|
|
Proxecto RM Río Miño
Reportaxe de Manuel Ángel Pombal
seguinte
Presentación do Proxecto
RM Río Miño no Aquamuseu do Río Minho de Vilanova de Cerveira
O
pasado mércores, 16 de marzo ás 16:30 hora española, tivo lugar no Aquamuseu
do Río Minho de Vila Nova de Cerveira a presentación da marca RM Río Miño
Garantía de procedencia, un sistema de certificación para a pesca do Río
Miño. O acto, ao que asistiron, entre outros, numerosos pescadores,
restauradores e varias autoridades, incluíndo o Presidente da Cámara
Municipal de Vilanova de Cerveira ou a alcaldesa de Tomiño, foi introducido
polo director do propio Aquamuseu, quen lle deu a palabra ao xornalista
gastronómico Miguel Vila que destacou algunhas das características da
lamprea e do proxecto que se presenta como unha garantía para o consumidor
final. A continuación, foron os promotores do proxecto, José Benito Regueiro
(pescador do Rosal), Rafael Couto (Enxeñeiro informático), e Fernando Coello
(Deseñador do logo) os que presentaron o proxecto que inicialmente se lanza
utilizando a lamprea capturada no río Miño, pero que se pensa ampliar ás
outras especies comerciais que se capturan en dito río. Amosaron, de forma
detallada, o proceso de marcado, o sistema de seguimento das lampreas
marcadas (trazabilidade), así como os mecanismos de control e garantía do
uso da marca RM Río Miño.
Como
exemplo da primeira fase do proceso amosouse un pequeno vídeo gravado o
pasado día 3 de marzo no lugar coñecido como “Fondón de Xeixas” e tendo como
protagonistas aos pescadores José Benito Regueiro e Samuel Martínez. As
lampreas capturadas ese mesmo día polo propio José Benito Guerreiro foron
introducidas nun salabardo que unha vez chegado ó pantalán de San Miguel de
Tabagón foi precintado utilizando unha especie de abrazadeira numerada (que
son suministradas pola propia marca RM Río Miño) para poder ser identificado
“a posteriori”. Neste caso concreto, o salabardo coas lampreas foi
estabulado nun dos acuarios do Aquamuseum. Dito salabardo coas lampreas foi
acercado aos presentadores, desprecintado por José Benito e deseguido as
dúas lampreas que contía foron marcadas (troqueladas) coa marca
identificativa (ilústrase nunha das fotos), utilizando para elo unha máquina
especificamente deseñada para tal fin. Ademais, tamén se engade, caudalmente
á marca troquelada na aleta caudal unha etiqueta de plástico que leva un
número de serie (código numérico) e un código QR, ámbolos dous son códigos
identificativos específicos. O código QR pode ser lido directamente, por
exemplo, polos teléfonos móbiles de última xeración apuntando coa cámara
directamente cara ó código. Tamén se pode introducir o código numérico que
presenta na etiqueta directamente na páxina web
www.pescadoriominho.com
e así acceder a toda a información do animal en cuestión, incluíndo
información adicional acerca do pescador que o capturou, a data, e outra
información relacionada co pescador (incluída a súa foto) e a súa
embarcación. Esta información pode ser de interese tanto para o usuario
final como para os intermediarios, incluídos os propios restauradores que,
por exemplo, poden coñecer se a lamprea é “fresca” ou non, ademais de ter a
certeza de que se trata dunha lamprea capturada no río Miño.
Na páxina web
www.pescadoriominho.com,
que aínda se está desenvolvendo, tamén se pode saber cales son os pescadores
e restaurantes asociados co proxecto, os cales ten que asinar unha especie
de contrato “de boas prácticas” no que se especifican os dereitos e deberes
asociados co bo uso do sistema de certificación da marca RM Río Miño.
Seguidamente, tanto o Sr Antunes, como
representante de Turismo da Rexión do Norte de Portugal (CCDR-N) como D.
José Manuel Vaz, como
Presidente da Cámara Municipal de Vilanova de Cerveira, felicitaron aos
promotores do proxecto ao tempo que salientaban algunhas das súas
características e posibilidades de cara ó futuro.
O acto rematou cunha degustación de
lamprea cociñada, neste caso, por un dos restaurantes asociados co proxecto,
o restaurante do Parador de Tui.













seguinte |
|
Carnaval
en
Gondomar
Índice reportaxes 2010
Reportaxes dos lectores
Se
desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen
compromiso enviando un correo a:
galiciasuroeste(arroba)gmail
(punto)com |
|