Exposición de paisaxes de Xavier Pousa
sobre a Guarda “A Guarda, as paisaxes de Pousa”

Descubrir A Guarda dende os anos cincuenta ata o 2000 a
través dos ollos do pintor Xavier Pousa, é a proposta do Concello da Guarda
na exposición “A Guarda, as paisaxes de Pousa”.
A mostra inaugúrase o próximo 24 de xullo ás 20:30 horas na
Casa dos Alonso, a nova Casa do Concello, e permanecerá aberta ata o 21 de
agosto, en horarios de luns a sábado, de 11:00 a 14:00 e de 20:00 a 22:00
horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas.
Trinta e sete obras do artista de Goián, que nos levan a
percorrer a vida cotiá da vila mariñeira, a través de pequenos detalles, das
xentes, as pedras, as cores, a luz....
Un camiño de cincuenta anos no que a historia volve a nós
como a infancia, prendida nun barco de vela, no portabultos dunha bicicleta,
nun solpor na Foz do Miño, no son dunha onda de inverno. A Guarda nos ollos
de Pousa, o Baixo Miño, as forzas encontradas na Barra, río e mar, a vila en
calma, o porto a bulir, e sempre o mar e Portugal.
Paisaxes que falan das vivencias do pintor no seu entorno,
da súa forma lene de mirar, da súa calma no percorrido diario, de todos os
veráns pasados na Guarda, cincuenta anos coa familia e amigos, de cercanía,
de tertulias, da calma que atopou mirando a néboa levantarse no esteiro pola
mañá e rematando a tarde pintando o Miño nun lenzo inacabado. Esa é a
exposición.
Xavier Pousa naceu en Goián (Tomiño) en 1931 e comezou a
pintar aos trece anos co pintor goianés Antonio Fernández. No ano 1950
trasladouse a Madrid a estudar na Escuela de Bellas Artes de San Fernando.
En 1952 percorre Europa para coñecer o traballo dos impresionaistas e
descubrir as vangardas que xa ocupaban espazos nos museos de arte moderno. O
coñecemento foi para él unha prioridade, por iso percorreu museos de todo o
mundo para coñecer a obra dos grandes mestres. Xavier Pousa, membro da Real
Academia Galega de Belas Artes, participou activamente da vida cultural de
Galicia.