera poesía”. A súa última manifestación como escritora é o libro “Contos para nenos” onde se descubre así mesma como narradora de contos infantís.

Estrella Velasco

            Nace en Castela e vén a Galicia onde os seus aires e a terra faina revivir como “ELFA”.

            De ELFA uns din que sobe ás alturas, outros que baixa a o centro da terra onde non hai xustiza, espazos que inspiran os seus poemas. Dende 1990 recita poemas, en Centros Sociais e Culturais, Teatros, Feiras do Libro, ou na Radio, dentro e fóra do Baixo Miño.

            Pertence a grupos poéticos como “Amigos da Poesía do Baixo Miño” ou “Brétema”.

            Ten publicado en solitario o poemario “Alma de caminante”, é autora da letra do disco “Crepúsculo mental” de Mª José Baz e tamén comparte publicacións con outros poetas.

Oliva Mª Pereira

            Nace no Rosal, criada na posguerra, sabe ben que o vivir nunha familia humilde e traballadora marcou a súa sensibilidade e o seu mundo interior. Dende moi pequena escribía o que sentía e aínda que Logopeda de profesión, dedica a maior parte do seu tempo a traballar polos marxinados, polas persoas maiores e moi especialmente polos nenos discapacitados. É membro da Asociación de Amigos da Poesía do Baixo Miño. Foi finalista de varios concursos literarios e ten publicados tres libros: “Espejo del alma”, “Senda para ti”, “O Carroucho enferruxado” e “Rosas en la arena”.

Cástor Rodríguez

            Rosaleiro de adopción é Xuíz de Paz do Rosal dende fai 5 anos. Exerceu o Ensino durante trinta anos no CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal.

            Xubilado da súa profesión, pero non da afección do canto e da poesía, as composicións de Cástor transmiten unha gran sensibilidade.

Lola Taboada

            Nace en Vigo hai un feixe de anos, como la di. Intenta explicar a vida e de paso comprendela dende a escritura.

            Foi primeiro premio de poesía en lingua galega nas Minervales de Santiago de Compostela no ano 1971 para estudantes de bacharelato. Tivo a honra de recibir de mans de Álvaro Cunqueiro o primeiro premio ao poemario en galego “Do Vivir”, nun certame poético celebrado en Vigo en 1978.

Mar Piñeiro

            Naceu no Val de Tebra (Tomiño) nun tempo en que a aldea era un mundo pequeno inmenso. Alimentouse de xogos e sonos ata ben entrados os corenta. Dende nena a paixón pola lectura levouna a descubrir outra paixón: a da escritura; e aínda que estudou Filoloxía Hispánica, segue disfrutando de ámbalas dúas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Última reportaxe

 

Inauguración da Aula da Natureza "Muíño das Aceñas"

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2010

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com