14/03/2011

     

    

Presentación de Fany Iglesias candidata á Alcaldía da Guarda

    

            Unhas duascentas persoas acudiron á presentación, o domingo, 13 de marzo, de Fany Iglesias Ferreira como candidata do Partido Popular, na Guarda, ás eleccións municipais do 22 de maio. Arroupándoa estiveronno salón de actos do Centro Cultural, os conselleiros de Economía e Industria, Javier Guerra, e de Medio Ambiente e Infraestruturas, Agustín Hernández; o vicepresidente da Deputación, José Juan Durán; a secretaria provincial do PP, Begoña Pérez, e excalcaldes como Raúl González Puebla e José Luis Alonso Riego; edís e exconcelleiros, así como o alcalde do Rosal, Jesús Fernández Portela.

            Presentou o acto Rosa María Pazos quen anunciou aos intervintes neste acto e engadiu que a presentación á que se procedía era o primeiro paso para que Fany Iglesias se convirta na próxima alcaldesa da Guarda. Dedicación e constancia no traballo emprendido, engadiu a presentadora, dará o seu froito.

 

Alberto gonzález Vicente

Alberto González Vicente, que fora candidato hai catro anos polo Partido Popular, interviu en primeiro lugar cun breve discurso no que amosou o seu apoio a Fany, na que confiou hai catro anos porque a consideraba unha persoa moi valiosa. Asegurou que se retira da vida política porque o traballo que ten é moi absorbente, pero sempre, recalcou, estará co Partido Popular, e desexou que “na próxima toma de posesión, Fany sexa a alcaldesa da Guarda”. Se hai catro anos, dixo Alberto, o PSOE tiña boa prensa, hoxe xa non a ten, e o PP crece e os ventos son prósperos. E asegurou que “hai algúns candidatos á Alcaldía do PSOE que non só non queren levar o PSOE como nome, senón que tampouco queren que Zapatero apareza por ningures”.

 

Begoña Pérez

Deseguido subiu ao estrado Begoña Pérez, secretaria provincial do Partido Popular, que valorou o traballo feito por Fany nos últimos catro anos e a implicación que tivo desde o concello cos veciños.

En momentos de crise, engadiu, hai que dicir “que os veciños reclamamos gobernos municipais que saiban solucionar a crise e xestionar os nosos recursos, e non podemos consentir que nos gobernen as réplicas dos que enchen as nosas rúas e prazas de farolas”.

A Guarda, continuou a secretaria provincial do PP, tivo a súa réplica particular de Zapatero; un goberno que se preocupa só dos seus petos e das dedicacións exclusivas”. Foron catro anos que bastaron para marcar as diferenzas entre o actual goberno e os gobernos do Partido Popular.

Rexeitou un goberno, o socialista, que “é campión do paro en Europa”, que “aplica os recortes sociais máis drásticos da historia da nosa democracia”.

Noutro momento referiuse a que Feijoo atopouse na Xunta cun burato de más de 1.200 millóns de euros deixado polo bipartito e a obriga de devolver ao Estado outros 2.500 millóns.

Asegurou que o PP é a única forza capaz de enfrontarse ás situacións duras e difíciles, como a que se vive, porque os gobernos populares son serios, solventes e responsables. E debuxou o futuro popular con menos paro, máis servizos, máis infraestruturas e mellor cualidade de vida.

 

Javier Guerra

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, foio  seguinte en subir ao escenario. E comezou a súa disertación falando de recuperar o prestixio de Galicia, liderados polo presidente Feijoo e iso se fará desde A Guarda e desde outros concellos de Galicia.

Utilizou, para explicar a etapa que agora comeza, o símil dunha carreira “e que vai rematar con Fany como alcaldesa”. Fixo unha reflexión en voz alta de por qué votaría a Fany: “pola súa capacidade de traballo, pola ilusión que traslada cos seus ollos, pola mirada, pola preparación, pola súa simpatía, e por algo que para min é especialmente importante: que quere o millor par aos veciños da Guarda”.

Asegurou que mentres en todas as xuntanzas “Fany estanos pedindo sempre algo para A Guarda, o voso alcalde, nos dous anos que levo na Xunta, non pediu nada á Consellaría de Economía e Industria para este pobo. E eu non sei quen é, nin por teléfono”.

            Noutro momento referiuse a unha Fany “que vos dirá a verdade; dito doutro xeito, Fany non vos vai mintir”, contrastando “co que fan os que vós sabedes”. “Zapatero, e non só Zapatero, todos os zapateros, todos os que se presentan con Zapatero, son zapateros”, e “inclúese ao Zapatero que tedes aquí”, porque cando todos sabían que as cousas ían mal e había que prepararse para o que ía vir e nos chamaban mintireiros, “estes víanse nun espello e víanse guapos, aínda que cunha nariz grande, coma a de Pinocho”.

 

Agustín Hernández       

   

Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas, quixo iniciar a súa intervención, entre outras referencias, coa súa estadía na Guarda no ano 89, por motivos profesionais, cando se construía o contradique do porto. Asegurou que o único goberno, o único partido que fixo que A Guarda e o Baixo Miño progresasen, foi o Partido Popular, e relatou obras feitas como o abastecemento de auga ao Baixo Miño, o Paseo do porto, o saneamento coa depuradora, “en definitiva todas as infraestruturas que significaron un antes e un despois deste concello, foron feitas con gobernos do Partido Popular na Xunta e no concello da Guarda”.

Falou máis tarde da Guarda como feudo do Partido Popular ao recordar as altas porcentaxes logradas por esta formación política en distintas convocatorias ás urnas, “Co cal Fany ten, aínda que é un  reto complicado, o camiño marcado: é seguir esa senda marcada polos resultados electorais”.

Quixo facer, tamén, unha reflexión do principal problema que afecta á sociedade, como é o paro. E aquí manexou, Agustín Hernández, unha cifra de case mil parados para este concello, e o principal culpable é o Goberno de España.

Referiuse á estrada do Castro, que outros, dixo, tratan de capitalizar como propia, foi licitada, adxudicada e será rematada co goberno de Feijoo. E mencionou o vial de altas prestacións Tui-A Guarda, que deixaron aprobado no ano 2005, pero que o bipartito tratoulle de buscar un trazado imposible. “Temos en marcha o treito de Tui e o correspondente ao concello do Rosal, e temos aprobado o trazado definitivo para completar ese itinerario entre o concello de Tui e O Rosal a través do concello de Tomiño”.

Clarexou tamén aspectos da lexislación de augas de Galicia, e asegurou que “non é certo o que están decindo os do BNG e do PSOE” respecto dos propietarios de pozos, o mesmo que das tradídas veciñais e comunais, “non vai pasar nada. Nós temos feita unha Lei de Augas de Galicia que é respectuosa, que é unha lei coñecedora da nosa realidade rural, e temos establecida a través da aprobación no Parlamento, das ferramentas necesarias para conseguir que aqueles que teñan un pozo particular, que aqueles que teña nunha traída veciñal non teñan que pagar o canon da auga”.

A polémica das 21 licenzas

Referíndose unha vez máis a Fany, considerouna que será unha alcaldesa que se enfrontará aos problemas e non tratará de trasladalos a outras administracións “como está a pasar neste concello co alcalde que está a gobernar, porque se ten unha característica este alcalde, é que parece como se os problemas non fosen con el”. E aquín entroncou co tema das 21 licenzas. “Foi unha experiencia mou lamentable e moi triste para min, que tivemos neste concello momentos de moita tensión ao respecto de situacións urbanísticas, moi complicadas. Situacións que ninguén quere vivir, é certo. E tiven que vivir situacións moi dolorosas, para min e para esas persoas que perderon as súas vivendas. Ante iso, o que non é normal é que o alcalde traslade o problema á Xunta de Galicia, non é normal. O que hai que facer é mirar á xente á cara; dicir, temos un problema, imos intentar avanzar, e se non eres capaz, decilo á cara aínda que sexa unha experiencia dolorosa, e, despois, intentar arranxalo, e esto é poñerse a traballar para actualizar o Plan Xeral de Ordenación Municipal. O que non é normal é que o único que se faga é mandar escritos aos cidadáns decíndolles que o problema vén da Xunta de Galicia. O que ten que facer o alcalde é coller o coche, ir á Xunta de Galicia, poñerse ao lado do conselleiro, intentar arranxar o problema, facer os deberes; arranxar o PXOM, buscar a ferramenta a través dunha limitación de núcleos ou a través dunha ferramenta de ordenación do territorio, e intentar arranxarlle o problema aos veciños e non intentar arranxar o problema a través da política para intentar sacar un rédito”, e confiou en que “eso o fará Fany cando sexa alcaldesa”.

 

Fany Iglesias

            Pechou a quenda de intervencións Fany Iglesias, quen logo dos agradecementos de rigor, comezou con referencias a algunhas das actuacións do Goberno socialista cuestionando as prioridades dalgunhas obras feitas, coma os parques dos Seixiños, na Gándara, ou de Fedorento, e a renovación da Alameda    cando as necesidades da Guarda son outras. Mesmo asegurou que “logo de gastar máis de cen millóns de pesetas na Alameda, aínda temos que levar aos nosos fillos a xogar ao parque de Pías”.  

            En turismo, “que é o motor do pobo, quedámonos en botar asfalto e nun logotipo”. Diante desta situación, o Partido Popular “quere ofrecer ao noso pobo o que realmente necesita; queremos facer o mesmo que Feijoo fixo cando chegou á Xunta; deixar de lado a confrontación, os problemas co tema do idioma, a propaganda e centrarnos nas prioridades”.

            O obxectivo do Partido Popular será ofrecer un bo goberno aos veciños, e non utilizarán, para elo, “nin a mentira, nin o insulto, nin os malos modos, nin as falsas promesas”. O Partido Popular, asegurou, deu moito a moita xente deste pobo, “agora chegou o momento de devolverlle ao Partido o que recibimos” pedindo un apoio “non só para min, senón para o Partido Popular”.

            Comprometeu, nas próximas eleccións, contar cun equipo válido, de xente formada e preparada, porque non é válida “a fórmula de Freitas de ter un equipo de funcionarios, de liberados sindicais e de xente que resolve os problemas en bares, en festas e en tabernas”.

            Asegurou que os catro anos de Goberno socialista “custounos máis de 500.000 euros en soldos, e non falamos de teléfonos móbiles, de coches oficiais, de visitas a bares e paseos, de aparcar o ‘Toledo’ na Praza dos Seixiños; o goberno máis caro que sufriu o pobo da Guarda en toda a súa historia”, para lembrar deseguido que o Partido Popular tivo alcaldes que nunca cobraron soldo, e concelleiros que facendo “máis que estes, non cobraron dedicacións parciais nin totais”.

            En catro anos foron incapaces, explicou a candidata popular, “de sacar adiante un Plan Xeral que Riego xa tiña ultimado e en estado de avance; tivérono gardado nun caixón durante catro anos e o único que se pode pensar disto e que igual non lles interesa mostralo, quizais se o Plan Xeral fose público, ao mellor non lle votaban nin os seus amigos”. E realizou o primeiro “compromiso do Partido Popular: será rebaixar un 25 por cento, máis de 20 millóns das antigas pesetas, o gasto en soldos”.

            Dirixíndose ao conselleiro Hernández, dixo que “voume pelexar contigo polas necesidades reais da Guarda. O Partido Popular vai dar solución á saída Sur do porto: Agustín, é o noso compromiso asumido agora aquí diante dos guardeses; e o Partido Popular vai axilizar a Vía de Alta Capacidade, que é unha necesidade. E o Partido Popular buscará barrio a barrio e lugar a lugar, todas as melloras que fagan posible unha óptima cualidade de vida dos seus veciños, e aí contaremos, sen dúbida algunha, coa axuda da Deputación Provincial”. E realizou unha petición máis ao conselleiro de Medio Ambiente e Infraestructuras “que os veciños de Pintán e A Proba, teñan tamén beirarrúas”.

            E rematou Fany Iglesia adiantando que no seu programa falarase de aparcamento, limpeza, tráfico, promoción cultural e turística, “que serán piares fundamentais do proxecto popular”.

As súas últimas palabras foron un chamamento “a non permitir que esta xente siga tirando os nosos cartos, e ríndose de nós diante da cara”.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Última reportaxe

 

Feira de San

Gregorio en Pías

(O Rosal)

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2010

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com