10/12/2011

     

    

Pleno Infantil no concello da Guarda

   

 

Escolares da Guarda foron concelleirosdesta localidade nun pleno Infantil

O 9 de decembro celebrouse, por quinto ano consecutivo, o Pleno Infantil no concello da Guarda onde alcalde e concelleiros foron, nesta ocasión, escolares dos colexio PP. Somascos, M.R. Sinde, As Solanas e San Xosé, actuando de rexedora Lucía Martínez Lomba, do colexio Nicolás Gutiérrez Campo-As Solanas, actuando como secretario da “Corporación” o funcionario José Carlos Martínez Crespo.

Entre o público asistente, que ao final interveu facendo preguntas, atopábanse outros escolares e profesores e así como o alcalde da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas.

Entre os asuntos que mereceron a atención dos “concelleiros” destacan os que teñen que ver coa eliminación de barreiras arquitectónicas nalgunhas zonas da Guarda e en determinados centros de interese do monte Santa Trega, como os accesos ao Museo ou á ermida da santa que dá nome ao monte.

Outro dos puntos que interesaron aos “corporativos” foi a necesidade de que A Guarda conte cun centro multiusos propondo unha gran variedade de formas de lecer que poderían encher este espazo, ao que tamén buscaron situación mencionando o antigo colexio “Sinde”.

No apartado de rogos e preguntas insistiuse neste último tema, pero tamén noutras cuestións como as incomodidades que provoca aos residentes o botellón na contorna da Alameda, propondo buscar alternativas a este fenómeno; a falta de civismo dos propietarios de cans que os levan a pasear e non recollen os excrementos das súas mascotas; a invasión dos coches ocupando zonas reservadas aos peóns, como ocorre, por exemplo, no paseo peonil da Rúa do Porto, e dotar dunha varanda de protección o paseo marítimo da Robaleira.

Ao finalizar a Sesión Plenaria deuse voz ao público que realizou distintas preguntas ao “grupo de goberno”.

A sesión terminou cunhas palabras do alcalde quen sinalou que se tomará nota das propostas realizadas para estudalas, aínda que aclarou que algunhas cuestións non son competencia do concello da Guarda, senón de Portos de Galicia, como os aparcadoiros irregulares na zona do porto ou dotar dunha protección, en forma de varanda, o paseo peonil da Robaleira.

Para outras, sinalou, precísanse de importantes desembolsos económicos, que nestes momentos de crises non será fácil resolver, pero de calquera modo, sinalou, tomaranse nota das cuestións expostas.

Dixo, noutro momento que a intervención do público nesta sesión, como fixeron os escolares, é algo que a xente ignora, pero que os guardeses teñen tamén esa mesma oportunidade de dirixirse ao Goberno local cando finaliza o Pleno, unha vez solicitada a súa intervención polas canles establecidas.

Finalmente, Domínguez Freitas agradeceu a presenza de escolares e profesores neste acto “que supón unha boa práctica estar aquí porque é unha escola de democracia”.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

121 Aniversario do Recreo Artístico Guardés

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2010

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com