14/03/2011

     

    

Presentación candidatura PSdeG-PSOE

ás municipais do 22 de maio

    

O Centro Cultural da Guarda acolleu a presentación da candidatura socialista encabezada por José Manuel Domínguez Freitas

Unhas 200 persoas ateigaron o salón de actos do Centro Cultural da Guarda, o pasado sábado, día 12, na presentación da candidatura socialista encabezada por José Manuel Domínguez Freitas. Arroupándoa, ademais de Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG-PSOE, estaban as exconselleiras Carmen Gallego e María José Caride, e corporativos de Oia, Tomiño e O Rosal.

Presentou o acto a concelleira, Montserrat Magallanes quen, na súa intervención, referiuse a “un equipo que con ganas e ilusión posibilitou dedicar todo o seu tempo a traballar, en plasmar ideas en papeis, e dos papeis á realidade”. Considerou ao grupo que forma o Goberno local, como ·un equipo sólido, no que se pode confiar; cercano á xente, próximo á cidadanía”.

E referiuse ao vídeo que se ía proxectar no que se daba conta de todas as realizacións, logros e recoñecementos recibidos pola Guarda; vídeo que recollía o amplo traballo realizado polo goberno socialista en todos os ámbitos da vida local, e que é o aval que presentan para as próximas eleccións a celebrar o 22 de maio.

Noutro momento dixo que para que un equipo funcione, require de alguén que o coordine e lle imprima carácter, mencionando a José Manuel Domínguez Freitas, “unha persoa”, dixo, “que nos representa alá a onde vai; que coñece o pobo, ás súas xentes, que sabe cales son as prioridades da Guarda”.  Apunto de concluír a súa intervención, Montserrat Magallanes dixo que “no 2007 se cambiou o rumbo: o noso pobo xa non pode dar marcha atrás; non estamos para experimentos, nin para estar baixo a dirección de persoas (referíndose a outras formacións políticas) que nestes catro anos nin se lles coñece, nin aportaron nada”.

Pachi Vázquez, secretario xeral dos socialistas galegos

            Na súa intervención, Pachi Vázquez, dedicou eloxios a José Manuel Domínguez Freitas  e ao equipo que durante catro anos levou o timón do concello da Guarda, asegurando que foi  “un equipo cohexionado, disciplinado, homoxéneo, cuxo principal obxectivo era resolver os problemas dos homes e mulleres que viven aquí”.

            Referiuse ao amplo traballo desenvolvido polo goberno local nos catro anos para dar resposta ás necesidades da Guarda e recordou, aludindo a outras posibles mensaxes que poden falar de Galicia ou de España, que nas próximas eleccións “o que se vai decidir é quen goberna este concello o luns, 23 de maio”.

            Tamén falou da crise e adiantou que os próximo catro anos non serán “de investimentos en grandes infraestructuras, senón que serán catro anos nos que os socialistas imos traballar para mellorar a cualidade de vida das mulleres e dos homes que viven no noso municipio”.

            Mencionou, como un dos principias problemas, o do emprego e lembrou a promesa de Núñez Feijoo de que ía rematar o paro en Galicia en 45 días, “e, por desgracia, Galicia encabeza o crecemento do desemprego en España, e por desgracia 248.000 homes e mulleres deste país están nas cifras de paro rexistradas”.

             A educación e a formación, as políticas sociais e as políticas de dependencia, estiveron tamén no discurso do secretario xeral dos socialistas galegos, que tamén quixo distinguir á formación na que milita doutros partidos querendo clarexar que “para nós o máis importante son as persoas”.

            Fixo memoria do número de concelleiros socialistas que hai en Galicia e do número de concellos nos que gobernan, ademais de nas sete grandes cidades de Galicia, cogobernando en Pontevedra, e nas deputacións de Lugo e A Coruña. E queren seguir gobernando, dixo Pachi Vázquez “sen facer trampas, sen comprarlle os deputados nin os concelleiros a nadie, como está facendo o Partido Popular que está comprando en Mos, en Silleda, en Gondomar as vontades”.

            Case rematando, para o secretario xeral dos socialistas galegos, a mellor carta de recomendación que presentan “é a carta de catro anos de traballo”. E finalmente, cualificou a José Manuel Domínguez Freitas e ao seu equipo coma un exemplo que queren imitar outros aspirantes socialistas a gobernar os respectivos municipios.

José Manuel Domínguez Freitas

            José Manuel Domínguez Freitas subiu ao escenario aclamado polos prolongados aplausos do público asistente, fundíndose nun abrazo con Pachi Vázquez.

            Quixo comezar a súa intervención facendo memoria dos inicios da familia socialista na Guarda porque, dixo “a árbore que agromou hai catro anos plantárona unhas compañeiras e uns compañeiros hai 28 anos, alá polo 1983 cando se presentaron por vez primeira a unhas eleccións municipais”.

            Lembrou, tamén, os peores resultados dos socialistas no ano 99, cando o hoxe alcalde encabezou por primeira vez a candidatura do PSdeG-PSOE, e só conseguiu tres concelleiros, pero malia eses resultados, sempre foron unha piña.

            Os pioneiros seguen a compartir o proxecto socialista, e algúns volven á candidatura do 2011: Julia Sobrino e Pedro Borrajo, e “non na lista, pero dentro e para todo, están Uris, Feliciano, Victoriano, David, Agustín e tantos outros”.

            Fixo un resumo Domínguez Freitas do traballo realizado en catro anos, pero antes quixo destacar “o comportamento exquisito dos funcionarios e dos traballadores municipais e o seu compromiso con este pobo”. Asumiu deseguido que “non todo o fixemos ben. Quen fai moito, corre o risco de equivocarse. Pero no conxunto, estamos satisfeitos”. E mencionou a continuación as obras realizadas e, só por citar algunhas, a urbanización das rúas Diego Antonio González e Galicia, a Casa dos Alonsos, a Estrada do Castro e a Senda Litoral, impulsadas, sobre todo, pola xestións de Pachi Vázquez sendo conselleiro de Medio Ambiente; María José Caride, Elena Espinosa e o daquela presidente, Emilio Pérez Touriño.

            Destacou que dos sete auxiliares que tiña o concello para atender a persoas dependentes, pasouse a 18.

            Tamén eloxiou o comportamento da cidadanía “que sempre tivemos a súa complicidade e a súa axuda, incluso coa crítica constructiva”. E puxo como modelo desta colaboración os índices de recollida selectiva “que sitúan á Guarda á cabeza dos concellos de Galicia”.

            Freitas quixo salientar tamén a normalidade “que imprimimos na vida municipal, a ausencia de liortas, o esforzo por atender á cidadanía”.

            No esforzo feito en cultura e patrimonio, foron mencionados o Museo Arqueolóxico de Santa Trega e o Museo do Mar, e lamentou que a Consellería de Cultura se botase atrás no convenio, que xa estaba asinado, e que debería de pór en valor o Castelo de Santa Cruz, e mesmo se referiu ao Plan Director do monte Santa Trega “que a Consellaría se resiste a entregárnolo”.

            Un dos grandes problemas da Guarda, dixo, é o aparcamento, lembrando o estudo xeotécnico encargado con este obxectivo na rúa Manuel Álvarez, e que “haberá que esperar a que mellore a situación económica” entendendo que “a ninguén se lle escapa que teñen que ser as empresas privadas quen o execute”.

            A educación, a sanidade, a muller e a xuventude, tamén estiveron nas palabras de José Manuel Domínguez Freitas, o mesmo que o turismo, lembrando aquí os recoñecementos recibidos polo labor feito: as dúas bandeiras azuis, o premio europeo Edén e a declaración das Festas do Momento como de Interese Turístico.

            O sector do mar segue a ser unha preocupación dos socialistas, e seguirán reivindicando a mellora dos amarres, o surtidor de carburantes e o  espigón do suroeste.

            Para estimular o emprego, falou do parque industrial, considerando unha mala noticia cando hai algúns meses se determinou pola Xunta de Galicia que quedaba en suspenso, polo que, Domínguez Freitas xunto co alcalde do Rosal, xestionaron diante dos organismos competentes que se retome a adquisición de terreos, e en breve así se vai facer.

            Manifestou o seu desacordo porque a Autovía Tui-A Guarda remate en San Roque e nos meta un tráfico innecesario nas estreitas e colapsadas estradas da Guarda.

            Inguieiros, polo que hai que agardar ao que diga a Xustiza logo de que un dos propietarios afectados presentase un recurso contencioso-administrativo; a dobre circulación no vial paralelo á senda litoral, que terá solución coa ampliación dun camiño secular que vai por detrás da depuradora, e que permitirá a saída sur do porto, para o que haberá que adquirir os terreos nunha lonxitude de 300 metros buscándose a financiación da Xunta, e a urbanización da estrada de Circunvalación ao Trega, que recordou que é competencia da Xunta de Galicia, serán obxectivos a conseguir.

            Respecto ao multiusos, para os que o concello dispón de terreos na contorna do Castelo de Santa Cruz e para o que existía orzamento para redactar o proxecto en 2009, sendo conselleira María José Caride, serán reclamacións que os socialistas pensan concluír na vindeira lexislatura.

            Antes de mencionar os integrantes da candidatura socialista, proxectouse un vídeo coas realizacións dos catro anos de goberno socialista, agradecendo a Luis Eduardo Castro Rodíguez, Edu, a elaboración do mesmo, e a Tino Baz a música de fondo.

            E, trala proxección, foi chamando ao escenario ás persoas que integrarán o proxecto socialista nos vindeiro catro anos e que acompañarán a José Manuel Domínguez Freitas neste futuro que comezará o 23 de maio: Montserrat Magallanes Álvarez, Miguel Español Otero, Paulino Rodríguez González, Teresa Vicente Baz, Javier Crespo González, Antonio Lomba, Carmen María Castro González, Almudena Verde Pérez, Diana Alonso Chaver, Miguel Suárez García, Flori Portela Amorín, Marta Alonso Rodríguez, Isabel González Álvarez, Luis Eduardo Castro Rodríguez, Luz Alonso Carrero, Nuria Cerqueira Calatrava, José Bernardo Cadilla Lomba, Julia Sobrino González e Pedro Borrajo Rivas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Última reportaxe

 

A Deputación

entregou mochilas

á U.D.  Ribera

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2010

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com