|
|
Na Revolta: Dezanos
O Centro
Cultural da Guarda acolleu o sábado, 9 de abril de 2011, o
concerto “Dezanos” do grupo Folk Guardés, integrado por Elena, percusión
tradicional; Diego, percusións; Silvia, frauta traveseira; Iván, gaitas;
Miguel, guitarra, e Edu, teclado, gaita do e acordeón. Todos eles da
Guarda, a excepción de Silvia, rosaleira.
A celebración
iniciouse coa proxección dun vídeo no que se recompila,
en clave en clave biográfica-humorística, quen forman parte desta formación
e se repasan algunhans das moitas actuacións e acontecementos nos que
estiveron (están) presentes os músicos de Na Revolta, que con gallo do
aniversario tiñan a venda camisetas para a ocasión.
Houbo tempo
para agradecementos, pero quizais se houbese que mencionar algún especial
ese foi o que Diego dedicou a Xurxo, hoxe por terras británicas e cofundador
desta formación. “Era delgado, pero enchía o escenario...!”, dixo poñendo un
énfase nostálxico nas súas palabras.
Outro momento
significativo foi a colaboración de membros da Banda Negra facendo soar os
bombos, e tocando Diego un bombo que xa é simbólico na banda mariñeira que
desfila nas Festas do Monte: “Non fai falla dicir de quen é este bombo”,
subliñou Diego mostrando o coiro cos debuxos que o ilustran. Todos sabían
que estaba a lembrar a Santamaría, finado o pasado 12 de febreiro.
Foi, sobre
todo, un concerto de música, recopilatorio do amplo repertorio musical de Na
Revolta que non defraudou a ninguén e que, malia esa hora e cuarto de
duración, cumprindo a máxima de Gracián “Lo bueno, si breve, dos veces bueno”.
As rapazas de
Xamaraina, grupo de baile que dirixe Elena Baz, colaboraron con Na Revolta.
Primeiro subiu ao estrado Melissa interpretando unha danza aplaudida polo público asistente e
logo fixéronno outras compoñentes para cantar, primeiro, e bailar, máis
tarde, unha muñeira.
Na Revolta
Naceu esta formación na
primavera do ano 2001 presentándose ao público guardés no seu primeiro
concerto, o 3 de agosto no auditorio de San Benito.
O nome que adotou esta formación é un topónimo da porto da Guarda, un
recuncho no que se reunían os membros do grupo (sen aínda ser tal) para
compartir entre amigos a afección pola música e, como dicían, pasalo ben ata
que xurdiu a idea de “seren un pouco serios” e converterse no que son hoxe.
“Nós
tiñamos un peculiar botellón”, explicaba hai algún tempo Diego. “Mentres
todos os coleguitas ían ao Montiño, nós non; nós íamos á Revolta, de onde
xurdiu o nome. Íamos pola noite, e veña gaitada, algo tamén se bebía. Por
nós se entende os que estamos aquí, e algún máis. Éramos os raros da Guarda;
entón dixo alguén: veña, imos facer algo máis en serio, imos tocar sen
que sexa pola noite. E quedamos un día, e logo outro… ata hoxe”.
Participación en festas
pola zona, en concertos con fines benéficos, en locais e ata nalgún programa
de televisión, van escribindo o curriculum de Na Revolta que no ano 2006
participa no Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña francesa, que
confesan que foi “unha experiencia inolvidable compartindo escanario e
vivencias con artistas chegados de todos os rincóns do planeta”.
O 26 de abril de 2008
gravan o primeiro disco, “Na Revolta ... al punto”, un directo no Centro
Cultural, que contou con distintas colaboracións musicais como as de Moncho
e Mauri, da Banda Negra; Toñi Santos, ao piano; Javi, ao acordeón, Eduardo
(hoxe membro de Na Revolta), e o grupo de Gaitas A Boalleira; así como as
cantareiras de Xamaraina. O disco, como o concerto no que se gravou foi
dedicado “a un dos nosos compoñentes”, Xurxo que deixaría o grupo pouco
despois ao ter que marchar a Inglaterra. “Con el só queremos deixar
constancia desta fase que se pecha para Na Revolta, e que mellor forma de
facelo que gravando a nosa música nun concerto cheo de amigos e bos
momentos”.
Coa marcha de Xurxo, que
estará sempre formando parte do espíritu desta formación, incórporase
Edu, que desde o primeiro momento xa se ve que “hai química”, e sintoniza
con Elena, Diego, Silvia, Iván e Miguel.
Na Revolta vai engadindo
composicións propias e versións ao seu repertorio, formado por pezas
tradicionais arranxadas e por composicións propias, enriquecido tamén con
pezas como “reels” ou “jigas” tradicionais da cultura irlandesa, e ritmos
propios da cultura asturiana.
Felicidades por eses dez
anos e por compartilos con aqueles que gustan da música tradicional.
Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

|
|
Andaina
polo concello
do Rosal
Índice reportaxes 2010
Reportaxes dos lectores
Se
desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen
compromiso enviando un correo a:
galiciasuroeste(arroba)gmail
(punto)com |
|